Amosando publicacións coa etiqueta Sly and the Stone Family. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sly and the Stone Family. Amosar todas as publicacións

luns, 23 de novembro de 2015

2120 South Michigan Avenue

Hai moitos anos que os Rolling Stones deixaron de gravar temas exclusivamente instrumentais, pero no seus comezos non resultaba raro atopar algunha canción carente de voz e onde simplemente se pode desfrutar da música. Ese é o caso de "2120 South Michigan Avenue", un tema que apareceu por primeira vez no EP Five by Five (1964) e que sería o xermolo do segundo álbum de longa duración dos Stones, 12 X 5 (1964), que viu a luz poucos meses despois do EP. "South Michigan Avenue" é tamén das escasas cancións que levan a sinatura de tódolos membros que compuñan a banda naquel momento, aínda que o fixeron baixo o pseudónimo Nanker Phelge. O título fai referecia á direccción de Chess Records, a discográfica de Chicago especializada en blues, soul e rock and roll.


Sly Stone, antes de montar cos seus parentes Sly and the Stone Family, sacou unha canción chamada "Buttermilk" (1965) que reproduce a música da canción dos Stones. Case se podería dicir que é unha versión con letra de "2120 South Michigan Avenue".

luns, 20 de xullo de 2015

Thank You For Talkin' To Me Africa

Como pioneiros do funk cando este comezou a pórse de moda nos anos setenta, Sly and the Stone Family continuaban en plena forma co lanzamento de There's a Riot Goin' On (1971), quinto álbum na andaina da formación de San Francisco. Tras publicar un compilatorio de grandes éxitos que recollía o mellorciño que colleitaran ata o momento, procedente de Stand! (1969), Life (1968), Dance to the Music (1968) e A Whole New Thing (1967), o novo álbum afianzaba a posición que Sly and the Stone Family acada como baluarte do novo estilo funk. Cunha mirada posta en África que recorre todo o álbum, a canción que o pecha resume a súa esencia: "Thank You For Talkin' To Me Africa".


Norman Cook nunca ocultou a súa admiración pola obra de Sly and the Stone Family e ó longo da súa andaina en diferentes proxectos pódese apreciar a sombra dos de San Francisco. Cando puxo en marcha Beats International, "Thank You For Talkin' To Me Africa" serviu de base para a canción "Burundi Blues", do álbum de debut Let Them Eat Bingo (1990).

venres, 8 de agosto de 2014

Weapon of Choice

Nese afán que teñen algúns músicos de mesturar diversas cancións para reinventar o funk e o house nunha nova canción, Norman Cook, de alcume artístico Fatboy Slim, revelouse todo un mestre, como ben sabemos neste blog. Tampouco nos cansaremos de repetir que se ben este tipo de artistas se lles pode achacar unha total falta de orixinalidade, hai que recoñecerlle o talento para crear novas cancións a partir doutras, así como a capacidade de rescatar cancións case esquecidas. No amplo repertorio e Fatboy Slim, un dos seus temas con máis éxito é "Weapon of Choice", de Halfway Between the Gutter and the Stars (2000).


En "Weapon of Choice", Fatboy Slim achegou retrincos especialmente de música dos anos 60, como a canción de The Chambers Brothers "All Strung Out Over You", pertencente a The Time Has Come (1967).


Pero máis evidente se cabe no son de "Weapon of Choice" é o tema de Sly and the Family Stone "Into My Own Thing", do álbum Life (1968).


Os toques de hip hop nesta canción de Fatboy Slim corren a cargo de Black Sheep e a canción "The Choice Is Yours (Revisted)", pertencente ó álbum A Wolf in Sheep's Clothing (1991).

xoves, 8 de agosto de 2013

Sissyneck

A mediados dos anos 90n Beck era xa todo un artista consagrado na escena do rock alternativo. Co disco Mellow Gold de 1994 Beck acadara un oco no estrelato e nesa liña seguiron os seguintes traballos que foi publicando. Se ben One Foot in the Grave, que viu a luz cando os ecos de Mellow Gold aínda non se acabaran de apagar, non tivo unha repercusión tan ampla coma o seu predecesor, Odelay (1997) volveu situar a Beck no cumio. Unha das cancións destacadas dese disco é "Sissyneck", que é un pequeno compendio de tres cancións que, entrelazadas, forman un dos singles máis potentes do cuarto álbum de Beck.


O comezo de "Sissyneck" é  un asubío que Beck toma do tema de Dick Hyman "The Moog and Me", que aparece no disco The Age of Electronicus (1969), un dos primeiros traballos de música electrónica.


Outra das cancións que aparece de forma latente en "Sissyneck" é "A Part of Me", de Country Funk, unha banda de finais dos 60 que a incluíu no seu debut discográfico que se chamaba igual que a canción.


E por último, aparece tamén a canción de Sly and the Stone Family "Life", que lle daba título ó disco de 1968.

mércores, 12 de xuño de 2013

Hot Fun in the Summertime

Despois de catro discos publicados con notable éxito, en 1970 chegou ás tendas de música o primeiro recompilatorio de grandes éxitos de Sly and the Stone Family, que reunía as mellores razóns polas que esta banda era unha das mellores do momento. Por se fose pouco, o recompilatorio non se limitaba só a recoller o melloriño de Sly e o resto da familia Stone co engado duns cantos temas novos de recheo para facer máis atractiva á venda, senón que as tres cancións inéditas reincidían na calidade e o talento de Sly and the Stone Family para crear melodías e temas influentes. "Hot Fun in the Summertime" foi escollido como o single que presentaba o disco, unha decisión sumamente acertada.


Non pasaran nin dez anos cando a sona de "Hot Fun in the Summertime" comezou a dar os seus froitos. Fixémonos no comezo da canción de Toto "Hold the Line". O piano está inspirado no da canción de Sly and the Stone Family, como ben teñen recoñecido David Paich e Jeff Porcaro nas entrevistas cando lles preguntaron ó respecto, así como a admiración que senten pola música deste grupo. "Hold the Line" foi o primeiro éxito de Toto e aparece no álbum epónimo co que se deron a coñecer en 1978.


Tamén, aínda que en menor medida, "Hot Fun in the Summertime" está detrás da inspiración dunha canción doutra gran banda. "Misunderstanding", de Genesis, recollida no álbum Duke (1980), lembra levemente ó estilo de Sly Stone. Phil Collins dixo nalgunha ocasión que se inspiraran nela. 

xoves, 4 de abril de 2013

Sing a Simple Song

O funk débelle a Sly and the Stone Family o seu desenvolvemento como xénero musical á altura dos demais.  Nunha idade temperá para este son, Sly and the Stone Family derónlle a relevancia necesaria tras combinar a psicodelia co soul acadando un estilo que ía marcar a centos de bandas posteriores, tanto de funk coma do movemento hip-hop. Co cuarto disco desta formación Stand!  (1969) confirmaron que as súas intencións  de apostar polo funk ían máis en serio ca nunca. "Sing a Simple Song" é unha das cancións máis versionadas dese álbum e tamén das que deixou unha fonda pegada.


A influencia desta canción non tardou moito en callar noutros artistas, coma no xenial Jimi Hendrix, que en 1970, moi pouco tempo despois da publicación do disco de Sly and the Stone Family, editou "We Gotta Live Together" en compaña de Band of Gypsys, que recolle o melloriño do son de Sly and the Stone Family.


Mais dende Hendrix moitos outros artistas empregaron "Sing a Simple Song" como sample nalgún tema propio.Un dos casos máis significativos e que tivo maior trascendencia é o da banda virtual Gorillaz, comandada por Damon Albarn, que en 2001 se acordaron da batería de "Sing a Simple Song" para ao remix da canción "19-2000", incluída no álbum epónimo co que debutaban.

venres, 1 de febreiro de 2013

Dance to the Music

Sly & the Stone Family foi unha das primeiras bandas que mesturou a psicodelia rock cos sons do soul dando comezo a un novo estilo que derivaría no funk tal como o coñecemos. A coidada produción dos seus traballos non pasou desapercibida nos círculos musicais americanos e o seu peculiar son pronto influíu en bandas e artistas consagrados como The Temptations. A canción que lle dá título ó segundo disco "Dance to the Music" (1968) é das que mellor representa a importancia que acadou co tempo Sly & the Stone Family.
 
 
Unha das primeiras cancións que emprega un sample desta canción de Sly & the Stone Family é "Burn the Bastards", un tema do grupo de house The KLF no segundo disco destes ingleses Who Killed the Jams? (1988).
 
 
En 1994, a canción de  Primal Scream "Rocks"  do álbum Give Out But Don't Give Up comeza cunha introdución que lembra moito a "Dance to the Music".