Amosando publicacións coa etiqueta Amy Winehouse. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Amy Winehouse. Amosar todas as publicacións

xoves, 26 de novembro de 2015

Apache

Jerry Lordan deixounos importantes composicións instrumentais que executaron numerosos artistas, como é o caso de The Shadows, que levaron ó máis alto algunhas das súas pezas como "Wonderful Land" e "Apache", canción que hoxe vos presentamos. Non obstante, o primeiro en gravar esta peza, unha das que evoca a vida dos indios americanos, foi o guitarrista Bert Weedon, referencia musical para os propios Shadows. 


Malia que Bert Weedon conseguiu que "Apache" entrase nas listas de vendas británicas no ano 1960, serían The Shadows os que ese mesmo ano lograsen que a súa versión de "Apache" acadase unha popularidade desbordande ó colocala no primeiro posto da lista de vendas de Reino Unido durante cinco semanas e levala ó top 10 da estadounidense, á vez que propiciaba que moitos outros grupos instrumentais, como en España Los Pekenikes, fixesen a súa propia versión.


No entanto, a banda de funk Incredible Bongo Band faría unha versión revolucionaria de "Apache" no seu primeiro disco Bongo Rock (1973), que habería de sentar as bases para futuras versións, ademais de proporcionar samples para novas creacións.


A enorme influencia da versión de Incredible Bongo Band déixase sentir na canción de Amy Winehouse "In My Bed", pertencente ó seu álbum de debut Frank (2003).


A melodía de "Apache" tamén se pode apreciar na canción de David Bowie "How Does the Grass Grow?", do álbum The Next Day (2013), onde o nome de Jerry Lordan aparece nos créditos.

venres, 13 de febreiro de 2015

Cupid

Sam Cooke tivo unha prolífica carreira, que seguramente nos proporcionaría moitas outras grandes cancións se non perdese a vida tan novo. Malia editar os seus primeiros singles en 1957, cinco anos despois ía xa polo terceiro compilatorio que recollía boa parte do material publicado ata daquela. En The Best of Sam Cooke (1962), ademais dos grandes éxitos, Cooke incluíu algún tema inédito que lle serviu para promocionar o disco e facer de gancho para os fans. Desde logo non se trata de ningunha canción menor, pois "Cupid" é unha das máis recordadas se temos en conta as numerosas versións que fixeron desde a súa publicación. Así que a continuación tendes unha pequena mostra dalgunhas das versións máis coñecidas de "Cupid". A ver cal é a vosa favorita.


No álbum tributo que se lle fixo a Sam Cooke We Remember Sam Cooke (1965) The Supremes interpretaron "Cupid" e que supón unha das primeiras versións.


Como gran coñecedor da obra de Cooke, que cantou numerosas veces, Otis Redding tamén gravou "Cupid", difirindo lixeiramente a súa versión das anteriores.


A pesar de que non foi a primeira que a gravou en clave reggae, Amy Winehouse fixo unha das mellores versións dos últimos anos. A dela é de 2007 e pertence a unha edición especial de Back to Black.


"Cupid" tamén serviu para adornar e darlle lustre á canción de Carly Rae Japsen "Tiny Little Bows", que abre o segundo álbum desta moza, Kiss (2012), e co que tanta sona acadou.

martes, 21 de outubro de 2014

You Won't Be Satisfied

"You Won't Be Satisfied (Until You Break My Heart)" é unha das cancións máis famosas composta por Teddy Powell e Larry Stock. É un suave swing que encumbrou en 1946 á orquestra de Les Brown que a gravou contando coa colaboración de Doris Day, que lle puxo a voz á composición de Powell e Stock. Non tardou en converterse nunha das grandes cancións do seu tempo e ese mesmo ano aparecen novas versións coma a conxunta de Ella Fitzgerald e Louis Armstrong, e a de Perry Como with The Satisfiers, que a elevaron á categoría de clásico.


A de Ella Fitzgerald e Louis Armstrong tamén é unha fantástica versión que contribíu ó éxito de "You Won't Be Satisfied (Until You Break My Heart).


Cando xa parecía que a canción que gravara por primeira vez Doris Day quedara no esquecemento, Amy Winehouse rescatouna para que lle servise de base a "Help Yourself", unha das cancións do seu debut Frank (2003).

xoves, 29 de marzo de 2012

Valerie

The Zutons, banda inglesa de rock alternativo procedente de Liverpool, publicou o seu segundo álbum Tired of Hanging Around en 2006, dous anos despois do seu debut con Who Killed... The Zutons?. O segundo traballo confirmou a boa traxectoria que levaba o grupo de Dave McCabe, sobre todo, grazas ó segundo single "Valerie".


"Valerie" non saiu da escena independente ata que o produtor de Amy Winehouse Mark Ronson a convenceu para gravar unha versión que aparecería no álbum Version (2007), segundo traballo discográfico de Ronson  e que se centraba nas versións dalgúns dos temas favoritos de Ronson dos últimos anos. Finalmente, e debido ó éxito do traballo de Winehouse Back to Black decidiuse incluir a nova gravación nunha reedición especial do aclamado traballo da cantante londinense, que faría que "Valerie" chegase ó gran público. A súa popularidade foi tal que supuxo que moita xente crea que é un tema de Amy Winehouse.

venres, 23 de setembro de 2011

Ain't No Mountain High Enough

A canción que hoxe nos ocupa é unha das máis versionadas da discográfica Tamla Motown. Escrita en 1966 por Nickolas Ashford e Valerie Simpson, a canción tivo un enorme éxito en 1967 nas voces de Marvin Gaye e Tammi Terrell, que publicaron un disco conxunto titulado United, onde tamén estaba incluída unha versión da canción de Carson Parks "Somethin' Stupid".

 http://www.goear.com/listen/faa7c08/aint-no-mountain-high-enough-marvin-gaye-y-tammi-terrell

Das versión máis notables que se fixeron desta canción, destaca a que levou a cabo Diana Ross xunto as voces de The Temptations en 1968, nun álbum titulado Diana Ross & The Supremes Join The Temptations, que reunía a dous grupos emblemáticos da discográfica Tamla Motown.


Habería que esperar a 2006 para que despois de innumerables versións, unha canción baseada no tema de Ashford e Simpson a volvese pór de actualidade. O título é "Tears Dry On Their Own" e pertence ó álbum Back To Black da recentemente desaparecida Amy Winehouse.


Curiosamente, a protexida de Amy Winehouse, Dionne Bromfield, versionou "Ain't No Mountain High Enough" no seu disco de debut Introducing Dionne Bromfield, publicado en 2009.