Amosando publicacións coa etiqueta Celtas Cortos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Celtas Cortos. Amosar todas as publicacións

luns, 13 de abril de 2015

Fisherman's Blues

Para o cuarto álbum de The Waterboys, Fisherman's Blues (1988), Mike Scott decidiu darlle unha volta ó son da banda. Cara a finais dos oitenta, o folk irlandés parecía renacer no pop rock do momento; Simple Minds introducía nalgunha das súas cancións un toque celta e o éxito que estaba colleitando The Pogues deixaba ás claras a nova tendencia, así que The Waterboys tamén decidiron contribuír á moda. De aí que no novo álbum se afondase máis nese compoñente folk, que a dicir verdade sempre estivo latente na música de The Waterboys. Con algunha versión de Van Morrison e a musicalización dun poema de Yeats, Fisherman's Blues é un dos discos máis representativos de The Waterboys e a canción que lle dá título é unha boa mostra da arte da banda.

http://assets.parlophone.co.uk/thewaterboys/fishermansblues/images/bandimage.jpghttps://youtu.be/_VKouBHarIo

A música de The Waterboys é unha das grandes referencias do son de Celtas Cortos. No álbum de versións que os de Valladolid fixeron chamado Introversiones (2010) non podía faltar un tema de The Waterboys, e neste caso o elixido foi "Fisherman's Blues", que ademais abre o disco. Adaptada ó castelán, "Blues del Pescador" é unha das cancións máis coñecidas do disco.

http://www.motociclismo.es/media/cache/original/upload/images/imagegallery/6692/imagenes/0712-pinguinos-celtas-cortos.jpghttps://youtu.be/isEYYOiMtCU

martes, 25 de xuño de 2013

La Ciudad Perdida

No panorama pop español máis achegado ó mainstream predominan sobre todo os artistas solistas, que cunha boa promoción da súa casa discográfica, o apoio dos fans e nalgúns casos, unhas boas cancións, acadan pronto o estatus de estrelas. David Demaría é un deses artistas, que conta ademais co mérito de compór as súas propias cancións, algunhas delas certamente moi boas. Quizais "La Ciudad Perdida", que aperece no seu álbum Barcos de Papel (2004) sexa a máis fermosa de todas.


O son celta que David Demaría introduce en "La Ciudad Perdida" é un distintivo desta canción con respecto a outras do compositor, un toque que a achega ó estilo de Celtas Cortos. Curiosamente, cando a banda de Valladolid presentou o disco 40 de abril en 2008 co single "Retales de una vida", a moitos lembroulles a melodía da canción do malagueño Demaría.


martes, 7 de maio de 2013

Hyperballad

A mediados dos anos 90 a artista islandesa Björk estaba no cumio da súa carreira. Consagrada xa como un dos alicerces da música electrónica máis vangardista, a colleita de boas críticas, así como a ampla recepción entre o público, non apagaron o talento creativo de Björk, que aínda nos segue ofrecendo excelentes traballos discográficos, que non deixan indiferente a ninguén. En 1995 publicou o terceiro disco, o da confirmación de que Björk ía deixar unha pegada moi difícil de borrar. Post contén algunhas xoias como "Hyperballad".


O estilo tan persoal da música de Björk fixo que á islandesa lle saísen centos de alumnas que a tomaron de referente para encauza-la súa andaina na procura dun selo propio; xa vimos que mesmo Madonna non soubo resistir o halo de vangarda que chegaba dende Islandia. Unha das discípulas avantaxadas de Björk en España é Najwa Nimri en cuxos primeiros traballos lembran un pouco á música de Björk, pero é posiblemente na canción "Hey Boys, Girls", do segundo disco da navarra Mayday (2003) o máis evidente, xa que parece inspirarse en "Hyperballad".


"Hyperballad" callou de xeito especial na música española, porque non só Najwa a tivo en conta. Celtas Cortos fixeron unha versión en castelán á que chamaron "Abismo" sen renunciar ó son folk que os caracteriza. Pertence ó recompilatorio de grandes éxitos 40 de Abril (2008).

luns, 25 de marzo de 2013

La Senda del Tiempo

A banda vallisoletana Celtas Cortos comezou a súa andaina musical cando os seus integrantes aínda estaban no instituto, pero pouco a pouco foron facéndose un oco na escena pop rock española cun son folk, que   nos anos 80 resultaba bastante innovador nunha escena musical que se caracterizaba por non arriscar demasiado no contexto musical. O primeiro traballo Salida de Emergencia (1989) de Celtas Cortos eran pezas instrumentais e lograron chamar a atención do gran público. Xa co segundo, Gente Impresentable (1990) introduciron as letras, que nunca haberían de pasar desapercibidas na banda de Jesús Cifuentes. Cun forte componente social, nunca renunciaron ós grandes temas de sempre coma o amor, a soidade, etc. "La Senda del Tiempo", unha das súas cancións máis lembradas é todo un himno á melancolía, unha nota que non é o máis habitual atopar na longa traxectoria de Celtas Cortos.


É tan pouco habitual que Celtas Cortos lle canten á melancolía que cando presentaron "Lluvia en Soledad", unha das cancións do álbum Tranquilo Majete (1993), moitos non puideron evitar ver nela unha segunda parte de "La Senda del Tiempo". Outra balada melancólica que repite esquema, pero que demostra que os rapaces de Celtas Cortos saben emocionar como ninguén co seu son folk.