martes, 7 de maio de 2013

Hyperballad

A mediados dos anos 90 a artista islandesa Björk estaba no cumio da súa carreira. Consagrada xa como un dos alicerces da música electrónica máis vangardista, a colleita de boas críticas, así como a ampla recepción entre o público, non apagaron o talento creativo de Björk, que aínda nos segue ofrecendo excelentes traballos discográficos, que non deixan indiferente a ninguén. En 1995 publicou o terceiro disco, o da confirmación de que Björk ía deixar unha pegada moi difícil de borrar. Post contén algunhas xoias como "Hyperballad".


O estilo tan persoal da música de Björk fixo que á islandesa lle saísen centos de alumnas que a tomaron de referente para encauza-la súa andaina na procura dun selo propio; xa vimos que mesmo Madonna non soubo resistir o halo de vangarda que chegaba dende Islandia. Unha das discípulas avantaxadas de Björk en España é Najwa Nimri en cuxos primeiros traballos lembran un pouco á música de Björk, pero é posiblemente na canción "Hey Boys, Girls", do segundo disco da navarra Mayday (2003) o máis evidente, xa que parece inspirarse en "Hyperballad".


"Hyperballad" callou de xeito especial na música española, porque non só Najwa a tivo en conta. Celtas Cortos fixeron unha versión en castelán á que chamaron "Abismo" sen renunciar ó son folk que os caracteriza. Pertence ó recompilatorio de grandes éxitos 40 de Abril (2008).

Ningún comentario:

Publicar un comentario