Amosando publicacións coa etiqueta Led Zeppelin. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Led Zeppelin. Amosar todas as publicacións

venres, 8 de abril de 2016

Rain (4)

Seguimos cunha nova entrada monográfica dedicada á serie que estamos facendo sobre a choiva. Desta volta, vamos a centrarnos nalgunhas das cancións máis destacadas dos anos noventa, pero antes de ver esa pequena lista queremos comezar cunha canción de Led Zeppelin, outra que Jimmy Page escribiu á chuvia, "Fool in the Rain", ademais da de "The Rain Song" que xa vimos noutra entrega. "Fool in the Rain" é unha das cancións do álbum In Through the Out Door (1979).

E agora si, imos con cinco cancións dos noventa sobre a choiva, aínda que avisamos que haberá máis en próximas entregas. Simplemente "Rain" é como titulou Madonna a unha das súas cancións do álbum Erotica (1992).

http://40.media.tumblr.com/0efd3213a91ed35964abf97d278fd463/tumblr_nnig201ppX1utf4ivo1_1280.jpghttps://youtu.be/15kWlTrpt5k
 
Roxette tamén é outro dos grupos que mostran unha enorme preferencia polos títulos con "Rain" e o exemplo máis claro témolo no álbum Tourism (1992), con dúas cancións. Unha delas é "The Rain". A outra, o single "Queen of Rain", deixámola para outra entrega.
 
 
Counting Crows deron todo un pelotazo co seu álbum de debut August and Everything After (1993), que ademais do famosísimo "Mr. Jones" tamén contén esta fantástica canción "Rain King", que tamén foi single.


Outra canción que fala da choiva daquela época é a de 2unlimited "Nothing Like the Rain", incluída no álbum Real Things (1995). É unha das máis tranquilas do dúo neerlandés, que marcaron unha época co seu son techno.

https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgvCcAf5wvdp_84eM6HSd2OxQkeKuvjP7uuYJBvFEoFGErAdK1F5ywihisjvx7EC5gBguflyyT7B1AndLWifrsTYwTBeODeke76ERcS2EWxGD1pPP-AwCNXSrVaBcZk2LFX0mVarJjqQIuG/s1600/2unlimited_in_yellow.jpghttps://youtu.be/P5GUa5HgSno 

Como unha especie de resposta á canción de Jesus and Mary Chains, que xa vimos noutra ocasión xurdiu a canción de Garbage "Only Happy When It Rains" no álbum epónimo que lles servía de debut en 1995.

 http://miradalternativa.com/wp-content/uploads/2015/10/garbage-1995-700x400.jpghttps://youtu.be/esEdC0c3YI4

O primeiro corte do oitavo álbum de Erasure, Cowboy (1997), foi precisamente "Rain"

https://i.ytimg.com/vi/XPNjcLAplsY/hqdefault.jpghttps://youtu.be/cNFmyTn6vWc

xoves, 4 de febreiro de 2016

Rain (2)

Segunda entrega do monográfico dedicado ás cancións que levan no título a verba "choiva". Desta volta arrincamos coa famosa canción de George Hamilton IV "Early Morning Rain", pertencente ó álbum Steel Rail Blues (1966). Esta canción tivo un enorme éxito nas voces doutros artistas coma Bob Dylan, Judy Collins e Elvis Presley, entre outros moitos, o que lle acabou quitando protagonismo á versión orixinal de George Hamilton IV.

https://youtu.be/nP6W8wEC4KI

Albert Hammond deleitounos coa canción "It Never Rain in Southern California", que lle daba título ó album de 1972. Co tempo, volveuse unha das composicións máis recoñecidas deste artista.

https://youtu.be/-pyC7WnvLT4

Outra canción que fala por excelencia da choiva é a de Led Zeppelin "The Rain Song" no álbum Houses of Holy (1973).


Cambiando de terzo, o debut de Terence Trent D'Arby Introducing the Hardline according to Terence Trent D'Arby (1987) tamén contén unha canción titulada "Rain".

https://youtu.be/ro8ys2Px_8g

Os incombustibles Rolling Stones tamén lle compuxeron á choiva en "Rain Fall Down", canción dun dos últimos discos da banda, A Bigger Bang (2005).

https://youtu.be/2mHHq7zcim8

E por hoxe, non podiamos rematar sen outra gran canción sobre a choiva, a marabillosa "Singing in the Rain", que lle daba título ó musical de Gene Kelly. Se xa a canción roza a excelencia por si soa, a escena na que Kelly pasea baixo a choiva bailando co paraugas fica a imaxe da canción como unha das máis significativas, facendo que a molestia que supón a chuvia para andar polas rúas resulte ata agradable.

https://youtu.be/w40ushYAaYA

luns, 4 de xaneiro de 2016

Friends

Coa sona de copións que os de Led Zeppelin se gastan desde practicamente os seus comezos, a ninguén lle debería de sorprender a capacidade de Jimmy Page e compañía para renovar con lixeiras variantes as melodías das que eles mesmos son autores. Así que na discografía da banda que soubo facer do dubidoso gusto polo plaxio unha verdadeira arte mellorando incluso os acordes orixinais non faltan cancións propias sospeitosamente parecidas entre si. De feito, pódese establecer un conxunto de tres cancións que xiran en torno a mesma melodía que aparecen en diferentes álbums de Led Zeppelin. Son as cancións, "Friends", "Bron-Yr-Aur" e "Poor Tom" que pertencen respectivamente ós discos Led Zeppelin III (1970), Physical Graffiti (1975) e Coda (1982). Ámbalas tres cancións comparten os mesmos arranxos de corda no que semella un exercicio de perfeccionamento dunha melodía que derivou nas tres cancións.


Como xa comentamos, tras "Friends" viu a luz "Bron-Yr-Aur", unha peza instrumental que reproduce o mesmo modelo da canción anterior.


Algo máis diferente que as súas predecesoras é "Poor Tom", que se recolle no derradeiro álbum de estudio de Led Zeppelin. Malia que a canción se coñeceu en 1982, data de publicación de Coda, apréciase que a "Poor Tom" foi composta varios anos antes, na mesma época ca "Friends" e todo parece indicar que é unha revisión a fondo da famosa melodía, pero con nova letra e algún arranxo novo, un descarte no seu momento que recuperaron para esa especie de colección de rarezas que é Coda e que supuxo a despedida dunha das mellores bandas de rock de todos os tempos.

venres, 9 de outubro de 2015

Babe, I'm Gonna Leave You

Escrita pola cantautora Anne Bredon e gravada por primeira vez por Joan Baez no álbum Joan Baez in Concert, Part. 1 (1962), "Babe, I'm Gonna Leave You" era un tema folk máis, con pinta de acabar formando parte do repertorio de calquera cantautor que se decantase por incluír versións nos seus discos. Por tanto, era unha canción habitual das bandas folk e seguramente unha das favoritas de Robert Plant. Malia que non está moi claro, non sería de estrañar que Plant, gran admirador de Joan Baez, lle propuxese a Jimmy Page, outro fan da cantautora estadounidense, facer unha versión de "Babe, I'm Gonna Leave You", mentres preparaban o primeiro disco de Led Zeppelin, a nova banda que Page acababa de pór en marcha, e que debutou con Led Zeppelin (1969), cuxo corte 2 era a versión de "Babe, I'm Gonna Leave You".


Sería precisamente a versión de Led Zeppelin, que apareceu no álbum epónimo da banda de Jimmy Page en 1969 a que marcou as pautas do desenvolvemento do rock progresivo, co que poderiamos dicir que se inauguraba unha nova fase na evolución do rock. Ó transformala nunha canción máis achegada ós sons electrificados, "Babe, I'm Gonna Leave You" convertiuse nunha das cancións que mellor definen o estilo de Led Zeppelin.


A mesma escala harmónica que Led Zeppelin reproduciu nas súas cancións seguírona logo outros grupos coma a Electric Light Orchestra nos seus primeiros traballos e Jethro Tull, ó igual que outras bandas que fixeron do rock progresivo a súa razón de ser. Fíxemonos senón, na canción de Chicago "25 or 6 to 4" que se inclúe no álbum Chicago (1970) e cómo a influencia de Led Zeppelin, e concretamente da versión de "Babe, I'm Gonna Leave You", é máis que palpable.


O mesmo se pode aplicar a "Suite Madame Blue", tema de Styx pertencente a Equinox (1975) totalmente ledzepeliano que parece fluctuar entre "Babe, I'm Gonna Leave You" e o magnífico "Starway to Heaven".


A Steve Miller Band non quedou atrás e en Book of Dreams (1977) amosaba a canción "Winter Time", parente sen dúbida das cancións anteriores coas que garda tódalas similitudes propias do xénero.


xoves, 25 de xuño de 2015

Since I've Been Loving You

Un ano despois da publicación do segundo álbum, Led Zeppelin volvían á carga con novo material. Igual que nos traballos anteriores, a banda formada por Jimmy Page, Robert Plant, John Paul Jones e John Bonham non se complicaron a vida na procura dun título rechamante e bautizárono como Led Zeppelin III (1970), onde se seguía afondando na mestura do folk e o blues co son máis duro do rock progresivo. Un dos mellores exemplos de rock blues do álbum é "Since I've Been Loving You", unha canción que asinan tódolos integrantes de Led Zeppelin, agás John Bonham, e que non adoitaba faltar en ningún dos concertos.


Robert Plant reelaborou algúns elementos de "Since I've Been Loving You" na canción do seu álbum en solitario Now and Zen (1988) "White, Clean and Neat".


En 1994 Plant e Page editaron un álbum en directo con algunhas das cancións de Led Zeppelin titulado No Quarter e "Since I've Been Loving You" non podía faltar, iso si, esta vez cun tratamento acústico respecto da orixinal.

xoves, 23 de abril de 2015

What Comes Around

Pioneiros na mestura do rock co hip hop, dous estilos en apariencia incompatibles, Beastie Boys acabaron por liderar unha nova corrente musical que decontado habería de atopar seareiros dispostos a imitar o xeito de facer música deste grupo de Nova York. O produtor Rick Rubin, co que traballaron nos seus comezos, deulle forma ó proxecto e xa co segundo álbum, Paul's Boutique (1989), amosaron que os Bestie Boys eran unha banda de longo recorrido. Na canción "What Comes Around" rendénlle tributo ás influencias rockeiras que os inspiraron e para iso, empregan os retrincos de cancións dalgunhas das bandas máis coñecidas, como son Led Zeppelin e Alice Cooper, mentres que na letra menciónase algunha canción de The Ramones.


De Led Zeppelin escolleron un tema instrumental titulado "Moby Dick" que está recollido no álbum Led Zeppelin II (1969).


Outra das cancións que podemos atopar agochadas en "What Comes Around" é a de The Three Sounds xunto con Gene Harris, "Put on Train", pertencente ó álbum Live at It Club (1970).


Finalmente, o tema de Alice Cooper "It's Hot Tonight", que abre o álbum Lace and Whiskey (1977), é o terceiro que compón "What Comes Around".

xoves, 11 de decembro de 2014

Immigrant Song

A sona de Led Zeppelin como unha das bandas máis afeitas a aproveitar calquera influencia externa está máis que xustificada, pero como sempre comentamos, ás veces máis ca un defecto que lle debemos recriminar a Jimmy Page, principal autor das cancións de Led Zeppelin, case hai que felicitalos por saber aglutinalas cun estilo propio que en moitas ocasións, case nada ten que ver coas orixinais. Outro dos tantísimos exemplos que poboan a discografía desta gran banda do heavy, é "Immigrant Song", que abre o tereceiro disco, Led Zeppelin III (1970). Neste caso non hai que recorrer ás cancións doutros grupos con menos sorte, senón ó cine. E é que parece que detrás desta canción de Led Zeppelin, unha das máis recoñecidas polo riff de guitarra, están o musical South Pacific, por un lado, e a serie de televisión "Get Smart". Comprobemos senón as semellanzas.


Unha das cancións de South Pacific, o musical de 1949 composto por Richard Rodgers e Oscar Hammerstein, que parece que influíron na elaboración de "Immigrant Song" é "Bali Ha'i". Nótase sobre todo na interpretación da voz de Robert Plant.


A banda sonora da serie de televisión dos anos sesenta "Get Smart" na que se parodiaba a figura do axente secreto, tamén tivo algo que ver. O fondo de "Immigrant Song" garda algunha semellanza con ela.


Pero por moi "copións" que resulte Jimmy Page e compañía, o certo é que a influencia de Led Zeppelin é enorme e poucas bandas dedicadas ó rock ou ó heavy non a teñen como unha das maiores referencias. No álbum Utopía (2008) Asfalto faille un aceno evidente á música de Led Zeppelin, e concretamente a "Immigrant Song" coa canción "Lusitania Expréss".

xoves, 10 de xullo de 2014

Purdie Shuffle

Bernard Purdie é un batería que traballou como músico de sesión para discográficas tan importantes coma EMI e Capitol, o que lle deu a oportunidade de participar na gravación de álbums dalgúns dos mellores artistas e grupos da talla de James Brown, Aretha Franklin, Miles Davis e Joe Cocker, entre outros. Gran coñecedor do blues e do jazz, Purdie tamén asinou unha fructífera carreira en solitario desde os anos 60 cun son que algúns cualifican de protofunk. Pero a Bernard Purdie recórdase sobre todo pola variación que creou á batería, unha maneira moi particular que lle valeu o recoñecemento de músicos e que se coñece como Purdie shuffle en honor ó seu creador. Algunhas cancións moi coñecidas empregan esta técnica na súa execución. Antes de dedicarnos a elas, vexamos en que consiste o Purdie shuffle da man do propio autor.

http://youtu.be/6FX_84iWPLU

Un dos primeiros grupos en utilizar esta técnica foi Steely Dan na canción "Home at Last", no álbum Aja (1977). Bernard Purdie traballara con eles no disco anterior, The Royal Scam (1976) e volveu repetir en Aja, polo que era natural que nalgunha canción aparecese o famoso Purdie shuffle.

http://youtu.be/sea3lnVgyrY

Esa non sería a última vez que Steely Dan recorrese o Purdie shuffle; no seguinte álbum, Gaucho (1980) empregárono de novo na canción "Babylon Sisters". http://youtu.be/pAuPMJlK92s

En 1979, Led Zeppelin, sempre tan atentos ás innovacións que afectasen ó rock, usárono en "Fool in the Rain", tema do álbum In Through the Out Door.

http://youtu.be/c6hpI4_Sm-8

Aínda o Purdie shuffle pode escoitarse en cancións relativamente recentes coma a de Death Cab for Cutie "Grapevines Fires", pertencente ó disco Narrow Stairs (2008).

http://youtu.be/Yu4qQKlyF7s

Pero sen dúbida a canción con esta técnica que máis éxito tivo foi a de Toto "Rosanna", que aparece no álbum Toto IV (1982).

http://youtu.be/11f4BgJKxJc

A sona desta canción de Toto serviulle a Art of Noise para elaborar "Beat Box", unha das cancións máis destacadas que se atopan no álbum Who's Afraid of the Art of Noise? (1984) e que anteriormente aparecera no EP Into Battle with Art of Noise (1983).

http://youtu.be/gFzfRUn1QVo

xoves, 3 de abril de 2014

She Moved Through the Fair

Como vimos tantas veces, as cancións tradicionais son unha fonte inagotable de influencia para a música moderna dende sempre. Moitas cancións rock cun estilo innovador en realidade están baseadas en melodías antigas que perviven a través de interpretacións novas que se van adaptando á actualidade. A tradición irlandesa é unha das máis prolíficas, pois a ela acoden os músicos continuamente e por iso a lírica irlandesa é das máis coñecidas do mundo. "She Moved Though the Fair" conta con innumerables versións gravadas, especialmente desde a década de 1950, algúns respectando estritamente o estilo tradicional e outros, coma o irlandés Paddy Tunney reescribindo parte da letra pero sen meterse coa liña melódica. En calquera caso, cada músico deulle a "She Moved Through the Fair" o seu toque persoal, que fai que cada versión desta canción sexa realmente única. Unha das máis importantes é a de Davey Graham en 1962, que aparece no EP From a London Hootenary. A versión de Graham ten a particularidade de que é só instrumental, é dicir, prescinde completamente da letra para deixar só a melodía.


Baseada na versión de Davey Graham, Jimmy Page compuxo durante a súa etapa en The Yardbirds o tema instrumental "White Summer" e que apareceu no álbum Little Games (1967). A principal novidade que Page engade é  certa influencia oriental que a distingue completamente da de Graham.


Jimmy Page sentía unha especial inclinación por "White Summer", incluso moito despois de abandonar The Yardbirds e formar Led Zeppelin, e era habitual que a interpretase nos concertos da nova banda. Tanto era o peso que "White Summer" significaba para Led Zeppelin que o comezo de "Over the Hills and Far Away", un dos temas do disco Houses of the Holy (1973), recorda moito a "White Summer", e por suposto, cun son que remite á interpretación que Davey Graham fai de "She Moved Through the Fair"

http://youtu.be/0EVNeh9dasI

Outra banda que tamén baseou unha canción súa en "She Moved Through the Fair" foi Simple Minds con "Belfast Child", no álbum Street Fighting Years (1989).

http://youtu.be/7vhhTvcLoRw

mércores, 29 de xaneiro de 2014

Dancing Days

No quinto álbum de Led Zeppelin, Houses of the Holy (1973), por primeira vez a banda comandada por Jimmy Page e Robert Plant ofrecía ó publico unha colección de cancións orixinais, prescindindo de versións doutros temas coñecidos que ata daquela adoitaban aparecer nos anteriores traballos de Led Zeppelin. Tamén, por unha vez, o novo álbum non levaba o título da banda e iso, xa nun principio, parecía indicar un avance na evolución da banda, como así foi. O son de Led Zeppelin, tradicionalmente tan apegado ó blues, nutriuse de novos estilos coma o reggae, o funk e incluso o doo-wop ten presenza na canción "The Ocean". E todo iso sen que a calidade se resentise no máis mínimo. "Dancing Days", sen ser a mellor canción do disco, contén toda a esencia de Led Zeppelin.


E con reminiscencias desta canción, "Rattled by the Rush" de Pavement, do álbum Wowee Zowee (1995), parece rendirlle tributo a unha das grandes bandas de referencia de calquera músico que queira dedicarse ó rock.

martes, 5 de novembro de 2013

Boom Boom

A importancia que o blues tivo para o rock mantívose durante boa parte dos anos 60, cando xa o rock estaba chegando á plena consagración. Non obstante, os novos músicos que participaban na evolución deste estilo tiñan moi presentes ós vellos músicos de blues, que pola súa banda, seguían dedicándose á súa paixón seguindo as pautas clásicas, pero sen perder de vista o novo devir que estaba tomando a música feita por guitarras. John Lee Hooker era xa case unha lenda cando en 1962 cando publicou o seu terceiro álbum de longa duración Burnin' que contén unha canción que hoxe é todo un clásico do blues "Boom Boom" e que, ademais das versións que se teñen feito, infuíu no estilo musical dalgúns dos grandes grupos que naceron nesa década.

http://youtu.be/X70VMrH3yBg

Nos comezos de Fleetwood Mac, o blues dominaba o estilo das cancións da banda. Peter Green, daquela o principal compositor, escribiu "Oh Well", un dos primeiros singles que viu a luz. Editado en 1969, "Oh Well" contén dúas partes ben diferenciadas. Na cara A aparece a "Part 1", cun son herdado precisamente dos mellores músicos de blues e onde a influencia de Hooker déixase notar. "Oh Well, Part 2" é un tema instrumental sen máis acompañamento que unha guitarra acústica. En calquera caso, ofrecémosvos ás dúas.

http://youtu.be/b19PcuJsQbA

Centrémonos de novo na primeira parte de "Oh Well" porque o seu son tamén ía ser decisiva na composición doutro dos grandes temas con que Led Zeppelin nos ten obsequiado na súa carreira. "Black Dog", do álbum Led Zeppelin IV (1971) comeza cuns versos e un son inspirados no tema de Fleetwood Mac.

http://youtu.be/52NTaShUqVw

venres, 14 de xuño de 2013

The Lemon Song

O paso de Jimmy Page por The Yardbirds non foi en balde. Cando pouco despois, Page formou a súa nova banda Led Zeppelin xunto con Robert Plant, John Bonham e John Paul Jones xa tiña decidido as liñas mestras polas que ía transitar o son do grupo. Un rock potente a base de guitarras, pero sen renunciar ás raíces do blues que tanto marcaran a Jimmy Page. De modo que en tódolos traballos de Led Zeppelin hai sempre uns trazos do blues máis clásico, que Led Zeppelin adoitaba versionar tanto no estudio coma nos concertos, e que para os detractores da banda é unha mostra de que eran uns copións, mentres que para a maioría, Led Zeppelin perpetuaba unha música e unhas cancións que nunca deberían caer no esquecemento. No segundo disco Led Zeppelin II está a canción "The Lemon Song", inspirada nuns cantos éxitos de blues. Un deles do principal bluesman de todos os tempos, Robert Johnson. "Travelling Riverside Blues", de 1937,  inspirou a letra.


Outra é "Crosscut Saw" gravada por primeira vez en 1941 por Tommy McClean en1941, aínda que ese mesmo ano tamén a gravou Tony Hollins.


Aínda que din que a que a canción que máis influíu en "The Lemon Song" é "Killing Floor", de Howlin' Wolf, de 1964 e cuxos compás son máis evidentes na canción de Led Zeppelin.


Seica a mestura sutil destas fabulosas cancións de blues deron como resultado "The Lemon Song", terceiro corte de Led Zeppelin II (1969).