xoves, 11 de decembro de 2014

Immigrant Song

A sona de Led Zeppelin como unha das bandas máis afeitas a aproveitar calquera influencia externa está máis que xustificada, pero como sempre comentamos, ás veces máis ca un defecto que lle debemos recriminar a Jimmy Page, principal autor das cancións de Led Zeppelin, case hai que felicitalos por saber aglutinalas cun estilo propio que en moitas ocasións, case nada ten que ver coas orixinais. Outro dos tantísimos exemplos que poboan a discografía desta gran banda do heavy, é "Immigrant Song", que abre o tereceiro disco, Led Zeppelin III (1970). Neste caso non hai que recorrer ás cancións doutros grupos con menos sorte, senón ó cine. E é que parece que detrás desta canción de Led Zeppelin, unha das máis recoñecidas polo riff de guitarra, están o musical South Pacific, por un lado, e a serie de televisión "Get Smart". Comprobemos senón as semellanzas.


Unha das cancións de South Pacific, o musical de 1949 composto por Richard Rodgers e Oscar Hammerstein, que parece que influíron na elaboración de "Immigrant Song" é "Bali Ha'i". Nótase sobre todo na interpretación da voz de Robert Plant.


A banda sonora da serie de televisión dos anos sesenta "Get Smart" na que se parodiaba a figura do axente secreto, tamén tivo algo que ver. O fondo de "Immigrant Song" garda algunha semellanza con ela.


Pero por moi "copións" que resulte Jimmy Page e compañía, o certo é que a influencia de Led Zeppelin é enorme e poucas bandas dedicadas ó rock ou ó heavy non a teñen como unha das maiores referencias. No álbum Utopía (2008) Asfalto faille un aceno evidente á música de Led Zeppelin, e concretamente a "Immigrant Song" coa canción "Lusitania Expréss".

Ningún comentario:

Publicar un comentario