The Stone Roses non tiveron unha traxectoria moi ampla, pero a súa aparición na sempre efervescente escena británica foi desas que se pode cualificar de míticas. O seu son serviu de semente para o que logo habería de ser o britpop, e xunto con The Smiths, procedentes tamén de Manchester, crearon o subxénero Madchester, dos máis influentes no mundo indie dos oitenta. Durante o tempo que se mantiveron en activo publicaron dous discos deliciosos, The Stone Roses (1989) e Second Coming (1994), con cancións coma "I Wanna Be Adored" e "Love Spreads", por citar dúas das mellores de cada álbum, que agrandaron a lenda. Con todo, fíxose habitual que de vez en cando se editasen recompilatorios da banda, incluso mentres o grupo aínda non se separara, e logo reedicións dos discos de estudio e en cada un deles sempre había algunha sorpresa, ora cun tema inédito, ora con versións estendidas das xa coñecidas. Con motivo do décimo aniversario da publicación de The Stone Roses, saíu unha reedición que contiña algunha canción nova como "Where Angels Plays", que despois tamén se incluiría no recompilatorio que celebraba o vixésimo aniversario 20th Anniversary of The Stone Roses (2009).
Ben é certo que "Where Angels Plays" nunca tivo moita visibilidade na andaina de The Stone Roses e talvez por iso, Ian Brown, que comezou unha carreira en solitario tras The Stone Roses, volveuna gravar, pero como cara B do single "Time Is My Everything", pertencente a Solarized (2004).
Ningún comentario:
Publicar un comentario