Amosando publicacións coa etiqueta Queen. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Queen. Amosar todas as publicacións

venres, 17 de febreiro de 2017

Seven Seas of Rhye

En 1973 o rock progresivo, que comezara a coller forma a finais da década anterior, ía contar cunha nova banda que ía facer historia no mundo da música, xa que no verán daquel ano Queen publicada o seu primeiro traballo discográfico, un álbum epónimo, onde xa o carisma de Freddie Mercury, o seu talento e o do resto da banda quedaba plasmado nas dez cancións que o compuñan. A que pecha o álbum é "Seven Seas of Rhye", un marabilloso tema composto por Mercury que volvería a aparecer no seguinte LP da banda, Queen II (1974), que saíu apenas un ano despois do debut.


Freddie Mercury aproveitou algúns dos trazos do piano que se escoitan en "Seven Seas of Rhye" na canción "It's a Beautiful Day", que se publicou no álbum póstumo Made in Heaven (1996).

venres, 4 de setembro de 2015

Magic

Unha vez máis, retomamos unha nova entrega monográfica de cancións cun contido igual no título, desta volta, sobre a maxia. Baixo o epígrafe de "Magic" tendes aquí unha selección de temas máxicos, coma o "Magic" de Olivia Newton John, que abría o disco da banda sonora do musical Xanadu (1980), que ela mesma protagonizaba.


Outro "Magic" famoso é o de The Cars, do álbum Heartbeat City (1984), que se escolleu como segundo single.


Dese mesmo ano é o "Magic" de Mick Smiley que aparecía na banda sonora de Ghostbusters (1984), unha das películas que marcou a década dos oitenta.


Como máxico tamén é o de Queen "A Kind of Magic", que lle daba nome ó duodécimo álbum da banda de Freddie Mercury editado en 1986 e que, ademais, formou parte da banda sonora de Hightlander, máis coñecida no noso país como Os inmortais. Víase ás claras que calquera canción co este título parecía ter algo de predisposición a formar parte do cine.

https://youtu.be/cIZFq3VDeUY

"Magic" tamén é o nome da canción que titula o ábum que Bruce Spingsteen publicou en 2007,

https://youtu.be/WCVJny3Va4I

No décimo álbum de Ryan Adams, xunto coa súa banda The Cardinals, Cardinology (2008), atópase "Magick", corte catro.

https://youtu.be/d0xvEMYBrcc

E o último "Magic" con certa repercusión é o primeiro single de Ghost Stories (2014), o sexto álbum de Coldplay.

https://youtu.be/1PvBc2TOpE4

martes, 23 de xuño de 2015

Tie Your Mother Down

O quinto álbum de Queen, A Day at the Races (1976), comeza con "Tie Your Mother Down", un tema de Brian May que escribiu mentres pasaba unha tempada en Tenerife mentres traballaba como astrónomo, e foi o segundo single do álbum tralo espectacular "Somebody to Love", de Freddie Mercury. "Tie Your Mother Down", que non é dos temas máis recordados de Queen, é unha excelente mostra de hard rock, onde predomina a forza das guitarras eléctricas en toda a composición, xa sen rastro da guitarra española coa que May debuxou os acordes. O propio Brian May deixou constancia en varias ocasións de que se inspirara nos riffs de dúas cancións rock para a elaboración dos trazos máis significativos de "Tie Your Mother Down".


Unha das cancións que influíron directamente en "Tie Your Mother Down" é a de Taste "Morning Sun", unha canción pertencente ó segundo álbum da banda irlandesa, titulado On the Boards (1970)


Cara ó final de "Tie Your Mother Down", os acordes aproxímanse á canción é a de T. Rex "Funky London Childhood", tema do álbum Prince of Players (The Alternate Dandy in the Underworld) (1976), que saíra en xaneiro, case un ano antes da publicación do disco de Queen.

https://youtu.be/higKU0UuN0Y

Por outra banda, a concepción de A Day at the Races é claramente cíclica, é dicir, a derradeira canción do álbum, "Teo Torriatte", remata cos mesmos acordes cos que comeza a primeira, que neste caso é "Tie Your Mother Down".

https://youtu.be/RSetfycYLFo

luns, 4 de agosto de 2014

Vesti la giubba

Paggliacci é a famosa ópera de Ruggero Leoncavallo que se estreou en Milán en 1892 e que acabou por sobrepasar a sona do seu autor. Esta ópera na que Leoncavallo lles deu todo o protagonismo ós pallasos é coñecida máis aló dos círculos operísticos grazas a aria "Vesti la giubba" coa que remata o primeiro acto. En "Vesti la giubba", Leoncavallo amosa unha das contradiccións que se achacan ós pallasos, é dicir, a súa tristura nunha profesión que ten o obxectivo de facer rir. Cun ton lastimeiro, o dramatismo de "Vesti la giubba" ten unha forza emotiva inmensa, polo que se entende perfectamente que moita xente coñeza a aria pero non a asocie cunha peza de ópera. 


A paixón de Freddie Mercury pola ópera e os xéneros clásicos reflíctese moitas veces na música de Queen, e un exemplo é "It's a Hard Life", do álbum The Works (1984), na que Mercury decide comezar cantando un pequeno fragmento de "Vesti la giubba" antes de dar paso a unha das cancións máis importantes dese disco.

venres, 29 de novembro de 2013

You'll Never Walk Alone

Se hai unha canción que sobresaíu por riba de todas as do musical Carousel esa foi "You'll Never Walk Alone". Moitos artistas decidiron gravar unha versión, pero onde realmente "You'll Never Walk Alonde" se converteu en todo un himno foi nas bancadas dos campos de fútbol do Reino Unido. Os siareiros do Liverpool foron os primeiros en incorporala  ós cantos de ánimo ós seus xogadores en Anfield xa nos anos 60 e pronto outras afeccións seguirían o seu exemplo coma o Celtic de Glasgow, ata facer que hoxe a canción composta por Richard Rodgers e Oscar Hammerstein estea máis asociado ó mundo do fútbol ca o dos musicais. Christine Johnson, a actriz de que daba vida a Nettie Fowler en Carousel, foi a primeira en interpretala, en 1945.

http://youtu.be/wlsUfOjVhrM

A pesar que conta cunha infinidade de versións, as máis emotivas sempre proceden das bancadas dos campos de fútbol, especialmente as de Anfield. Isto entendérono moi ben David Gilmour e Roger Waters, que non resistiron a tentación de engadir ese son único na canción "Fearless", do álbum Meddle (1971).

http://youtu.be/TeyHPAdxuy0

"You´ll Never Walk Alone" tamén está detrás da creación dalgúns éxitos de Queen. Seica tras un concerto, os fans puxéronse a cantala e iso lles deu a idea a Freddie Mercury e compañía de facer algunha canción co mesmo espíritu. De aí naceron dúas cancións tamén moi "futbolísticas" coma "We Will Rock You" e sobre todo, "We Are the Champions". Esta última aparece no disco News of the World (1977).

http://youtu.be/O71fetlkCZo

Tamén con numerosas versións, destaca a que fixeron en castelán La Unión no disco "Tributo a Queen" (1997).

http://youtu.be/SQedp1GOuP4

martes, 9 de abril de 2013

Radio

A entrada de hoxe vai dedicada á radio, un medio fundamental na difusión da música durante o século XX, que co desenvolvemento da frecuencia modulada, fixo que os acordes se espallasen polas ondas chegando a tódolos lugares e facendo posible que a música se diversificase en novos xéneros e estilos. A importancia da radio tívoa moi en conta moitos artistas que lle dedicaron algunha canción, así que é obrigado repasar algunha desas cancións que lle renden homenaxe. Aquí vai algúns exemplos.

Comezamos con "On the Radio" da fantástica Donna Summer, unha canción de 1979 que aparece no álbum  On the Radio: Greatest Hits Volumes 1 & 2


O músico country tamén lle dedicou unha canción á radio co significativo título "Listen to the Radio", do álbum homónimo de 1982.



Nesta pequena lista non podía faltar "Radio Gaga", a canción de Queen escrita por Roger Taylor no álbum The Works (1984). Seica nunha ocasión Taylor non atopaba nada decente na radio e todo o que emitían parecíalle pouco menos ca lixo e así naceu esta canción.


En 1999 The Corrs gravou un concerto en acústico coas súas mellores cancións onde incluíron "Radio", que logo aparecería no recompilatorio Best of The Corrs.


Por último, rematamos coa canción de Joaquín Sabina "69.G", que malia a non conter a palabra radio no título, é toda unha homenaxe a este medio. Aparece no álbum Dímelo en la Calle (2002).

martes, 28 de agosto de 2012

You Shook Me All Night Long

A década de 1980 comezou para os australianos AC/DC con novo material discográfico. O décimo disco da banda de Malcolm Young e os irmáns Young Back in Black (1980) confirmaba que o heavy metal de AC/DC gozaba de moi boa saúde nunha época onde a música electrónica estaba facendo furor. Os riffs da maioría das cancións deste álbum son hoxe clásicos que se pode rastrexar en moitas cancións rock. O primeiro single "You Shook Me All Night Long" xa anunciaba que estabamos ante unha obra destinada a perdurar no tempo.


En novembro de 1985 Queen presentaba en sociedade o adianto do seu novo álbum A Kind of Magic que vería a luz en xuño de 1986. O single elixido que nos anticipaba o vixésimo traballo de Freddie Mercury, Roger Taylor, Brian May e John Deacon foi "One Vision", que parece estar empapado do melloriño de AC/DC. É coma se Brian May e Freddie Mercury se pasasen os meses de preparación de A Kind of Magic escoitando constantemente o Back in Black de AC/DC e iso repercutise en "One Vision". En calquera caso, "You Shook Me All Night Long" e "One Vision" son dous exemplos de boas cancións salpicadas de boas guitarras.

xoves, 12 de abril de 2012

Under Pressure

En 1981 produciuse unha colaboración entre dous grandes da música británica, Freddie Mercury e o camaleónico David Bowie que se viu reflectida na canción "Under Pressure", que aparecería no álbum de Queen de 1982 Hot Space


Apenas pasaran dez anos cando "Under Pressure", en forma de sample, lle daría o recoñecemento internacional ó rapeiro Robert Van Winkle, máis coñecido como Vanilla Ice, que en 1990 lanzou o seu álbum To the Extreme onde se inclúe o corte "Ice, Ice Baby".



martes, 13 de marzo de 2012

Good Times

A mediados dos anos 70 a banda de Nova York Chic revolucionou parte do son musical do momento co seu estilo disco. Tras o enorme éxito que colleitou o álbum C'est Chic de 1978 con temazos como "Le Freak", un ano despois aparecía no mercado Risqué que contiña unha das cancións máis influentes na música posterior grazas a súa base rítmica. Sen dúbida, falamos de "Good Times", composta por Bernard Edwards e Nile Rodgers.

  http://www.goear.com/listen/e606b47/good-times-chic

"Good Times" empregouse en moitas ocasións coma un sample que garantía o éxito de calquera canción, e a primeira que o comprobou foi "Rappers Delight", da banda The Sugarhill Gang, que aparecía no seu álbum  homónimo de 1979, o mesmo ano da publicación do álbum de Chic.

  http://www.goear.com/listen/5dc6900/rapperss-delight-sugar-hill


Tamén se demostrou con "Another One Bites The Dust", un dos temas máis coñecidos de Queen, que en 1980 aparecía no disco da banda de Freddie Mercury The Game (1980).

  http://www.goear.com/listen/7c36a7b/another-one-bites-the-dust-queen

En 1981, a banda de Debbie Harry tamén se acordaría de "Good Times" no seu popular "Rapture" do álbum Autoamerican.

 http://www.goear.com/listen/d5c91f1/rapture-blondie

A última vez que atopamos a sombra de "Good Times" é no tema dos franceses Daft Punk "Around The World", do álbum Homework (1997).

  http://www.goear.com/listen/51db9f2/around-the-world-daft-punk

mércores, 13 de abril de 2011

Fanfare for the Common Man

Aaron Copland é, posiblemente xunto con George Gershwin, o compositor norteamericano do século XX que máis influíu na música rock. Proba disto é a Fanfarra para o Home Común, unha peza que Copland compuxo en 1942 para a Orquesta Sinfónica de Cincinnati por encargo do seu director Eugene Goossens. A fanfarra está inspirada nun discurso político do vicepresidente dos Estados Unidos Henry Wallace, que defendía a importancia do home corrente fronte a ola de euforía que se desatou nalgúns medios de comunicación polo papel hexemónico que ían exercer os Estados Unidos no mundo trala Segunda Guerra Mundial.


 A primeira banda que se animou a incorporar esta peza ó seu repertorio rock foi Styx en 1972 no seu álbum homónimo que incluía unha interpretación libre da fanfarra á que denominaron "Movement For The Common Man".

http://youtu.be/DLUdv8QyROc


Os seguintes que se atreveron coa fanfarra foron Emerson, Lake & Palmer, no seu traballo (nunca mellor dito) de 1977 Works, Vol1. cunha excelente interpretación.

 http://www.goear.com/listen/bf0a660/fanfare-for-the-common-man-emerson-lake-and-palmer

A peza de Aaron Copland ten moito éxito nos concertos, xa que moitos artistas teñen abeto o espectáculo das súas xiras coa Fanfarra, como os Rolling Stones, na xira de presentación do álbum Black and Blue (1976); Asia, que tiña como membro destacado a Carl Palmer, integrante anteriormente de Emerson, Lake & Palmer; e tamén Bob Dylan.

Quen mellor entendeu a combinación da fanfarra cos grandes espectáculos en estadios foi a banda de Freddie Mercury, Queen. Brian May empregou as bases da fanfarra para compoñer o tema mítico "We Will Rock You", que aparecería no álbum de 1978 News of the World, e que se convertería nunha canción imprescindible en calquera estadio.

 http://www.goear.com/listen/62ae33a/we-will-rock-you-queen