Amosando publicacións coa etiqueta Gabrielle. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Gabrielle. Amosar todas as publicacións

xoves, 26 de marzo de 2015

Walk on By

Non cabe dúbida de que a parella de compositores formada por Burt Bacharach e Hal David é das máis prolíficas da historia da música, e ademais, boa parte desas composicións acadaron un éxito masivo en voces de distintos artistas, que logo eran versionadas por outros co mesmo resultado. En resume, pódese asegurar que gravar unha canción asinada por eles é practicamente unha garantía de éxito, sempre que elementos tan importantes como a produción e a interpretación estean minimamente coidados. Un exemplo típico é "Walk on By", unha das que ten máis versións, xa que desde que Dionne Warwick a editase no álbum Make Way for Dionne Warwick (1964) non se deixaron de facer novas versións. Imos ver unhas poucas, empezando pola de Dionne Warwick.


Un dos grandes mestres do soul dos sesenta como Isaac Hayes non ía deixar escapar a ocasión de gravala ó seu xeito. A súa sensacional versión, de máis de dez minutos de duración,  publicouse no álbum Hot Buttered Soul (1969).


Pero non tódalas versións se circunscriben ó ámbito soul. Unha das máis rompedoras, en clave punk rock, é a de The Stranglers no álbum Black and White (1978).


Máis clásica pode considerarse a versión de Gabrielle no seu álbum epónimo publicado en 1996.


E para rematar, a canción de Alicia Keys "If I Were Your Woman/Walk on By", que como indica no título, é un medley composto coa canción composta por Burt Bacharad e Hal David e outra que cantaron Gladys Knight & The Pips. Pertence ó segundo álbum de Alicia Keys The Diary of Alicia Keys (2003).

https://youtu.be/hKcpZ1_GB8A

mércores, 26 de febreiro de 2014

Wild Wood

Tras dar por rematada a aventura de The Jam, unha das bandas británicas de cabeceira para boa parte dos grupos de britpop, Paul Weller emprendeu unha nova etapa en que demostraba que aínda lle quedaban moitas cousas que dicir e moito que achegar aínda ó mundo da música. Non obstante, antes de que os discos de Weller fosen asinados exclusivamente co nome do músico, formou unha nova banda, The Style Council, co que experimentar con novos sons e estilos diferentes do que adoitaba facer con The Jam. Con todo e a pesar das boas críticas colleitadas, The Style Council non chegou a ter unha década de vida e despois duns anos intentando emerxer cunha nova banda, Weller empezou unha carreira en solitario un tanto irregular, pero sempre dun altísimo nivel. En 1995 aparecía o segundo disco Wild Wood, e a canción que lle dá título é unha das máis fermosas.


No álbum Always (2007), Gabrielle incluíu unha canción baseada en "Wild Wood". Trátase de "Why" e na que o propio Paul Weller participa nos coros, deixando claro así que a idea non lle parecía mal.

                                                                                                  

xoves, 28 de novembro de 2013

Fast Car

En 1988 facía a súa aparición na escena musical unha cantautora de Cleveland, Ohio, que ía conquista-lo público maila crítica coa dozura da súa voz, un estilo aparentemente sinxelo e unhas letras que contaban historias que non escapaban da realidade. Con estas premisas, Tracy Chapman presentábase cun disco epónimo que contiña algunhas das súas composicións máis recoñecidas. Unha delas é "Fast Car", unha historia sobre  cómo os efectos do alcoholismo poden destruír as relacións persoais. Malia ser o segundo corte do disco, "Fast Car" foi escollido como single de presentación.


Tres anos despois, comezaba a andaina musical doutra gran cantante, neste caso, a británica Gabrielle. Mentres preparaba o seu álbum de debut Find Your Way, que finalmente se publicaría en 1993, Gabrielle gravou unha demo da que habería de ser a gran canción dese álbum. "Dreams" comezaba cun sample de "Fast Car", pero os problemas legais que poderían derivar da utilización do tema de Tracy Champman acabaron por disuadir á discográfica de publicala tal cal, polo que "Dreams" acabou triunfando cun son depurado e sen rastro do sample. Non obstante, no recompilatorio Dreams Can Come True, Greatest Hits Vol. 1 (2001) recuperouse a demo orixinal.


Outras cancións si incluíron un sample de "Fast Car". A máis coñecida é a de Nice & Smooth na canción "Sometimes I Rhyme Slow", no álbum Ain't a Damn Thing Changed (1991).

martes, 5 de xuño de 2012

Knockin' on Heaven's Door

Non é doado saber cal é a canción máis versionada de Bob Dylan. O cantautor de Minesota compuxo tal cantidade de himnos que case non hai artista ou banda que non se resistise algunha vez a gravar ou a tocar nun concerto algo asinado por Dylan. "Knockin' on Heaven's Door" que naceu para a banda sonora da película Pat  Garret & Billy the Kid (1973), pero hoxe en día é unha das cancións máis lembradas de Bob Dylan.


Unha das versións máis personais é a que gravou Arthur Louis en xullo de 1975 dándolle un toque reggae.


Un mes máis tarde e baseándose na interpretación de Artur Louis, Eric Clapton, lanzou a súa versión como single que  acadou maior recoñecemento ca a de Louis.


Nos anos 90, "Knockin' on Heaven's Door" volvería a soar con forza grazas a versión rockeira de Guns N' Roses, que curiosamente tamén a gravaron para unha película Days of Thunder (1990). A banda de Axl Rose incluiríaa no seu seguinte álbum Use Your Illusion II (1991) e converteuse nun dos grandes singles da banda.

 http://www.goear.com/listen/c6fd891/knockin-on-heavens-door-guns-and-roses

E a comezos do ano 2000 "Knockin' on Heaven's Door" volveu ter unha nova lectura na voz de Gabrielle, aínda que baixo a canción "Rise" que a artista británica incluíu no disco do mesmo título.

http://youtu.be/qDcmf_GhlZY