Amosando publicacións coa etiqueta Simply Red. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Simply Red. Amosar todas as publicacións

xoves, 8 de outubro de 2015

You Make Me Feel Brand New

O terceiro álbum de The Stylistics Rockin' Roll Baby (1973) contén a fermosa balada "You Make Me Feel Brand New", un dos maiores trallazos na andaina do grupo de Filadelfia. Ó igual que nos anteriores traballos, Thom Bell encargouse da produción e o groso das cancións que forman parte do álbum compúxoas Linda Creed e o propio Bell, e unha vez máis volveu quedar probada a solvencia da parella para crear éxitos cos que catapultar a The Stylistics como unha das bandas de cabeceira do soul e o R&B dos anos setenta. "You Make Me Feel Brand New" é a mostra máis palpable da facilidade de The Stylistics para levar as baladas ó máis alto das listas de vendas, algo que xa coñecían dende "Stop, Look, Listen (to Your Heart)", a primeira canción coa que triunfaron.


Hai moi boas versións de "You Make Me Feel Brand New", pero imos quedar con dúas das nosas favoritas, a de Simply Red no álbum Home (2003), que revitalizou de novo este éxito de The Stylistics.


A outra é a de Rod Stewart e Mary J. Blige no álbum de versións do primeiro Soulbook (2009).


Trebles and Blues sampleou "You Make Me Feel Brand New" na canción "The First Time", pertencente ó album The Blue Note.

luns, 3 de agosto de 2015

Angel

O álbum de Aretha Franklin Hey Now Hey (The Other Side of the Sky) (1973) traía algunhas sorpresas, como a participación da propia Aretha na produción xunto co gran Quincy Jones, pero tamén o estreno da súa filla Carolyn Franklyn coma compositora dunha das cancións do álbum, que ademais foi a escollida como single de presentación, a fermosa balada "Angel", na que tamén colaborou canda Carolyn Sonny Sanders. Malia que o disco non acadou moi boas críticas no seu conxunto, "Angel" aínda conserva un bo recordo e a voz de Aretha Franklin segue soando fresca nesta canción pese os anos transcorridos desde a súa publicación.


Simply Red gravou unha das versións máis importantes que se fixeron de "Angel" no compilatorio de grandes éxitos Greatest Hits (1996). Para a ocasión, contaron coa participación de Fugees, que no momento da gravación estaban no punto álxido da súa carreira.

mércores, 29 de abril de 2015

Money's Too Tight to Mention

Outra de tantísimas bandas coñecidas por un só éxito, pero nas voces de outros é o dúo formado polos irmáns John e Billy Valentine, que nun alarde de creatividade  non acorde as súas composicións, presentáronse en sociedade baixo o nome de The Valentine Brothers. A andaina destes mozos de Ohio comezou a fins dos setenta e exitnguiuse unha década máis tarde tras catro discos sen pena nin gloria. A canción de The Valentine Brothers que máis triunfou foi unha incluída no segundo álbum, First Take (1982), titulada "Money's Too Tight to Mention", unha crítica social contra as políticas económicas que Ronald Reagan impulsou en Estados Unidos durante o seu mandato e que nun primeiro momento levou o país a unha recesión. Malia tratar un tema tan delicado como o da economía, a canción apenas pasou do top corenta nas listas estadounidenses.


Con todo, a canción ía converterse en todo un éxito uns anos máis tarde cando Simply Red a gravou para o álbum Picture Book (1985) e ó ser unha das canción estrela do disco, elixiuse como single de promoción, ata o punto de que hoxe moita xente afirma sen dubidar que se trata dunha canción da banda de Mick Hucknall.

xoves, 20 de xuño de 2013

Give It Up

A samba, a música brasileira por excelencia, sempre exerceu un atractivo especial para os dj's de house que vían no ritmo un incentivo para crear novos sons. A comezos dos anos 90 os neerlandeses Zki & Dobre, tamén coñecidos como The Good Men publicaron un single que faría bailar a toda Europa. "Give It Up" converteuse en todo un hit que remitía a Brasil; algo nada raro, xa que os produtores neerlandeses introduciran samples dalgunhas das cancións de Sérgio Mendes, un dos grandes autores brasileiros e máis recoñecidos internacionalmente, aínda que The Good Men non utilizaron o maior éxito de Sérgio Mendes, o famoso "Máis que Nada". Pero antes de revisar as cancións orixinais, vexamos como lle quedou a canción a Zki & Dobre en 1993.


As cancións de Sérgio Mendes que empregaron foron, "Magdalenha" e "Fanfarra", interpretadas as dúas xunto con Carlinhos Brown. En primeiro lugar, "Magdalenha".


E agora, "Fanfarra".


Ademais das cancións de Sérgio Mendes, The Good Men tamén as mesturou no seu éxito cun tema de Sinnamon, "I Need You Now".


O resultado destas mesturas é "Give It Up", que tivo tal éxito, que non lle pasou desapercibido a Mick Hucknall, e en 1995 Simply Red presentaba o seu álbum máis exitoso Life con "Fairground".


As batucadas estaban tan de moda á mediados dos 90, que mesmo Pet Shop Boys non se resistiron a elas. En 1996 o segundo single do álbum Bilingual era "Se a vida é (That's the Way Life Is)", que nos volvían recordar a paisaxe brasileira.




venres, 5 de outubro de 2012

Stars

En setembro de 1991 saía ó mercado o cuarto traballo discográfico de Simply Red Stars. A banda de Mike Hucknall entraba de cheo nos 90 cun dos seus discos máis celebrados. A canción que lle dá título ó álbum foi escollido como segundo single e é unha das baladas máis fermosas asinadas por Hucknall.


A cantante de Singapur Olivia Ong, coñecida sobre todo polas versións en clave bossa nova que fai de temas clásicos, sumou ó seu repertoio "Stars" en 2010.

martes, 8 de maio de 2012

I Can't Go for That (No Can Do)

Daryl Hall e John Oates formaron un dos dúos máis influentes durante os últimos anos dos 70 e comezos dos 80. Hall & Oates son hoxe recoñecidos sobre todo polo seu trallazo "Maneater" que aínda soa nas radiofórmulas de medio mundo. No entanto, deixáronnos unha colección de boas cancións á sombra de "Maneater", como é "I Can't Go for That (No Can Do)" que convén descubrir. Este tema en concreto atópase no disco de 1981 Private Eyes e, ademais  das versións, esta canción foi sampleada en numerosas ocasións especialmente por artistas de hip-hop. Con todo, a súa influencia está presente mesmo nalgunha canción que pode sorprendernos.


Polo visto, durante a gravación de "We Are The World", cantado por un sinfín de artistas a mediados dos anos 80 con fins benéficos impulsado por Michael Jackson, este confesoulle a Daryl Hall que empregara para "Billie Jean" do exitoso Thriller (1983), algunhas notas do baixo de "I Can't Go for That (No Can Do)".


Para acabar, deixámosvos a canción de Simply Red "Sunrise" do álbum Home (2003) onde Mick Hucknall emprega claramente un sample da canción de Hall & Oates.