Amosando publicacións coa etiqueta Mikel Erentxun. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mikel Erentxun. Amosar todas as publicacións

venres, 7 de agosto de 2015

Sol (4)

Hoxe volvemos cun novo monográfico sobre o sol, pero desta volta vai estar dedicado só a temas en castelán. Igual que nas entregas anteriores, esperamos que esta selección de cancións sexa do voso agrado. Os seguintes temas son unha mostra de pop e rock das últimas décadas e comezamos coa canción de La Guardia, un grupo de Granada cuxo cuarto disco, Cuando brille el sol (1990), foi dos máis exitosos da súa carreira e a canción homónima, unha das que nunca falta nos seus concertos.


Dese mesmo ano, os mexicanos Maná incluían no seu segundo álbum Falta amor (1990) a canción "Rayando el sol".

https://youtu.be/yH7WrkOSFj4

O terceiro álbum de Mikel Erentxun, Acróbatas (1998), abríase coa canción "A pleno sol", segundo single que extraeu del.

https://youtu.be/5GhhmI0tvw8

A canción que lle daba título ó primeiro álbum de La Oreja de Van Gogh, Dile al sol (1998) foi un dos singles dos donostiarras.

https://youtu.be/Ce0mualv2Fk

A banda de Guille Milkyway, La Casa Azul, editou o seu primeiro disco de longa duración co título de Tan simple como el amor (2003). Nel está a canción "El sol no brillará nunca más".


O primeiro álbum en solitario de Loquillo, Balmoral (2008) estreábase co single "Sol".


Tamén en 2008 aparecía o esperado primeiro álbum de Vetusta Morla, Un día en el mundo (2008), con cancións coma "Rey Sol".

mércores, 24 de setembro de 2014

A tu lado

O quinto disco de Duncan Dhu, Piedras (1994), evidenciaba que o grupo entrara xa na fase final da súa traxectoria. Tanto Diego Vasallo coma Mikel Erentxun levaban xa un tempo dedicados a facer cousas por separado con boa fortuna para ambos e a publicación do novo álbum de Duncan Dhu parecía unha volta forzada, como se supuxese unha interrupción dos seus plans por separado. Quizais por iso pálpase que Piedras non é nin moito menos o mellor traballo de Duncan Dhu. Con todo, contén algunhas cancións que aínda se corean nos concertos da banda, agora que volveron con novo material baixo o brazo. En Piedras a meirande parte das cancións son baladas e unha das mellores é a que pecha o disco, "A tu lado".


Con motivo do disco tributo que se lle fixo a Duncan Dhu Cien gaviotas dónde irán (2005), moitos artistas versionaron as cancións máis importantes do grupo vasco. Amaia Montero é a encargada da nova versión de "A tu lado", que se diferencia da orixinal no son, que pasa do acústico ó eléctrico, sen que por iso sexa mellor.

xoves, 7 de novembro de 2013

(I Never Promised You a) Rose Garden

Na formada de cantautores americanos que xurdiron a comezos dos anos 60, algúns conseguiron escribir  o seu nome no mundo da música, como pode ser Bob Dylan, e outros, con menos sorte, lograron a duras penas que algunha das súas composicións permanecesen na memoria colectiva, e ás veces nin tan sequera na súa voz. O maior éxito de Joe South é "(I Never Promised You A) Rose Garden") foi unha canción máis cando a gravou en 1969 e nin sequera tivo tanto recoñecemento coma outras cancións do artista como "You're The Reason" e "Games People Play". Pero esa situación ía cambiar cando Lynn Anderson gravou a súa versión, e iso que antes dela outros artistas coma Freddy Weller e Dobie Gray xa a gravaran coa mesma fortuna que Joe South.


Efectivamente, a versión que Lynn Anderson gravou en 1970, incluída no álbum Rose Garden, ía darlle o pulo definitivo para que a canción de Joe South triunfase nas listas de vendas e motivase a moitos artistas a versionala. O estilo country que Lynn Anderson lle conferiu a "Rose Garden" foi irresistible tanto para ós músicos coma para o público.


Á marxe do éxito que tivo nos países anglosaxóns, "Rose Garden" tamén foi moi ben acollida no mundo latino, como ben proba as dúas versións existentes en castelán. A cantante colombiana María Antonia foi a primeira en adapta-la letra á lingua de Cervantes nos anos 70.


En España, a canción convertiríase nun dos maiores éxitos na voz de Mikel Erentxun en 1986. Nese ano aparecía o primeiro LP de Duncan Dhu Canciones co que Erentxun debutaba xunto con Diego Vasallo e Juan Ramón Viles, e a pesar de que non é a mellor canción do disco, arrasou e é das máis coñecidas da banda. A letra difire da de María Antonia.

http://youtu.be/tqnYqLLdBzk

Rose Garden tamén foi sampleado por Kon Kan na canción "I Beg Your Pardon", do álbum Move to Move (1988), mais como non é o único sample coñecido que aparece na canción de Kon Kan, analizarémola outro día.

xoves, 3 de maio de 2012

Ahora sé que estás

Despois de deixar atrás a súa  exitosa etapa con Diego Vasallo en Duncan Dhu e triunfar co seu primeiro disco en solitario Naufragios, Mikel Erentxun sacaba ó mercado o seu segundo traballo discográfico El Abrazo del Erizo (1995), onde o donostiarra endurecía o seu son e deixaba algo de lado esa imaxe anxelical á que nos tiña acostumados. "Ahora Sé Que Estás" é a canción na que colabora á súa irmá Leire.


2006 foi o ano en que Pignoise, unha banda punk que se movía polos circuitos alternativos deu un paso decisivo para convertirse nun grupo puramente mainstream grazas á serie de televisión Los Hombres de Paco, na que se encargaron da banda sonora con "Nada Que Perder", baseado no tema de Erentxun. Ata daquela Pignoise era máis unha banda máis coñecida para a xente pola historia do seu líder Álvaro Benito que pola súa música. E é que Álvaro tiña un futuro prometedor como futbolista; procedente da canteira do Real Madrid e da mesma xeración que Raúl González e Guti, chegou a debutar na selección Sub-21, pero unha gravísima lesión e as posteriores recaídas fixeron que o seu hobby á música se convertise no seu modo de vida. "Nada Que Perder" aparece no seu terceiro disco Anunciado en televisión (2006), que é o primeiro que gravaron estes admiradores de Green Day cunha discográfica multinacional.

venres, 13 de abril de 2012

There Is a Light That Never Goes Out

Se hai unha canción que non deixa de ser versionada desde practicamente a súa publicación por ser un tema pop prefecto é "There Is a Light  That Never Goes Out" dos británicos The Smiths, que a gravaron para o seu disco de 1986 The Queen Is Dead, que logo volverían publicar en 1992. A banda de Morrisey exerceu unha influencia nada desprezable nas bandas que se foron formando na segunda metade dos 80 e nos primeiros anos dos 90 e sempre se sinala a The Smiths como un dos grupos precursores do movemento brit-pop. Cancións coma "Everyday Is Like Sunday" e "This Charming Man" forman parte da memoria colectiva da música pop xunto con "There Is a Light That Never Goes Out", que mesmo lle dá título a un dos capítulos da prestixiosa novela de Irvine Welsh Trainspotting.


Unha das primeiras versións deste tema trala reedición do álbum The Queen Is Dead é a adaptación que fixo ó español Mikel Erentxun para o seu debut en solitario trala súa etapa en Duncan Dhu. "Esa Luz Nunca Se Apagará" foi o segundo single de Naufragios (1993).


Outras das versións que tamén nos gusta moita é a de Deluxe. Xoel López tampouco se puido resistir o encanto de The Smiths.


Por último e para rematar deixámosvos unha versión electrónica, a máis diferente de todas, a cargo de Nitoniko, unha banda indie que promete co seu son.



venres, 9 de marzo de 2012

Pure

Unha das bandas de referencia do britpop dos anos 90 é The Lightning Seeds. Liderada por Ian Broudie, o seu son chegou a millóns de persoas con éxtos como "Lucky You" e, sobre todo, con "Three Lions", un dos himnos da Eurocopa de fútbol que se disputou en Inglaterra en 1996, o que supuxo a consolidación de The Lightning Seeds no mundo da música. Pero a andaina desta banda de Liverpool comezou en 1990 co seu álbum de debut Cloudcuckooland onde se atopa "Pure".


A primeira versión que se fixo de "Pure" é do grupo dance Scanners que a levou ás pistas de baile en 1995.

  http://www.goear.com/listen/32688c7/pure-scanners

En 2004 a banda grega de electro pop Marsheaux incluiu unha versión no seu álbum E-Bay Queen.

 http://youtu.be/i1CkRwojNAs

En España, en cambio, causou bastante sorpresa que a compañía discográfica de The Lightning Seeds demandase por suposto plaxio a Mikel Erentxun, un dos artistas e compositores máis admirados, debido á banda sonora da serie de televisión Los Serrano, "Uno más uno son siete", interpretada por un dos actores da serie, Fran Perea. Mikel Erentxun alegou que non pensara para nada na canción de Ian Broudie á hora de compór o tema, aínda que admitiu que a melodía tiña certo parecido debido a unha casualidade. Finalmente, o xulgado que instruía o caso absolveu a Erentxun das acusacións. Abaixo a interpretación de Fran Perea, que a incluiu no seu álbum de debut La Chica de la Habitación de al Lado (2003).

 http://www.goear.com/listen/d8a36ba/uno-mas-uno-son-siete-fran-perea