Amosando publicacións coa etiqueta Jerry Lee Lewis. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Jerry Lee Lewis. Amosar todas as publicacións

martes, 2 de febreiro de 2016

You Don't Miss Your Water

O debut de William Bell no mundo da música soul non puido comezar con mellor pé. Certo que "You Don't Miss Your Water", o single co que seu a coñecer e que foi o principal valedor do álbum The Soul of a Bell (1961), non acadou unhas posicións moi altas nas listas de vendas, pero o encanto que agromaba das súas notas conquistou a músicos de distinta índole que a levaron ós seus respectivos terreos ó faceren novas versións. O primeiro foi o gran Otis Redding, colega de William Bell no selo Stax, quen no álbum Otis Blue (1965) se encargou de espallala ata aqueles lugares ós que a versión orixinal non chegara. A partir de aí, as versións que se fixeron de "You Don't Miss Your Water" foron constantes.

https://youtu.be/tcI5cheyff4

Trala versión de Otis Redding, a canción "You Don't Miss Your Water" saltou a outros eidos fóra do soul e adentrouse no rock da man de grupos como The Byrds, que a incluíron no álbum Sweetheart of the Rodeo (1968).

https://youtu.be/PjnYibBHMzk

Un grande do rock and roll coma Jerry Lee Lewis fixo unha versión en clave blues no álbum The Killer Rocks On (1972).

https://youtu.be/5nF52tbH2tM

A versión orixinal de William Bell deixou algún trazo de inspiración na canción de Bruce Hornsby and the Range "Mandolin Rain", pertencente ó álbum The Way It Is (1986).

martes, 19 de xaneiro de 2016

Ubangi Stomp

Moitos cantantes de country dos anos cincuenta transitaron cara ó rockabilly, facendo desta nova corrente unha variante do rock and roll máis que consolidada en Estados Unidos. Warren Smith foi un de tantos músicos que xa dende os comezos da súa carreira se decantou por esta nova forma de facer música e gravou algúns éxitos soados, malia que logo a súa obra quedase relegada fronte a dos numerosos artistas que daquela tamén buscaban o seu lugar nas listas de vendas. Unha das primeiras gravacións de Smith foi "Ubangi Stomp", en 1956, unha canción que compuxo Charles Underwood, e que finalmente sería máis coñecida nas versións doutros artistas máis coñecidos que Warren Smith.


Unha das máis coñecidas é a que gravou anos máis tardes o seu colega de selo discográfico Jerry Lee Lewis no álbum epónimo de 1958. 


Xa nos sesenta, "Ubangi Stomp" aparecería na cara B do single de The Trashmen "Bird '65".


Pero "Ubangi Stomp" entraría de cheo na década seguinte da man de Alice Cooper, quen a versionou no álbum Lace and Whiskey (1977).

xoves, 14 de maio de 2015

Good Golly, Miss Molly

Ninguén dubida de que unha das figuras do rock and roll máis carismáticas é Little Richard. Este músico é autor dalgunhas composicións memorables que contribuíron a facer do rock un dos xéneros musicais máis importantes do pasado século. Unha delas é "Good Golly, Miss Molly", que gravou en 1956, pero que non saíu publicada ata dous anos despois e que logo se incluiría no álbum epónimo do artista dese mesmo ano. Para entón, Little Richard era xa unha estrela consagrada, que asinara xa cancións coma "Tutti Frutti" e "Lucille", e a nova canción sumábase así a unha colección de clásicos que non deixaría de versionarse nos anos posteriores.


Unha das versións de "Good Golly, Miss Molly" é a doutro grande do rock and roll, que rivalizaba con Little Richard no manexo do piano, Jerry Lee Lewis. Editouna como single en 1962.


Tamén e moi destacable a versión de Creedence Clearwater Revival no álbum Bayou Country (1969) onde a banda dos irmáns Fogerty modificaron lixeiramente a letra nun dos versos.


Pero a transcendencia da música de Little Richard vai moito máis aló do público anglosaxón, e o músico mexicano Enrique Guzmán fixo unha versión adaptada ó castelán, co título "La plaga". Foi unha das primeiras versións que se fixeron de "Good Golly, Miss Molly", pois a súa publicación data de 1959.


Case trinta anos despois, a filla de Enrique, Alejandra Guzmán, incluía unha versión da do pai no seu debut Bye Mamá (1988).

xoves, 2 de xaneiro de 2014

The Dean and I

A mediados dos anos 70 o pop máis comercial e o estilo doo-wop, así coma o rock and roll máis clásico das dúas décadas anteriores considerábanse xa tan afastados dos novos sons que dominaban a música do momento que había artistas que non dubidaban en facer algún tipo de parodia, que no fondo agochaban un sentido respecto e admiración polas vellas tendencias musicais. É así como Graham Gouldman, gran coñecedor da música dos 60 e autor de moitos dos seus éxitos lembraba o estilo máis lúdico de grupos coma os Beach Boys no tema "The Dean and I", unha das cancións do primeiro disco de 10cc, o proxecto que montou xunto con Eric Stewart, Kevin Godley e Lol Creme, e que debutaban en 1973 cun álbum epónimo. "The Dean and I" tamén está inspirado nunha canción de Jerry Lee Lewis.

http://youtu.be/GJWnNmXiL8M

A canción de Jerry Lee Lewis que inspirou este tema dos 10cc é o single editado en 1958 "High School Confidential", un das mostras de rock and roll que ían marcar a toda unha xeración.

http://youtu.be/qNzEM-XwuiE

"The Dean and I" tamén fai unha referencia máis ou menos velada á versión que os Beach Boys fixeron da canción "Then He Kissed Me", canción escrita por Ellie Greenwich, Jeff Barry e o gran Phil Spector para The Crystals. A versión dos Beach Boys é de 1965 e aparece no álbum Summer Days (And Summer Nights!!), pero contén unha notable diferenza coa letra orixinal. A canción conta o momento en que un mozo bica a unha moza e está narrado dende o punto de vista dela. Non obstante, na versión dos Beach Boys a voz narrativa é a do mozo e por iso xa o título é diferente. Se a versión orixinal das Crystals se titula "Then He Kissed Me", a dos Beach Boys leva o título de "Then I Kissed Her", a mesma historia contada coa voz do outro personaxe protagonista.

http://youtu.be/z5aZeU0w9lM

E para que non quede atrás, a versión orixinal gravada por The Crystals en 1963, "Then He Kissed Me".

http://youtu.be/cE_jOD2Fxvs

mércores, 5 de decembro de 2012

Over the Rainbow

Onte tivemos a oportunidade de escoitar o sensacional popurri que Israel Kamakawiwo'ole fixo de dous clásicos indiscutibles: "What a Wonderful World" e "Over the Rainbow"; así que era case obrigatorio dedicarlle a entrada de hoxe á canción central da banda sonora do Mago de Oz, a película de 1939 que inmortalizou a Judy Garland no papel de Dorothy. Esta balada está escrita por E.Y. Harburg, que se encargou das letras, mentres que a música está asinada por Harold Arlen. A súa popularidade é tal que é moi difícil quedar cunha soa versión, xa que practicamente as atopamos en case tódolos estilos musicais habidos e por haber.


Unha das mellores versións é a de Jerry Lee Lewis. Un dos pioneiros do rock n' roll non se resistiu o encanto deste clásico e en 1980 gravouna no álbum Killer Country.


Xa vimos onte a homenaxe que Joey Ramone lle ofrecía o tema de Louis Armstrong, algo nada novo a preferencia de The Ramones polos clásicos, xa que tamén gravaron unha versión de "Over the Rainbow".


A importancia de "Over the Rainbow" tamén se deixou notar no retrouso de "Starman", de David Bowie. A canción pertence ó famoso álbum de 1972 The Rise and Fall of Ziggy Stardust and the Spiders from Mars.

http://youtu.be/tRcPA7Fzebw

Por acabar con este escaso repaso das versións, ofrecémosvos a de Mägo de Oz. O grupo de folk métal fixo unha curiosa interpretación baseada na de Israel Kamakawiwo'ole no álbum Belfast (2004).