Ninguén dubida de que unha das figuras do rock and roll máis carismáticas é Little Richard. Este músico é autor dalgunhas composicións memorables que contribuíron a facer do rock un dos xéneros musicais máis importantes do pasado século. Unha delas é "Good Golly, Miss Molly", que gravou en 1956, pero que non saíu publicada ata dous anos despois e que logo se incluiría no álbum epónimo do artista dese mesmo ano. Para entón, Little Richard era xa unha estrela consagrada, que asinara xa cancións coma "Tutti Frutti" e "Lucille", e a nova canción sumábase así a unha colección de clásicos que non deixaría de versionarse nos anos posteriores.
Unha das versións de "Good Golly, Miss Molly" é a doutro grande do rock and roll, que rivalizaba con Little Richard no manexo do piano, Jerry Lee Lewis. Editouna como single en 1962.
Tamén e moi destacable a versión de Creedence Clearwater Revival no álbum Bayou Country (1969) onde a banda dos irmáns Fogerty modificaron lixeiramente a letra nun dos versos.
Pero a transcendencia da música de Little Richard vai moito máis aló do público anglosaxón, e o músico mexicano Enrique Guzmán fixo unha versión adaptada ó castelán, co título "La plaga". Foi unha das primeiras versións que se fixeron de "Good Golly, Miss Molly", pois a súa publicación data de 1959.
Case trinta anos despois, a filla de Enrique, Alejandra Guzmán, incluía unha versión da do pai no seu debut Bye Mamá (1988).
Ningún comentario:
Publicar un comentario