Laura Nyro sempre se moveu entre o pop, o soul, o jazz e o R&B, o que lle valeu para que unha manchea de artistas de diferentes estilos coñecesen o seu traballo desde ben cedo. Esta moza neoiorquina comezou a súa andaina a finais dos sesenta e os medios especializados decontado se decataron do seu potencial. Co segundo álbum, Eli and the Thirteenth Confession (1968), quedaba claro dabondo que era unha compositora excepcional e as cancións non tardaban nadiña en ser versionadas por outros artistas, que as levaban o seu terreo. "Stoned Soul Picnic" é das máis coñecidas dese álbum e unha das máis recordadas da discografía de Laura Nyro.
A versión orixinal de "Stoned Soul Picnic" quedou enseguida eclipsada pola que fixo The 5th Dimension no álbum Stoned Soul Picnic (1968), publicado no mesmo ano que o de Nyro. A versión de The 5th Dimension tivo un enorme éxito e impulsou a carreira deste grupo anxelino. Xaora, compartir discográfica con Laura Nyro supúxolle unha grande ventaxa, xa que podían gravar os temas da compositora antes ca calquera outro artista.
Crystal Waters tomou uns cantos elementos de "Stoned Soul Picnic" para a súa canción "Ghetto Day", pertencente a Storyteller (1994), canción que parece unha revisión obvia da de Laura Nyro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario