venres, 29 de maio de 2015

Cars

Logo de publicar dous álbums coa súa banda, Tubeway Army, Gary Numan decidiu que era hora de deixar de agochar o seu nome limitándoo só os créditos e que debería lucir no primeiro termo. Foi así como pasou a presentarse como solista co seu terceiro disco, The Pleasure Principle (1979) tan só seis meses despois de asinar o que sería o último álbum com Tubeway Army, Replicas (1979). Nese álbum Gary Numan xa incluíra unha das cancións máis representativas da nova onda e do electropop emerxente, "Are 'Friends' Electric?" e co novo disco volveu repetir, desta vez co tema "Cars", unha marabilla do electropop, que conta con varias versións e un manchea de remesturas que non logran borrar a esencia da versión orixinal.

https://youtu.be/99fRdfVIOr4

Cuns acordes que recordan por momentos a esta canción de Gary Numan, Frank Zappa editou no álbum Them or Us (1984) "In France". A Zappa parecíanselle tanto que mesmo nalgúns concertos versionaba "Cars" coa letra de "In France".


"Cars" é desas cancións que supoñen unha presa doada para músicos de hip hop e de techno, así que hai uns cantos temas destes xéneros que a samplearon. Por suposto, o resultado da meirande parte é bastante desalentador. Tamén Chicane caeu na tentación de botar man dela para o seu "Hiding All the Stars", do álbum Giants (2009). Nin que dicir ten que é unha das mellores cancións que se fixeron coa base de "Cars". A interpretación vocal é de Natasha Andrews.

Ningún comentario:

Publicar un comentario