Amosando publicacións coa etiqueta The Kooks. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta The Kooks. Amosar todas as publicacións

venres, 31 de outubro de 2014

Another Mother

Kayo Shekoni nunca foi moi coñecida fóra das fronteiras de Suecia, onde se labrou unha reputada carreira como cantante de pop, hip hop, reggae e house. Non obstante, unha das compoisicións de Kayo está detrás do maior éxito duns compatriotas seus, Ace of Base, malia que iso non lle serviu para despegar no resto de Europa. O primeiro single de Kayo Shekoni chegou ás tendas suecas no ano 1980 e dende entón a súa presenza volveuse bastante irregular ata que por fin, en 1990 Kayo lanzou o seu primeiro álbum, Kayo (1990), que contén "Another Mother". O son deste tema acabaría por inspirar a Ace of Base, que daquela aínda estaban comezando, para compór todo un rompepistas dos anos noventa.


Falamos naturalmente de "All That She Wants", que por pouco eclipsa toda a carreira posterior de Ace of Base. A canción incluíuse por primeira vez en Happy Nation (1992), o álbum co que debutaron, e en vista do trallazo en que se estaba convertendo, non podía faltar en The Sign (1993), que supuña o lanzamento internacional de Ace of Base e onde non faltaban outras cancións de Happy Nation. De feito, en moitos países, editouse co nome Happy Nation, sen distinguilo da versión sueca.


Con "All That She Wants" fixéronse moitas versións e tamén algún esperpento no que a canción de Ace of Base é o ingrediente principal, pero aínda así resulta curiosa a versión que The Kooks fixeron para o dobre álbum da BBC Radio 1 co motivo do seu 40 aniversario Radio1 Established 1967 (2007), onde algúns dos artistas máis relevantes da escena británica actual versionaban cancións doutros artistas, feito bastante común en Radio 1, que ó longo da súa historia nos seus estudios se gravaron versións sorprendentemente boas por parte de grandes artistas. Mágoa que o modelo non se estendese polas radios doutros países.

luns, 29 de outubro de 2012

Naïve

Luke Pritchard compuxo "Naïve" con só dezaseis anos e está considerada sen dúbida ningunha como unha das mellores cancións de The Kooks, a banda que Pritchard formou xunto con Hugh Harris e Paul Garred en 2004. Dous anos despois, sacaban ó mercado o seu álbum de debut Inside In, Inside Out que converteu á banda de Brighton como unha das revelacións de 2006. Malia que "Naïve" é a canción estrela, foi o cuarto single extraído do disco, sen dúbida, para acabar conquistando a moita xente que aínda non se rendera ó encanto de The Kooks.


Hai dúas versións interesantes de "Naïve"; a primeira, a que interpretou Lily Allen nun programa de televisión  en clave acústica.


A segunda, a de Mutya Buena, ex componente de Sugababes, que a gravou para a cara B do seu single "Real Girl" en 2007, tamén en acústico. En calquera caso, nós quedámonos coa versión orixinal, difícil de superar.

venres, 22 de xuño de 2012

Race for the Prize

The Flaming Lips é unha das bandas máis respectadas do rock alternativo grazas a unha dilatada carreira que comezou aló por 1983. A base de boas cancións, uns concertos coidadps e ó traballo constante de Wayne Coyne, The Flaming Lips é  un referente indiscutible para moitas bandas de nova formación. The Soft Bulletin (1999), noveno traballo discográfico do grupo de Oklahoma, adéntrase no rock experimental, un dos terreos nos que se sente máis cómodo Wayne Coyne. O disco ábrese con "Race for the Prize", o primeiro single, todo un trallazo na traxectoria de The Flaming Lips.


Nin que dicir ten que MGMT, unha das sorpresas máis agradables que xurdiron nos últimos anos, teñen a The Flaming Lips como unha das súas fontes de inspiración. O dúo composto por Andrew Van Wyngarden e Ben Goldwasser revolucionaron o rock psicodélico coa publicación do seu debut Oracular Spectacular (2007) cun single como "Time to Pretend"  que non deixaba de ser unha aposta moi arriscada por parte da súa compañía discográfica. Malia iso o experimento resultou un éxito e hoxe as cancións de MGMT son versionadas por outros artistas. "Kids", un dos grandes temas de Oracular Spectacular ten certo parecido con "Race for the Prize".


"Kids" é unha das cancións máis versionadas de MGMT. Quedamos coa versión acústica dos ingleses The Kooks.