Amosando publicacións coa etiqueta Curtis Mayfield. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Curtis Mayfield. Amosar todas as publicacións

martes, 24 de novembro de 2015

Amen

Os himnos gospel tradicionais tamén tiveron unha grande acollida na música popular, sobre todo a raíz das gravacións dos cantantes de soul e R&B, que non dubidaban en incluílas nos seus traballos discográficos. Polo tanto, a calquera que lle guste minimamente a música se lle ocorren un par de títulos. Un deles é con toda probabilidade "Amen", que The Impressions e Curtis Mayfield prepararon para a banda sonora da película de Sidney Poitier Lilies of the Field (1963). Malia que non era a primeira vez que se gravaba este himno, xa o fixeran the Wings Over Jordan Choir en 1948, a nova versión puxo en primeira liña a "Amen", grazas ó empuxe do cine, ademais da coidada produción e os arranxos que Jester Hairston fixo para a ocasión.


"Amen" contou con versións de artistas tan importantes coma Otis Redding, pero é a de The Winstons a que acadou maior notoriedade debido a secuencia de batería de G. C. Coleman. Rebautizada co título "Amen Break", editouse en 1969 e desde ese momento, son innumerables a de veces que outros músicos "tomaron prestada" esa secuencia, tanto que hai poucas semanas saíu unha sentenza na que se lle recoñece dereitos de "royalties" a G. C. Coleman polo uso indebido da súa creación. Aínda que se ten que pór no xulgado tódolos casos e acabasen por darlle a razón, faríase de ouro.


Aquí van ó chou algúns exemplos recoñecidos que se aproveitaron en algunnha medida do "Amen Break". Son cancións que saíron no mesmo ano, o que dá idea do tirón da secuencia. A primeira é o "Firestarter" de The Prodigy, do álbum The Fat of the Land (1997).

https://youtu.be/WW6-b5nNb9U

Cando saíu o álbum de The Prodigy a crítica viu un achegamentoa música de Nine Inch Nails, o que non deixa de ser verdade, pois a banda de Liam Howlett ten en común coa de Trent Reznor o mesmo gusto por "Amen Break", como se pode apreciar en "The Perfect Drug", canción da banda sonora da película Lost Highway (1997).

https://youtu.be/c-QnnLudkQA

E como non podía ser doutro modo, Oasis non podían quedar atrás e tomaron algunha parte en "D'You Know What I Mean", single co que os Gallagher presentaban Be Here Now (1997).

https://youtu.be/GjwRIjrC4io

xoves, 12 de xuño de 2014

People Get Ready

The Impressions asinaron no álbum People Get Ready (1965) un deses temas que selan o pase á posteridade. A canción que lle dá título ó cuarto disco da formación procedente de Chicago por pouco proxecta unha sombra sobre o resto da obra de The Impressions, tanto na anterior, que comezou a finais dos anos 50 con cancións tan excepcionais coma "Gipsy Woman" e "It's All Right", coma na posterior, que se estendeu ata os anos 80. Non obstante, con "People Get Ready" The Impressions culminaban as primeiras posicións das listas de vendas de R&B e conseguían que unha das mellores cancións de Curtis Mayfield callase de forma especial nalgúns dos mellores músicos posteriores.

http://youtu.be/l04yM7-BWbg

Xa dende o momento da súa publicación, "People Get Ready" atopou acomodo nun dos temas dos xamaicanos The Wailers. Trátase de "One Love", canción en clave ska que a banda de Bob Marley editou como single tamén en 1965, pero que nese momento pasou desapericibida. Anos máis tarde, en 1977 Bob Marley e The Wailers recuperárona para o álbum Exodus, pero co ritmo pausado do reggae e a partir de aí desatouse a polémica porque o parecido coa de The Impressions xa era máis visible. Finalmente nos créditos tiveron que incluír a Curtis Mayfield coma autor e non é raro atopar como título completo da canción, "One Love/People Get Ready". Tamén resulta curioso que "One Love" non fora editado como single de Exodus ata 1984, cando se converteu nunha das cancións favoritas de Bob Marley para o gran público.

http://youtu.be/gRBcnkZwYME

http://youtu.be/vdB-8eLEW8g

Pero non só Bob Marley se deixou atrapar por "People Get Ready". Bruce Springsteen remata a canción "Land of Hope and Dreams" cos coros da canción de The Impressions. Malia que  non adoitaba faltar nos concertos desde 2001, non se incluíu nun álbum de longa duración ata Wrecking Ball (2012). Non sería a única ocasión, pois en "My City in Ruins", do álbum The Rising (2002) e que está baseada practicamente na súa totalidade na canción de The Band "The Weight" como xa vimos, tamén ten retazos de "People Get Ready". En calquera caso, agora quedamos con "Land of Hope and Dreams".

http://youtu.be/RTDNW9BfzfY