Amosando publicacións coa etiqueta the animals. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta the animals. Amosar todas as publicacións

martes, 5 de abril de 2016

We Gotta Get Out of this Place

Algúns dos principais éxitos de The Animals non se chegaron a incluír nos discos de estudio que a banda de Eric Burdon gravou cando se atopaba no momento álxido da súa carreira. No entanto, eses singles gozaron tamén dunha extensa acollida por parte do público. Un deles é "We Gotta Get Out of this Place" (1965), unha canción escrita polo matrimnonio Barry Mann e Cynthia Weil. A repercusión que esta canción tería tanto en Gran Bretaña coma en Estados Unidos incrementou a sona de The Animals, quen xa encadilaran á crítica e ó público coas versións de "The House of Rising Sun" e a de "Don't Let Me Be Misunderstood", editadas apenas un ano antes. Por se fose pouco, foi tamén moi popular entre as tropas americanas que combatían na guerra de Vietnam, o que lle conferiu á canción un singnificado emotivo.

https://raymondpronk.files.wordpress.com/2010/04/theanimals1964.jpghttps://youtu.be/wJVpihgwE18

Blue Öyster Cult  fixo unha das mellores versións da canción no álbum en concerto Some Enchanted Evening (1978).

https://cbswncx2.files.wordpress.com/2013/01/cult.jpghttps://youtu.be/QYgnu6oqosM

Tamén está moi ben a versión de Katrina and the Waves en 1990 na que colaborou Eric Burdon.

http://lyriikat.org/kuvat/artistit/katrina-and-the-waves_29893-200x200.jpghttps://youtu.be/X9VqHbNajoc

"We Gotta Get Out of this Place" é unha canción que ten moito predicamento entre os artistas que gravanb un álbum acústico para a MTV, como é o caso de Midnight Oil no seu MTV Unplugged de 1993.

http://images2.mtv.com/uri/mgid:uma:artist:mtv.com:12480?width=1200&height=900https://youtu.be/XCuoJ9-6Hsw

mércores, 20 de xaneiro de 2016

See See Rider

"Ma" Rainey foi unha cantante da primeira xeración de músicos que rexistraron nos vellos vinilos as composicións tradicionais de blues e é coñecida con merecemento co sobrenome da Nai do Blues, pois o seu labor non só se limitaba a cantar, senón que ademais era unha gran compositora. Xunto con Lena Arant asinou "See See Rider", tema que gravou en 1924 e que lle supuxo unha grande popularidade. "See See Rider", tamén é coñecida como "C. C. Rider", "See See Rider Blues" e mesmo "Easy Rider", pois en realidade ninguén se pon de acordo na interpretación que "Ma" Rainey lle quería dar ó termo, unha ambigüidade que incrementa se cadra, o encanto deste blues.


The Animals revitalizaron este clásico coa versión que fixeron no álbum Animalization (1966), onde lle deron o toque de rock e de soul preciso para que "See See Rider" volvese a ser unha canción de plena actualidade.

xoves, 24 de setembro de 2015

Tobacco Road

Boa parte das cancións que John D. Loudermilk compuxo tivo éxito nas voces doutros artistas malia a telas gravado el previamente, ó igual que lle ten pasado a outros moitos cantautores ó longo da historia da música. Con todo, sen que ningún dos singles e discos que publicou chegase a triunfar, hoxe reivindícanse as súas gravacións, sobre todo por mor da importancia que esas cancións tiveron noutras voces posteriormente. Como emblema desta vindicación  sinálase a canción "Tobacco Road", de 1960, que non chegou a aparecer como single nin se incluíu no seguinte álbum de Loudermilk, Language of Love (1961), pero que conta cunha magnífica interpretación en clave blues rock que fai que na actualidade estea considerada como unha das mellores representacións de blues dos sesenta.


The Nashville Teens acadaron o seu maior éxito cunha versión de "Tobacco Road", no álbum do mesmo nome de 1964. A diferenza da orixinal, moi apegada ó blues clásico, The Nashville Teens imprimíronlle un ritmo de garage rock, que deu a coñecer a canción en todo o mundo.


Das moitísimas versións que se teñen feito de "Tobacco Road" desde os sesenta, quizais a que máis transcendencia tivo trala a de The Nashville Teens sexa a de Eric Burdon & War no álbum Eric Burdon Declares "War" (1970), canción que xa interpretaran tres anos antes nun programa da televisión alemá. A versión do álbum ronda o cuarto de hora, pero ofrecémosvos unha versión máis curta de algo máis de seis minutos.

martes, 7 de xullo de 2015

Low Rider

War foi unha das bandas que afianzou o son funk desde os anos sesenta. En plena voráxine deste na década seguinte, War converteuse nunha referencia para outros grupos que estaban comezando. A presenza de Eric Burdon fora un verdadeiro impulso nos primeiros anos, pero trala marcha do ex líder de The Animals, a banda seguiu medrando ata reinar en tódalas listas durante varios anos consecutivos antes de que Burdon volvese formar parte de War nun novo disco. En Why Can't We Be Friends? (1975), o último antes da volta de Burdon, War incluíu un trallazo como "Low Rider", composto por toda a banda e o produtor Jerry Goldstein.


Os Beastie Boys foron dos primeiros en sacar proveito desta canción de War, e xogando co título da orixinal, a súa canción chámase "Slow Rider" e pertence ó álbum Licensed  to III (1986).


The Ziggens tamén souberon botar man dalgún dos sons de "Low Rider" na canción instrumental "Surfin' Buena Park", do álbum Pomona Lisa (1998).


Outra banda que lle sacou partido a "Low Rider" foi Reverend and The Makers na canción "Silence Is Talking", que abre o segundo álbum da banda inglesa, A French Kiss in the Chaos (2009).

xoves, 12 de febreiro de 2015

Ring of Fire

A frutífera carreira de Johnny Cash está ateigada de grandes cancións, imprescindibles moitas delas na historia da música contemporánea do último medio século, pero sen dúbida a máis destacada é "Ring of Fire", unha canción concibida para o compilatorio Ring of Fire: The Best of Johnny Cash (1963), pero que se converteu na canción máis emblemática de Cash. E non obstante, non foi o primeiro en gravala. A compositora da canción, June Carter, que uns anos máis tarde casaría con el, ofreceulla a súa irmá Anita Carter, que a publicou no álbum Folk Songs Old and New (1963) co título "(Love's) Ring of Fire", que sería o seu maior éxito.


Ó escoitar a canción de Anita Carter, Johnny Cash decidiu gravar a súa propia versión, pero incorporando o son mariachi mexicano e tralas sesións no estudio, puido incluíla no compilatorio Ring of Fire: The Best of Johnny Cash que se publicou poucos meses despois de que "Ring of Fire", na voz de Anita Carter, arrasase nas listas country.


E The Animals, ou mellor dito, xa como Eric Burdon & The Animals, que levaban un tempo especializándose en versións, tamén fixeron unha de "Ring of Fire" trasladándoa ó seu estilo rock. Pertence ó álbum Love Is (1968).


Social Distortion tamén fixeron a súa versión de "Ring of Fire", pero en clave punk no álbum epónimo que editaron en 1989.

xoves, 22 de xaneiro de 2015

Paint It Black

The Rolling Stones comezaron a diferenciarse do resto das grandes bandas británicas dos sesenta con Aftermath (1966), un álbum que os puña nun nivel superior, case á mesma altura que os fabulosos de Liverpool, e iso non era doado, pois a enorme calidade da música daquelas bandas marcaron a historia do rock. Pero xusto nese fantástico ano de 1966 parecía que Mick Jagger e Keith Richards estivesen tocados por unha variña máxica, ó igual que Brian Jones, cuxos dedos sacaban os mellores sons de calquera instrumento que tocase como o sitar, que non era moi habitual que se empregase no rock. Aínda así, os Stones recorreron a este inusual instrumento en "Paint It Black", unha da melloriñas que o tándem Jagger/Ricahrds compuxo na dilatada carreira da banda. O curioso é que "Paint It Black" só aparecía na edición americana do disco, con moitas menos cancións que a edición británica, que malia iso, careceu das dotes interpretativas de Jones co sitar nesta canción.


As versións de "Paint It Black" apareceron coma setas pouco despois e cada certo tempo é habitual atopar algunha nova. Unha das primeiras e das mellores é a de Eric Burdon & War. O cantante de The Animals gravou esta orixinal versión en clave funk coa banda californiana no álbum The Black Man's Burdon (1971).


Máis achegada ó son orixinal é a versión española que fixeron Los Salvajes poucos anos despois da publicación dos Stones co título "Todo negro".


É unha versión da de Los Salvajes foi a que fixo M-Clan no álbum en directo Sin enchufe (2001).


A última versión máis destacada foi a de Plan B en 2007, unha revisión total titulada "Paint It Blacker".

martes, 25 de novembro de 2014

Dragnet

Xa indicamos máis dunha vez que as músicas intrumentais das series e das películas, así como dos programas de radio ou televisión raramente teñen  maior transcendencia máis aló do formato para o que foron concebidos. Pero sempre hai excepcións. Nos anos cincuenta do pasado século foi moi popular en Estados Unidos un programa de radio chamado "Dragnet", que logo pasou a emitirse en televisión. Mais parte do éxito do programa estaba baseado na súa banda sonora, que co tempo tamén formou parte de series televisivas e de películas. Compúxoo Walter Shumann e desde logo, é preciso sinalar que máis dun programa de radio, parece sacado dunha película de ciencia ficción, desas nas que saen extraterrestres intentando conquistar a Terra. 


Con certas modificacións que a afastaban do son de big band coa que triunfou, outros artistas animáronse a versionar "Dragnet". Quizais a versión máis coñecida foi a que Art of Noise gravou para unha película en 1987 chamada precisamente "Dragnet".


Tampouco hai que esquecerse do aceno que Eric Burdon e a súa banda The Animals lle fixo a "Dragnet" no comezo de "San Franciscan Nights", de Winds of Change (1967), onde comezan cunha parodia de "Dragnet".


O grupo feminino First Choice tamén comezou a súa canción "Armed and Extremely Dangerous" cos acordes de "Dragnet", que logo se van repetindo en distintos lances do tema. A canción pertnence ó álbum Armed and Extremely Dangerous (1973).

xoves, 6 de setembro de 2012

Mama Told Me Not to Come

En 1965 The Animals acadaran o apoxeo do éxito pero tamén esta situación comezaba a causar estragos nos membros do grupo. Alan Price, o teclista, abandonou a banda por problemas persoais e tamén para non  ter que enfrontarse con Eric Burdon. Un ano despois tamén marchaba o batería John Steel, e con iso parecía sentenciar o final da banda. Mesmo con todas estas dificultades, Burdon non se deu por vencido e en 1967 refundou  o grupo co nome Eric Burdon & The Animals e nese mesmo ano aparecía nos Estados Unidos o álbum Eric Is Here, que contén a canción escrita por Randy Newman "Mama Told Me Not to Come".

http://youtu.be/tH47sJIFK0U

Unha das primeiras versións que se fixo de "Mama Told Me Not to Come" débese ó propio autor, Randy Newman, que a gravou en 1969 e aparece no álbum 12 Songs (1970).

http://youtu.be/zUmLAGEHB0U

Pero a versión máis popular apareceu tamén en 1970 nas voces de Three Dog Night. A banda californiana incluiuna no disco It Ain't Easy (1970).

http://www.goear.com/listen/6877a7b/mama-told-me-not-to-come-three-dog-night

Nos últimos anos "Mama Told Me Not to Come" volveu pórse de actualidade grazas ó álbum de versións que Tom Jones publicou en 2000 titulado Reload. Na canción de Randy Newman colabora co Tigre de Gales os seus paisanos de Stereophonics, que tamén a incluíron no seu recompilatorio de 2008 Decade in the Sun: The Best of Stereophonics.

http://youtu.be/SwN2uOFcpHg


xoves, 12 de xullo de 2012

Don't Let Me Be Misunderstood

Dificilmente podería imaxinar o trío de compositores formado por Gloria Caldwell, Sol Marcus e Bennie Benjamin cando escribiron "Don't Let Me Be Misunderstood" para Nina Simone que acababan de asinar unha das cancións máis grandes de tódolos tempos. Un tema soul que trascendeu a música rock e se fixo indispendable en calquera colección de música contemporánea; un clásico con maiúsculas. Nina Simone gravouna en 1964 no álbum Broadway -Blues -Ballads, que contén algunhas das mellores cancións desta dama do soul e do blues.


Que este tema se fixese tan popular débese a The Animals. A banda de Eric Burdon incluíu unha versión no seu terceiro disco "americano" Animal Tracks (1965) que conquistou o planeta enteiro.


E dende os anos 60 as versións de "Don't Let Me Be Misunderstood", tanto baseadas na de Nina Simone como na de The Animals, non fixeron máis que agromar ata os nosos días. Joe Cooker, Gary Moore, Elvis Costello, Cyndi Lauper, etc. que se renderon ó encanto que desprende este tema. Mais unha das versións máis curiosas é a de Santa Esmeralda, que en plena época disco souberon adaptala ó estilo do momento en 1977.


Tamén moita xente adoita indicar que a versión de The Animals inspirou o riff de guitarra que Bruce Springsteen emprega en "Badlands", un dos temas que compoñen Darkness on the Edge of Town (1978). En calquera caso, un dos grandes temas do Boss.

http://youtu.be/TF1jH6Cv0tk

E si, incriblemente tamén serviu ó movemento hip-hop como sample. Lil Wayne empregouna no tema "Don´t Get It" en Tha Carter III (2008). Sen dúbida o hip-hop sabe reciclar calquera tipo de melodías.

martes, 15 de marzo de 2011

The House of the Rising Sun

Seguimos con cancións tradicionais que xa forman parte da historia do pop-rock. Esta vez imos ata Estados Unidos, concretamente ao estado sureño de Luisiana cunha canción das máis fascinantes que nos deixou o século XX. A casa do Sol Nacente narra a historia dunha persoa que lle foi mal nun lugar de Nova Orleáns coñecido con ese nome. Esta canción ten a particularidade de que pode ser interpretada desde o punto de vista dun home ou dunha muller. Segundo isto, algúns críticos sinalan que a casa do Sol  Nacente podería tratarse dunha casa de apostas ou ben, dun burdel; e houbo intentos de tratar de localizar este histórico lugar en Nova Orleáns, así coma os autores da melodía e máis da letra. Isto deu lugar a toda unha serie de teorías, que conseguen envolver a historia da canción nun misterio enfeitizante.

A primeira gravación de The House of the Rising Sun correu a cargo de Roy Acuff en 1938 e a partir de aí, as versións foron continuas. Artistas tan significativos como Bob Dylan (1962), The Beatles, The Doors, Jimi Hendrix, Joan Baez, Nina Simone, Scorpions, Tracy Chapman, Toto e Sinead O' Connor, entre outros moitísimos artistas caeron no encanto desta canción. Mesmo hai unhas cantas versións en español dos anos sesenta gravadas polos colombianos The Speakers e Los Cinco Latinos, respectivamente; en España, destacaría a versión de Bruno Lomas, a de Lone Star e a do grupo de Molins de Rei  Els Dracs, que a adapatarían ao catalán como La casa del sol naixent  tamén ao final dos 60.  En 1972  Génesis de Colombia volvería a facer unha nova versión. 

A continuación, a versión de Joan Baez:

   http://www.goear.com/listen/b5670cf/the-house-of-rising-sun-joan-baez

A de Bruno Lomas, unha adaptación totalmente libre que non garda relación coa letra orixinal.

   http://www.goear.com/listen/c3932bf/la-casa-del-sol-naciente-bruno-lomas

A de Lone Star, en cambio, respecta bastante ben a letra orixinal con pequenas variacións para adapatala á música.
https://youtu.be/P3To9LgNE8s

E a de Els Dracs:

 http://www.goear.com/listen/d77330c/la-casa-del-sol-naixent-els-dracs



Pero sen dúbida, a versión máis recordada é a  de The Animals, que se incluíu na edición americana do seu disco de debut The Animals (1964), debido sen dúbida aos arreglos de órgano de Alan Price, que lle dan un toque máis envolvente ao tema se cabe.

 http://www.goear.com/listen/445a9e4/the-house-of-rising-sun-the-animals

Pero a febre por esta canción sobreviviu ás décadas dos 60 e 70 e aínda hoxe grupos punteiros como Muse e The White Stripes caeron rendidos ao encanto de The House of the Rising Sun.

http://www.goear.com/listen/30142d2/house-of-the-rising-sun-muse