xoves, 24 de setembro de 2015

Tobacco Road

Boa parte das cancións que John D. Loudermilk compuxo tivo éxito nas voces doutros artistas malia a telas gravado el previamente, ó igual que lle ten pasado a outros moitos cantautores ó longo da historia da música. Con todo, sen que ningún dos singles e discos que publicou chegase a triunfar, hoxe reivindícanse as súas gravacións, sobre todo por mor da importancia que esas cancións tiveron noutras voces posteriormente. Como emblema desta vindicación  sinálase a canción "Tobacco Road", de 1960, que non chegou a aparecer como single nin se incluíu no seguinte álbum de Loudermilk, Language of Love (1961), pero que conta cunha magnífica interpretación en clave blues rock que fai que na actualidade estea considerada como unha das mellores representacións de blues dos sesenta.


The Nashville Teens acadaron o seu maior éxito cunha versión de "Tobacco Road", no álbum do mesmo nome de 1964. A diferenza da orixinal, moi apegada ó blues clásico, The Nashville Teens imprimíronlle un ritmo de garage rock, que deu a coñecer a canción en todo o mundo.


Das moitísimas versións que se teñen feito de "Tobacco Road" desde os sesenta, quizais a que máis transcendencia tivo trala a de The Nashville Teens sexa a de Eric Burdon & War no álbum Eric Burdon Declares "War" (1970), canción que xa interpretaran tres anos antes nun programa da televisión alemá. A versión do álbum ronda o cuarto de hora, pero ofrecémosvos unha versión máis curta de algo máis de seis minutos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario