xoves, 3 de setembro de 2015

Apologize

En 2005 Ryan Tedder cumpría o soño de ver cómo por fin o primeiro single do seu grupo OneRepublic saía ó mercado estadounidense mentres aínda preparaba o álbum completo. Deste xeito, podíase comprobar as sensacións que causaba "Apologize" e de paso, segundo estas, introducir melloras nas restantes cancións que acabarían conformando Dreaming Out Loud, que non se editaría ata novembro de 2007. O certo é que OneRepublic debutaba pisando forte e con todas as cartas na mesa, dado o magnífico nivel de "Apologize", que xa preconizaba que o grupo ía ser unha das revelacións da década, así como o talento de Tedder como compositor e produtor, quen non tardaría en estar solicitado por outros artistas, algúns da talla de U2, para traballar con eles. Con todo, aínda tiveron que pasar un par de anos e que Timbaland se cruzase no camiño de OneRepublic para que "Apologize" tivese a repercusión mundial que levou a esta banda de Colorado á cima do pop rock.


Ó tempo que OneRepublic preparaba o seu debut discográfico, o produtor Timbaland tamén traballaba no seu segundo disco, Shock Value (2007), onde contaba con numerosos convidados. Facendo as remesturas convenientes e contando coa banda e o labor de Tedder á produción xunto con Greg Wells, a nova "Apologize" de Timbaland acadou un impresionante éxito internacional que centrou a atención no primeiro álbum de OneRepublic, que se pechaba precisamente coa versión remix de "Apologize", que tanto éxito estaba logrando e que melloraba, se cabe, a versión orixinal.


No álbum de versións The Q-Music Sessions (2013), Within Temptation tamén se atreveron a facer a súa interpretación de "Apologize".

Ningún comentario:

Publicar un comentario