É unha realidade que o hip hop non se caracteriza precisamente por prestarlle moita atención ós ritmos melódicos, xa que está máis centrado en transmitir a mensaxe das súas letras que noutras cuestións artísticas. Pero nos anos oitenta os rapeiros aínda procuraban coidar a melodía e non recorrían tanto ós samples e a outros recursos que lles podían proporicionar cancións alleas como é habitual na actualidade. Precisamente por iso, ten tanto mérito a canción de World's Famous Supreme Team "Hey Dj", single que editaron en 1984, á que souberon darlle un son melódico orixinal sen necesidade de recorrer a outras cancións. Con este tema o grupo de Nova York conseguiu que o hip hop conseguise un novo pulo no seu camiño por consagrarse como un dos xéneros en boga dos oitenta.
A primeira proba de que "Hey Dj" supuña unha canción destacada alén do hip hop témola no tema de Toshiki Kadomatsu "Secret Lover", do álbum Gold Digger (1985), onde samplea a melodía.
Outros que botaron man de "Hey Dj" foron Beastie Boys en "Alright Hear This", tema de Ill Communication (1994), pero que se distingue doutras cancións ó acudir só á base instrumental e non á melodía.
Seguindo o exemplo de Kadomatsu, Mariah Carey baseou a súa canción "Honey", de Butterfly (1997), en "Hey Dj", o que supuña o primeiro achegamento da diva ó hip hop, liña que haberían de seguir os seus seguintes traballos.
Xunto coa canción de World's Famous Supreme Team, Mariah Carey tamén tomou algúns elementos da canción de Treacherous Three "The Body Rock", pertencente ó álbum epónimo desta banda de hip hop, publicado en 1984. Obsérvese a diferenza no tratamento da melodía con "Hey Dj", que tamén saíu ese ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario