Como é habitual en moitas bandas de éxito, a alma máter de The Who, Pete Townshend, comezou moi cedo unha carreira en solitario paralela á do seu grupo, aínda que con menos repercusión, porque nunca acadou a transcendencia do seu traballo con The Who, para quen parecía reservar as súas mellores creacións. Con todo, Townshend sempre se mostrou incansable e cada pouco editaba un álbum en solitario, que aplacaba as ganas dos fans da banda de novo material, mentres agardaban os seguintes movementos de The Who. O álbum que máis sona conseguiu foi Empty Glass (1980) cuxo primeiro single, "Let My Love Open the Door", está dedicado a gurú espiritual de Townshend, Meher Baba, con quen traballara nos seus primeiros discos en solitario e quen tamén inspirou algunhas das grandes cancións de The Who, coma "Baba O'Riley".
Un ano despois da publicación de Empty Glass, The Who editaba o seu noveno álbum, Face Dances (1981), onde se inclúe "You Better You Bet", outra composición de Townshend, que para algúns ten por momentos algunha similitude con "Let My Love Open the Door". O caso é que tanto o son dunha como da outra conteñen un lixeiro resto do de "Baba O'Riley", que como xa vimos, é quizais a canción máis influente de The Who.
Ningún comentario:
Publicar un comentario