Amosando publicacións coa etiqueta Los Rodríguez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Los Rodríguez. Amosar todas as publicacións

mércores, 28 de agosto de 2013

No Woman No Cry

O álbum Natty Dread de 1974 supuxo un momento de transición para Bob Marley. Por primeira vez, o disco editábase baixo o nome Bob Marley & The Wailers, resaltando así o carisma e a importancia que Marley exercía por onde pasaba. Por outro lado, tamén influíu neste cambio de nome a marcha doutros dous componentes de peso coma Bunny Wailer e Peter Tosh. E postos a innovar, Natty Dread tamén é o primeiro disco de Bob Marley que conta coa participación do trío en que cantaba a súa muller Rita, I Trees. Con todos estes cambios, o lanzamento de Natty Dread levantou unha gran expectación no selo Atlantic, pois Chris Blackwell, o produtor e dono da discográfica, non sabía como ía responder o público maila crítica, pero Natty Dread contiña un temazo, que habería de quedar para a posteridade como un dos grandes himnos da carreira de Marley: "No Woman No Cry".


Un ano despois, Bob Marley & The Wailers publicaron o disco en directo Live! con algunhas das súas mellores cancións, onde non faltaba "No Woman No Cry". A publicación da versión en concerto pronto acadou cotas de popularidade superiores á da versión no estudio, e de feito, hoxe practicamente só soa á versión en directo:  http://youtu.be/SV2hshsChlk

Das versións que outros artistas gravaron no estudio para un álbum, a que máis repercusión tivo foi a de Fugees' no seu exitoso primeiro disco The Score (1996), onde Wyclef Jean fai unha interpretación marabillosa.

http://youtu.be/n8G1oADtHcQ

Baseada no son de "No Woman No Cry" atopamos unha das cancións máis famosas de The Police, "So Lonely", pertencente a Outlandos d'Amour (1978). A base está tan ben camuflada que é complicada notar o parecido na primeira escoita.

http://youtu.be/fz0DFefft2E

"No Woman No Cry" tamén está na base dunha das cancións que Andrés Calamaro gravou no álbum Honestidad Brutal (1999).


martes, 16 de abril de 2013

Man in Black

En 1970 Johnny Cash xa era un artista consagrado nos Estados Unidos cunha trintena de discos as súas costas, mais toda esa sona non volveu compracente ó artista country, que seguía comprometido coas causas sociais que se desenvolvían daquela e tampouco era alleo ós grandes problemas como a guerra de Vietnam, que ameazaba a estabilidade do país. Concienzado coa época convulsa na que se atopaba, en 1971 editou Man in Black, un dos traballos máis reivindicativos de Cash. A canción que lle dá título ó álbum é hoxe unha das cancións protesta máis recoñecibles desa década.


Johnny Cash é un referente para moitos artistas que adoptaron o seu estilo. En España un dos alumnos aventaxados de Cash é José María Sanz. En 1993 Loquillo y Los Trogloditas publicaron Mientras Respiremos, que contén unha fermosa versión de "Man in Black" en castelán chamada "El Hombre de Negro".


Posto que é unha das cancións favoritas de Loquillo, este volveu a ofrecer ós seus seguidores unha nova versión de "El Hombre de Negro" en Hermanos de Sangre (2006) que, ademais de contar cun son renovado, están presentes as voces doutros tres grandes intérpretes: Bunbury, Jaime Urrutia e Andrés Calamaro. Poucas cancións reúnen a tantos mestres.




venres, 4 de xaneiro de 2013

Todavía una canción de amor

Ariel Rot e Andrés Calamaro son parte do máximo exponente do rock arxentino e son os que máis fixeron por unir as raíces musicais de América do Sur coas españolas. Xa no primeiro proxecto en que se deu a coñecer Ariel Rot, Tequila, víase con diferenza esa aposta por crear un son hispano identificativo a ámbolos dous lados do Atlántico que conxugase perfectamente cos sons anglosaxóns. Pero trala aventura de Tequila,  case dez despois, en 1991, Julián Infante, tamén ex integrante de Tequila, pon en marcha Los Rodríguez xunto con Germán Vilella e decide engadir á nova formación a Ariel Rot, que á vez, embarca a Andrés Calamaro como vocalista. Os obxectivos volven ser os mesmos e o resultado é que Los Rodríguez se converteron nunha das mellores bandas de rock latino. No cuarto disco Palabras Más, Palabras Menos (1995) atopamos "Todavía una Canción de Amor", escrita conxuntamente por Andrés Calamaro e Joaquín Sabina.


Joaquín Sabina gravouna para un dos seus recompilatorios con material inédito. "Todavía una Canción de Amor" pechaba o segundo CD que conforma Punto... y Seguido (2006).


Mais a versión máis rockeira que se fixo deste tema débese ós arxentinos 2 Minutos, que a engalanan con sons punks no seu último disco Vamos a la Granja/Directo al Infierno (2010).

mércores, 6 de xuño de 2012

Dime que me quieres

A mediados dos anos 70, antes de que o fenómeno da Movida madrileña convulsionase o panorama pop-rock español, as listas de vendas españolas enchéronse de frescura coa aparición dunha banda hispano-arxentina, Tequila. A súa proposta dun rock divertido e dinámico pronto calou nos adolescentes da época e Tequila pasou a ser unha desas bandas imprescindibles en calquera festa. Co tempo, os seus compoñentes máis carismáticos seguirían apegados ó mundo da música; Alejo Stível,  o cantante, é  un importante produtor que está detrás dos comezos de moitos grupos que hoxe gozan dun importante éxito como La Oreja de Van Gogh e M-Clan; e Ariel Rot, o guitarrista, continuou cunha brillante carreira tanto en Los Rodríguez, onde coincidiu con Andrés Calamaro, como en solitario. "Dime que Me Quieres", unha das cancións máis importante de Tequila, pechaba o terceiro disco da banda Viva Tequila! (1980).


Unha das versións máis importantes desta canción foi a de Los Piratas, que en 1995 a incluíron no seu álbum Poligamia. A nova versión serviu para recuperar a música de Tequila e volver pór de actualidade unha das súas cancións máis representativas.


Pero a reivindicación de Tequila como parte fundamental na música pop-rock española  chegaría en 1997 cun disco de homenaxe onde unha galería de artistas e grupos versionan boa parte do repertorio de Tequila. En Mucho Tequila destaca a versión de "Dime que me Quieres" que fixeron Los Lunes, un grupo melódico, que lle deron a volta á canción. Dun tema rock pasamos a unha balada. O resultado admite todo tipo de conclusións.