En 1970 Johnny Cash xa era un artista consagrado nos Estados Unidos cunha trintena de discos as súas costas, mais toda esa sona non volveu compracente ó artista country, que seguía comprometido coas causas sociais que se desenvolvían daquela e tampouco era alleo ós grandes problemas como a guerra de Vietnam, que ameazaba a estabilidade do país. Concienzado coa época convulsa na que se atopaba, en 1971 editou Man in Black, un dos traballos máis reivindicativos de Cash. A canción que lle dá título ó álbum é hoxe unha das cancións protesta máis recoñecibles desa década.
Johnny Cash é un referente para moitos artistas que adoptaron o seu estilo. En España un dos alumnos aventaxados de Cash é José María Sanz. En 1993 Loquillo y Los Trogloditas publicaron Mientras Respiremos, que contén unha fermosa versión de "Man in Black" en castelán chamada "El Hombre de Negro".
Posto que é unha das cancións favoritas de Loquillo, este volveu a ofrecer ós seus seguidores unha nova versión de "El Hombre de Negro" en Hermanos de Sangre (2006) que, ademais de contar cun son renovado, están presentes as voces doutros tres grandes intérpretes: Bunbury, Jaime Urrutia e Andrés Calamaro. Poucas cancións reúnen a tantos mestres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario