martes, 2 de abril de 2013

Showdown

Unha das grandes bandas de rock sinfónico que apareceron a comezos dos anos 70 é a Electric Light Orchestra. Os ingleses Roy Wood e Jeff Lynne souberon imprimirlle ó seu grupo un son propio moi recoñecible ó longo do tempo. En 1973 editaban o seu terceiro disco On the Third Day despois dunha serie de problemas internos que acabaron na saída da banda de Roy Wood. A parte positiva foi a colaboración de Marc Bolan nalgunhas das cancións do álbum, onde toca a guitarra. Na versión americana do disco, a Electric Light Orchestra incluíu "Showdown", un dos seus maiores éxitos.


A Electric Light Orchestra dérase a coñecer en todo o mundo co single "10538 Overture" onde xa mostraban as liñas principais que ían definir o seu son. Incluíuse no álbum epónimo da banda, co que debutaron a finais de 1971 e como a maioría das cancións da ELO, está asinada por Jeff Lyne.


Estas dúas cancións da Electric Light Orchestra foron imprescindibles para Paul Weller á hora de crear "The Changingman", unha das cancións do seu álbum en solitario Stanley Road (1995). O líder de The Jam combina as dúas cancións para crear unha nova canción no seu terceiro disco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario