Amosando publicacións coa etiqueta Red Hot Chili Peppers. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Red Hot Chili Peppers. Amosar todas as publicacións

venres, 30 de outubro de 2015

Some Kind of Wonderful

A traxectoria de Soul Brothers Six e mais concretamente do seu líder John Ellison sempre estará vinculada ó single que publicaron en 1967 "Some Kind of Wonderful", unha marabillosa canción soul cun ritmo bailable que xa parecía preconizar os novos tempos en que o funk ía vivir unha espléndida etapa. No entanto, ter asinado esta gran canción non fixo que a carreira de Soul Brothers Six despegara e apenas estiveron dez anos máis en activo sen conseguir obter un éxito semellante. Nin sequera cando "Some Kind of Wonderful" comezou a ser versionada con regularidade e a ser máis coñecida serviu para que puidesen coller impulso.


Grand Funk Railroad recuperou "Some Kind of Wonderful" nunha nova versión algo máis afastada do soul e moi próxima ó blues rock e o funk no álbum All the Girls in the World Beware !!! (1974). A partir desta última versión a popularidade de "Some Kind of Wonderful" foi moito maior.


Das moitas versións que se fixeron de "Some Kind of Wonderful", sobresae especialmente a de Joss Stone no seu álbum de debut The Soul Sessions (2003) devolvéndolle o estilo soul inicial e os aires funk que xa axitaban a versión orixinal.


Moitos trazos procedentes da versión de Grand Funk Railroad pódense apreciar na canción de Red Hot Chili Peppers "Hump de Bump", pertencente a Stadium Arcadium (2006), aínda que non "Some Kind of Wonderful" non é a única inspiración funk que se atopa neste single da banda californiana.


A outra canción que tamén influíu na elaboración de "Hump de Bump" é o tema de The Commodores "(Can I) Get a Witness", do álbum Movin' On (1975).

venres, 19 de xuño de 2015

Hollywood

Malia que o topónimo Hollywood é bastante frecuente en Estados Unidos, todo o mundo pensa na meca do cine cando alguén menciona ese nome. E de feito, precisamente debido á que a industria cinematográfica está establecida alí, Hollywood é un sinónimo de fábrica de soños, un lugar onde calquera pode triunfar, unha meta. Polo tanto, non estraña que moitos artistas leven facendo desde hai décadas cancións dedicadas a este lugar tan especial e nós, pola nosa parte, imos dedicar dúas entradas monográficas a algunhas cancións tituladas "Hollywood", como a de Labelle no álbum Pressure Cookin' (1973), cuxo título completo da canción é "(Can I Speak Before You Go To) Hollywood".

https://youtu.be/TnMqpAT0ubE

No ano 1977 apareceron varias cancións tituladas "Hollywood" aínda que pertencentes a estilos moi diferentes. A primeira foi a de The Runaways no álbum Queens of Noise, editado en xaneiro de 1977.

https://youtu.be/-g0PTluScRo

En abril de 1977 publicouse o álbum de Rufus Ask Rufus cunha canción "Hollywood" interpretada xunto con Chaka Khan.

https://youtu.be/_5XQ0lD8_lU

 "Hollywood (Down on Your Luck)" foi un dos single do álbum de Thin Lizzy Renegade (1981).

https://youtu.be/QcVS4Kpdn0E

Red Hot Chili Peppers teñen a canción "Hollywood (Africa)", no álbum Freaky Styley (1985), que tamén foi single.

https://youtu.be/_dmIhjDf9Ns

E The Cranberries tamén teñen unha canción "Hollywood" no álbum To the Faithful Departed (1996).

https://youtu.be/GuCGmyF5te4

venres, 10 de abril de 2015

Sun

Retomamos de novo os posts monográficos. O de hoxe vai dedicado ó Sol, que coa súa luz anuncia a chegada do bo tempo, algo que metaforicamente sempre se asociou a un período de felicidade. As seis cancións que eliximos para esta entrada son unha pequena mostra dunha amplísima variedade de cancións que levan no título a palabra "sol", así que non descartamos que haxa unha segunda parte desta entrega noutra ocasión. Acéptanse propostas.

A primeira delas é a canción dos Beatles "Here Comes the Sun", escrita por George Harrison, que se incluíu en Abbey Road (1969).É sen dúbida unha das mellores cancións do álbum e evoca os beneficiosos efectos do sol.

https://youtu.be/C5E_zXbmrlM

Janis Joplin tamén lle escribiu unha canción ó sol co espíritu do flower power. O resultado foi "Flower in the Sun", un single póstumo que se publicou en 1972.

https://youtu.be/2vNczrinFRo

No álbum de 1987 The Uplift Mofo Party Plan Red Hot Chili Peppers incluían a canción "Behind the Sun", que haberían de sacar como single cinco anos despois.

https://youtu.be/gsC9KwiknTs

Con reminiscencias cara ó final da canción dos Beatles "Here Comes the Sun", Soda Stereo asinou no álbum Canción animal (1990) a fantástica "Cae el sol", unha das mellores composicións de Gustavo Cerati e Daniel Melero.

https://youtu.be/7pxzYVc_lNQ

A seguinte canción que vén a continuación foi publicada en 1997. Pertence ó album de Supergrass In It for the Money (1997) e trátase de "Sun Hits the Sky", single que se publicou na primavera, aproveitando a chegada do sol e as altas temperaturas.

https://youtu.be/OJ8TYNpJdLg

E xa para rematar por hoxe, quedamos coa sensacional "Sun" de Two Door Cinema Club, que aparece no álbum Beacon (2012).

https://youtu.be/sKyK1Mme9Sc

luns, 20 de outubro de 2014

Siberian Khatru

Quedaban aínda uns dez anos para que Yes publicara a gran canción da súa carreira, "Owner of a Lonely Heart", pero a banda de Jon Anderson xa ía polo quinto disco de estudio con Close to the Edge (1972) e o ano anterior mesmo se permitiran editar un recompilatorio cos primeiros traballos. E non obstante, xa tiñan encamiñado a senda do éxito e só era cuestión de tempo que Yes asinase unha canción inesquecible. Mentres tanto, a andaina da banda de Londres ía enchéndose de discos dunha enorme calidade, con cancións que facían medrar en prestixio ó rock progresivo. Con Close to the Edge repetiron ó mesmo éxito de crítica e público que obtiveran co anterior álbum de estudio. Para esta ocasión, Yes decantouse por un traballo case conceptual, composto só de tres cancións, pero todas de longa duración. As dúas primeiras están divididas en varias partes, que mesmo se poden interpretar de forma independiente. A que pecha o disco é "Siberian Khatru", a máis breve.


Como a meirande parte das bandas de rock progresivo, a influencia de Yes é palpable en bandas posteriores. Os rapaces de Red Hot Chili Peppers sempre admitiron que as guitarras de "Siberian Khatru" inspiraron o son de "Get on Top", unha das cancións de Californication (1999).

martes, 12 de agosto de 2014

Miss You

A década de 1970 foi das máis produtivas para os sempre inquietos Rolling Stones. Nese período de tempo a banda de Mick Jagger, Keith Richards, Charlie Watts e Ronnie Wood editou os seus mellores discos tras sobrevivir a momentos convulsos dentro da formación coma a expulsión de Brian Jones e o seu posterior falecemento, e o paso fugaz de Mick Taylor, un dos mellores guitarristas que se podía encontrar daquela. Por se fose pouco a ambición dos compoñentes, especialmente dos pesos pesados Jagger e Richards, foi superior ó acomodamento que supuña vir dunha etapa onde xa deixaran algunhas cancións imborrables. Some Girls (1978) é un dos mellores álbums para moitos fans e para boa parte da crítica, que o sitúa nos primeiros postos dos traballos dos Stones. O single que serviu de presentación é o potente "Miss You", co que Jagger e Richards se introducen timidamente nos sons disco que marcaban a música nesa época.


Hai unha versión de "Miss You" por riba de todas as demais. Etta James pousou o ritmo frenético da versión orixinal e converteuna nun moderno blues no álbum Matriarch of the Blues (2000). Poucas versións coma esta están á altura do tema orixinal cun estilo tan diferente.


Pero riff de guitarra de Keith Richards en "Miss You" tamén serviu de inspiración a outros músicos para as súas cancións. Talvez a máis destacada sexa a de Red Hot Chili Peppers "Knock Me Down", do álbum Mother's Milk (1989), que garda algún eco do tema dos Stones.

venres, 2 de maio de 2014

Sweet Child o' Mine

En 1987 puñáse en marcha a andaina discográfica dunha das bandas de rock máis importantes das últimas décadas. Desde Los Ángeles, cinco mozos comezaban a aventura da súa vida, acababa de nacer Guns N' Roses. Axl Rose, Slash, Izzy Stradlin, Duff McKagan e Steven Adler tiñan unhas enormes ganas de comer o mundo, de facelo seu e mesmo de desfacelo coa contundencia das guitarras qu dominaban a súa música, e esas intencións xa as deixaban claras no título do debut Appetite for Destruction. Polo demais, ese primeiro disco xa contiña algunhas das cancións que se haberían de converter en imprescindibles en calquera recompilatorio dos Guns N' Roses, como a sempre lembrada "Sweet Child o' Mine", tema que arranca cun dos riffs máis característicos, e que lle valeu a Slash gañar unha merecida sona como un dos mellores guitarristas. E iso que detrás dela hai dúas grandes cancións.

http://youtu.be/bzAGZT_XTAk

A primeira débese ó sensacional tema de Traffic "Dear, Mr. Fantasty" , que lle dá nome ó álbum de debut da banda de Steve Winwood, publicado en 1967.

http://youtu.be/vxVlN-LzIks

A segunda é o tema de Roger Miller "Not in Nottingham", de 1973, que forma parte da banda sonora da película de Disney, Robin Hood, malia que para moitos críticos a contribución deste tema de Miller á de Guns N' Roses é moi sutil e apenas se aprecia.

http://youtu.be/c2dImprgiB8

Volvendo a "Sweet Child O'Mine", a súa influencia desde a súa publicación foi tal, que hai quen asegura que incluso Alice Cooper imitou o son da guitarra en "Poison", tema de Trash (1989).

http://youtu.be/Qq4j1LtCdww

Ese riff que fai recoñecible a "Sweet Child o' Mine" no primeiro acorde, aproveitouno Red Hot Chili Peppers na canción "Punk Rock Classic", que se inclúe no álbum Mother's Milk (1989).

http://youtu.be/hlKIHmwSzjg

Tamén SR-71 o aproveita nunha das cancións do álbum Here We Go Again (2004). En "Axl Rose", SR-71 homenaxean ó vocalista de Guns N' Roses e, desde logo, non podía faltar un aceno a unha das grandes cancións do grupo.

http://youtu.be/F8YIJ47KglU

O debut de Hinder tamén está marcado polo tema de Guns N' Roses. En Extreme Behavior (2005) a canción "Homecoming Queen" parece un tributo encuberto a "Sweet Child o'Mine".

http://youtu.be/wkG56P9uBeU

mércores, 22 de xaneiro de 2014

Pretty Little Ditty

Ata a publicación do cuarto disco Red Hot Chili Peppers era unha banda de rock alternativo non demasiado coñecida máis aló das fronteiras dos Estados Unidos, pero cando Anthony Kiedis, Chad Smith, Flea e John Frusciante editaron Mother's Milk no verán de 1989 quedaba claro que a banda se dirixía cara a un son máis comercial na procura de novas portas por abrir. E abofé que lograron o seu obxectivo con creces. Mother's Milk foi o disco máis vendido de Red Hot Chili Peppers nesa altura e xa anticipaba o éxito mundial que haberían de ter co seguinte traballo Blood Sugar Sex Magik dous anos despois e que suporía á chegada ó cumio para esta banda californiana. E por se fose pouco, no camiño ó estrelato o son de Red Hot Chili Peppers non precisou homoxeneizarse co de outras bandas parecidas que garantían un éxito rápido,  e Red Hot Chili Peppers puido conservar o seu estilo de facer música que co tempo, converteuse na súa pegada máis valorada. "Pretty Little Ditty" é unha das cancións incluídas nese cuarto álbum que, en certa medida, supuxo un punto de inflexión na andaina de Red Hot Chili Peppers.


"Pretty Little Ditty" ten unha segunda vida no tema de Crazy Town "Butterfly", do álbum The Gift of Game (2000).

venres, 4 de maio de 2012

Mary Jane's Last Dance

Tom Petty e a súa banda The Heartbreakers acababan de conseguir un éxito inusitado con "Free Fallin'" e de editar un novo disco en 1991 sen tanta sona cando en 1993 decidiron publicar un álbum de grandes éxitos  producido entre outros por Rick Rubin e Dave Stewart. Este recompilatorio contén unha canción inédita: "Mary Jane's Last Dance".


Se en 2001 Tom Petty tivo a ocasión de comprobar que The Strokes se inspiraban demasiado nun dos seus temas para o seu debut, cinco anos despois volveu experimentar algo semellante cos acordes de "Dani California", o single de presentacion de Stadium Arcadium (2006), noveno traballo discográfico de Red Hot Chili Peppers. O parecido pode deberse a que ámbalas dúas cancións comparten produtor, Rick Rubin.

venres, 20 de xaneiro de 2012

Under The Bridge

Os anos noventa comezaron para a banda californiana Red Hot Chili Peppers cunha formación estable que marcaría a traxectoria posterior deste grupo comandado por Anthony Kiedis. En 1989 incorporáranse o batería Chad Smith e o guitarrista John Frusciante, que xunto Flea, a cargo do baixo, gravarían algúns dos álbuns máis memorables de Red Hot Chili Peppers. O primeiro deles foi Blood Sugar Sex Magic, de 1991, que tiña como primeiro single "Give It Away", que cun estilo que fusionaba o rock co rap, fixo que Red Hot Chili Peppers se desen a coñecer definitivamente no panorama internacional. Non obstante, o segundo single "Under the Bridge", xa non tiña nada en común con "Give It Way". Trátase dunha balada cunha letra que fala do poder das drogas, algo que coñecían ben os integrantes da banda e que case lle supuxo un problema á hora de elixir os singles. No entanto, a calidade da canción, así como a beleza da letra conseguiu que se vise a Red Hot Chili Peppers como algo máis que unha banda que só falaba de cousas superficiais.

 http://www.goear.com/listen/62bd812/under-the-bridge-red-hot-chili-peppers

En 1997, tralo éxito comercial que tiveron as Spice Girls o ano anterior, en Reino Unido comezaron a agromar numerosos grupos de mozas que  imitaban o estilo dubidoso das "mozas picantes", aínda que algúns tratáronse de desmarcar desa etiqueta con máis ou menos éxito. Un deles foi All Saints co seu álbum homónimo, que contiña esta versión do tema de Red Hot Chili Peppers.

 http://www.goear.com/listen/cdf12e3/under-the-bridge-all-saints