venres, 30 de outubro de 2015

Some Kind of Wonderful

A traxectoria de Soul Brothers Six e mais concretamente do seu líder John Ellison sempre estará vinculada ó single que publicaron en 1967 "Some Kind of Wonderful", unha marabillosa canción soul cun ritmo bailable que xa parecía preconizar os novos tempos en que o funk ía vivir unha espléndida etapa. No entanto, ter asinado esta gran canción non fixo que a carreira de Soul Brothers Six despegara e apenas estiveron dez anos máis en activo sen conseguir obter un éxito semellante. Nin sequera cando "Some Kind of Wonderful" comezou a ser versionada con regularidade e a ser máis coñecida serviu para que puidesen coller impulso.


Grand Funk Railroad recuperou "Some Kind of Wonderful" nunha nova versión algo máis afastada do soul e moi próxima ó blues rock e o funk no álbum All the Girls in the World Beware !!! (1974). A partir desta última versión a popularidade de "Some Kind of Wonderful" foi moito maior.


Das moitas versións que se fixeron de "Some Kind of Wonderful", sobresae especialmente a de Joss Stone no seu álbum de debut The Soul Sessions (2003) devolvéndolle o estilo soul inicial e os aires funk que xa axitaban a versión orixinal.


Moitos trazos procedentes da versión de Grand Funk Railroad pódense apreciar na canción de Red Hot Chili Peppers "Hump de Bump", pertencente a Stadium Arcadium (2006), aínda que non "Some Kind of Wonderful" non é a única inspiración funk que se atopa neste single da banda californiana.


A outra canción que tamén influíu na elaboración de "Hump de Bump" é o tema de The Commodores "(Can I) Get a Witness", do álbum Movin' On (1975).

Ningún comentario:

Publicar un comentario