O décimo álbum dos Rolling Stones, Exile on Main St (1972) é dos máis variados da banda inglesa. Canda ós habituais xéneros que configuran o son dos Stones coma rock, o blues e o contry, a banda atreveuse con estilos algo máis arriscados coma o gospel, que ata daquela aínda non asomara ó cada vez máis amplo repertorio desta. A canción máis paradigmática neste sentido é "Shine a Light", unha das últimas cancións pertencentes a ese magnífico dobre álbum dos Stones e tamén unha das máis coreadas nos seus concertos.
Malia a que apareceu no álbum Exile on Main St, "Shine a Light" non era unha canción totalmente nova, pois Mick Jagger e Keith Richards xa a compuxeran uns anos antes e os Rolling Stones xa a gravaran en 1969 ó lado de Leon Russell baixo o título "Get a Line on You", que acabaría formando parte do álbum epónimo do músico de Oklahoma, que se editou un ano despois.
Allison Crowe fixo unha moi boa versión de "Shine a Light" no álbum Tidings (2004).
É un feito probado que as influencias coas que Noel Gallagher compoñía as cancións de Oasis son moi transparentes. No entanto, malia que Noel ten afirmado máis dunha vez que para escribir "Live Forever", unha das cancións de Definitely Maybe (1994), se inspirou na canción dos Stones "Shine a Light" e tentou reproducir un anaco da melodía vocal, o caso é que, en comparación con outras cancións de Oasis, "Live Forever" ten moi pouco das musas inspiradoras de Gallagher, porque doutro xeito, xa os señores Jagger e Richards se encargarían de axustar contas cos Gallagher. Ou senón, que lle pregunten a Richard Ashcroft.
Ningún comentario:
Publicar un comentario