xoves, 1 de outubro de 2015

I Heard It Through the Grapevine

Marvin Gaye era unha das xoias da coroa da Tamla Motown nos esplendorosos anos sesenta e na discográfica de Detroit coidaban de aproveitar todo o seu inmenso talento, primeiro como solista e logo tamén como parte de dúos con Mary Wells, Kim Weston e sobre todo con Tammi Terrell, con quen gravou algunha das cancións máis populares na andaina de ambos. Deste xeito, Gaye compaxinaba dúas carreiras e non sorprendía atopar nun mesmo ano dous discos seus, ás veces mesmo publicados no mesmo mes. Iso foi o que ocorreu no mes de agosto de 1968, coa edición de You're All Need xunto a Tammi Terrell, e a de In the Groove, tamén chamado I Heard It Through the Grapevine, o álbum en solitario de Marvin Gaye, tras dous anos, o que lle engadía maior atractivo. "I Heard It Througn the Grapevine" é unha das cancións máis coñecidas do álbum.


Creedence Clearwater Revival fixo unha excelente versión de "I Heard It Through the Grapevine" no álbum Cosmo's Factory (1970) que pasa por ser unha das mellores da canción de Marvin Gaye.


Con simplemente cambiarlle a letra, pero mantendo a mesma melodía e son, Queen Latifah ofrece no álbum Order in the Court (1998) a canción "Paper", que no fondo, non deixa de ser unha revisión da de Marvin Gaye. 


Varios anos despois de ter rematada a aventura de Radio Futura, Santiago Auserón volveuse unir ó seu irmán Luis para sacar un novo álbum conxunto co nome Las malas lenguas (2006), co que rendían tributo a clásicos do rock and roll e do soul adaptándoos ó castelán. A canción que lle dá título é a versión de "I Heard It Through the Grapevine".

Ningún comentario:

Publicar un comentario