Escrita pola cantautora Anne Bredon e gravada por primeira vez por Joan Baez no álbum Joan Baez in Concert, Part. 1 (1962), "Babe, I'm Gonna Leave You" era un tema folk máis, con pinta de acabar formando parte do repertorio de calquera cantautor que se decantase por incluír versións nos seus discos. Por tanto, era unha canción habitual das bandas folk e seguramente unha das favoritas de Robert Plant. Malia que non está moi claro, non sería de estrañar que Plant, gran admirador de Joan Baez, lle propuxese a Jimmy Page, outro fan da cantautora estadounidense, facer unha versión de "Babe, I'm Gonna Leave You", mentres preparaban o primeiro disco de Led Zeppelin, a nova banda que Page acababa de pór en marcha, e que debutou con Led Zeppelin (1969), cuxo corte 2 era a versión de "Babe, I'm Gonna Leave You".
Sería precisamente a versión de Led Zeppelin, que apareceu no álbum epónimo da banda de Jimmy Page en 1969 a que marcou as pautas do desenvolvemento do rock progresivo, co que poderiamos dicir que se inauguraba unha nova fase na evolución do rock. Ó transformala nunha canción máis achegada ós sons electrificados, "Babe, I'm Gonna Leave You" convertiuse nunha das cancións que mellor definen o estilo de Led Zeppelin.
A mesma escala harmónica que Led Zeppelin reproduciu nas súas cancións seguírona logo outros grupos coma a Electric Light Orchestra nos seus primeiros traballos e Jethro Tull, ó igual que outras bandas que fixeron do rock progresivo a súa razón de ser. Fíxemonos senón, na canción de Chicago "25 or 6 to 4" que se inclúe no álbum Chicago (1970) e cómo a influencia de Led Zeppelin, e concretamente da versión de "Babe, I'm Gonna Leave You", é máis que palpable.
O mesmo se pode aplicar a "Suite Madame Blue", tema de Styx pertencente a Equinox (1975) totalmente ledzepeliano que parece fluctuar entre "Babe, I'm Gonna Leave You" e o magnífico "Starway to Heaven".
A Steve Miller Band non quedou atrás e en Book of Dreams (1977) amosaba a canción "Winter Time", parente sen dúbida das cancións anteriores coas que garda tódalas similitudes propias do xénero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario