venres, 2 de outubro de 2015

Saturday Night

Os anos noventa estiveron marcados polo desenvolvemento do house, o techno e o dance pop, xéneros que gozaron dunha enorme popularidade na primeira metade daquela década. O máis comercial de todos foi o dance pop impulsado por sobre todo por solistas e dúos formados por un mozo e unha moza. Agás algunhas excepcións, a maioría destes solistas só lograron triunfar cunha única canción antes de que a súa carreira se evaporase entre a indiferenza xeral. No outono de 1993, Whigfield, unha moza danesa, puxo o mundo a bailar co single "Saturday Night", que traía aquela coreografía da que ninguén conseguía escapar. A canción representa como ningunha aquela época onde as pistas de baile das discotecas volvían dominar o panorama musical, pero sen un chisco da elegancia que o funk e a música disco tivera vinte anos antes.


No entanto, en plena efervescencia do famosísimo "Saturday Night", ós seus autores chovéronlle dúas acusacións por posible plaxio, que acabaron sendo rexeitadas polos tribunais que levaban os respecitovos casos. Unha delas proviña dos representantes de The Equals, unha banda inglesa dos sesenta, que alegaban que "Saturday Night" plaxiaba parte do single "Rub A Dub Dub" (1969) e é innegable que hai un anaco desta canción practicamente idéntica á de Whigfield, polo que non se entende moi ben que o xurado desestimase a demanda.


No caso de Lindisfarne e a súa canción "Fog on the Tyre", pertencente ó álbum do mesmo nome editado en 1971, a situación era algo máis complicada, xa que a diferenza da canción de The Equals, apenas hai elementos en común con "Saturday Night", así que era moito máis lóxico que as súas pretensións quedasen en nada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario