Amosando publicacións coa etiqueta The Band. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta The Band. Amosar todas as publicacións

xoves, 29 de outubro de 2015

Mystery Train

Junior Parker foi un músico de blues cuxo maior éxito foi "Mystery Train", single que editou en 1953 co seu grupo Little Junior's Blue Flames. A letra está tomada dunha famosa canción do grupo de folk tradicional Cartel Family titulada "Worried Man Blues", que á vez baséase nunha antiga balada céltica. Xa pouco antes de editar "Mystery Train" Junior Parker lograra triunfar co anterior single "Feeling Good", pero sería a partir de "Mystery Train", e sobre todo trala versión que Elvis Presley fixo dous anos despois, cando a carreira de Junior Parker empezou a ter maior visibilidade. Outras grandes cancións polas que é recordado son "Next Time You See Me", da súa autoría, e as versións que fixo dalgúns clásicos do blues, que se atopan entre as mellor realizadas.


"Love Me Baby" foi a cara B de "Mystery Train" e tamén tivo un gran recoñecemento.


Elvis Presley gravou unha versión de "Mystery Train" en clave rockabilly en 1955 co que o tema de Junior Parker acadou unha maior notoriedade. Ademais a versión de Elvis Presley incorpora o riff da guitarra de "Love Me Baby", o que lle dá maior presenza á música de Junior Parker.


Outra gran versión das moitas que se teñen feito de "Mystery Train" é a de The Band, incluída no álbum Moondog Matinee (1973). Robbie Robertson engadiulle novos versos á esta nova versión. 


xoves, 5 de decembro de 2013

The Weight

Hai veces en que ser músico ó servizo dun solista consagrado parece ensombrecer o propio traballo. O mesmo se podería dicir dos chamados músicos de sesión, xente anónima contratada polas discográficas, pero excelentes profesionais que prestan o seu talento a outros que han de recibir tódolos parabéns (pero tamén críticas feroces se sae mal). Non obstante, o mundo da música ofrécenos exemplos de que se pode chegar a ser protagonista despois dun certo tempo nun papel secundario. En resumidas contas esa é a historia de The Band. O nome xenérico co que se coñece este grupo de músicos xa nolo di todo. E quen formaba The Band? Pois nin máis nin menos que os músicos que acompañaban a Bob Dylan. Houbo un momento en que Robbie Robertson e os seus compañeiros decidiron dar un paso adiante sen a sombra constante de Dylan e comezaron a gravar discos co nome precisamente de The Band. En 1968, cando Dylan aínda non volvera do seu paticular retiro, vía a luz o debut de The Band Music from Big Pink, que con todo, contaba con algunhas cancións asinadas por Bob Dylan, mais habería de ser unha de Robertson, "The Weight", a que se habería de converter das máis coñecidas de The Band.

http://youtu.be/3LAcP_v-j3I

"The Weight" é a canción máis coñecida de The Band tamén debido a enorme cantidade de versións que se fixeron deste tema. Das últimas destaca a do arxentino Charly García en castelán co nome "El Peso" e que respecta bastante ben a letra orixinal en inglés.

http://youtu.be/I5TnFchrH2E

"The Weight" tamén foi clave para Bruce Springsteen cando compuxo "My City of Ruins", pertencente a The Rising (2002), pois a melodía é practicamente a mesma. Por outra parte, nesta canción de Springsteen tamén hai un rastro da canción de The Impressions "People Get Ready", pero esa deixámola para outra ocasión.

http://youtu.be/RnkJa6HdgJw

E a influencia de "The Weight" tamén se deixa sentir nunha das cancións do último disco de Niño y Pistola There's a Man With a Gun Over There (2013) "And Then The Rain Started". A banda de Baiona mostra así unha das súas preferencias musicais decisivas na procura dun son que fan de Niño y Pistola unha das bandas de rock máis interesantes dos últimos anos no panorama nacional.

http://youtu.be/Ckb1rQgM1LE

luns, 19 de marzo de 2012

Déjame Entrar

A mediados do ano 1995 veu a luz un novo álbum da banda mexicana Maná Cuando los ángeles lloran que supuxo a súa consolidación en Europa tras o seu anterior traballo ¿Dónde jugarán los niños? co que se deron a coñecer máis alá das fronteiras de Hispanoámerica. Cuando los ángeles lloran presentábase co single "Déjame Entrar", un contundente tema rock composto por Fher Olvera e Álex González, os fundadores da banda, que sen ser o mellor dese disco ofrecía un dos principais valores de Maná: a súa facilidade para o rock de raíces latinas.


A parte divertida é que, en principio sen ter nada en común, unha das grandes cancións que nos deixou 2011 "He Don't Live Here No More" do ex-líder de The Band Robbie Robertson e que aparece no seu último álbum How to Become Clairvoyant ten unha melodía semellante e que nos fixo acordarnos do single de Maná, que xa tiñamos bastante esquecido. Ver para crer, ou mellor dito, escoitar para crer.