Amosando publicacións coa etiqueta Craig David. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Craig David. Amosar todas as publicacións

martes, 24 de marzo de 2015

Stop, Look, Listen (to Your Heart)

Filadelfia foi berce desde sempre de excelentes grupos de soul, que cativaron ó público coas súas interpretacións vocais. The Stylistics sumou un novo elo ó fundarse a finais dos sesenta. Co apoio do produtor Thom Bell e da compositora Linda Creed lograron debutar cun álbum epónimo en 1971, que incluía algunhas cancións que agora xa forman parte da historia do soul. Unha das máis importantes é a que abre o disco, "Stop, Look, Listen (to Your Heart)", que logo acadaría tamén unha gran popularidade nas voces de Marvin Gaye e de Diana Ross.


Nun deses trucos que ás veces os xefes da Tamla Motown tiñan a man, xuntaron a dúas das súas estrelas máis importantes, Diana Ross e Marvin Gaye para que gravasen un álbum de duetos, titulado como non, Diana & Marvin (1973), no que repasaban algúns éxitos do soul cantados por outras voces. A versión que fixeron do tema de The Stylistics é das máis destacadas.


Aproveitando que é unha fabulosa canción soul, Craig David tomou as bases de "Stop, Look, Listen (to Your Heart) para o tema "All Alone Tonight", pertencente a Signed Sealed Delivered (2010), álbum de versións e revisións da época dourada do soul.

martes, 21 de xaneiro de 2014

Let's Dance

David Bowie comezou a décadas dos 80 da mesma maneira coa que rematou á anterior: triunfando e sen deixar en ningún momento de ser un referente. Se Scary Monsters (and Super Creeps) (1980) aínda se podía entender coma unha continuación dos discos anteriores, de feito, sinálase como o último da triloxía berlinesa, Let's Dance (1983) mostraba a un novo Bowie, que renunciaba á produción con Tony Visconti, co que tan ben lle fora, e decidía traballar con Nile Rodgers, sumándose así á moda de moitos grupos que vían no fundador de Chic a clave do éxito rápido, cousa que podería sorprender tratándose dun artista consagrado coma Bowie. En calquera caso, Let's Dance superou as expectativas e o single que lle daba título ó disco está considerada hoxe como unha das mellores cancións do Duque Branco.

http://youtu.be/N4d7Wp9kKjA

A transcendencia que pronto obtivo "Let's Dance" pode apreciarse nunha das cancións de Duran Duran, que por aquela época era unha das bandas máis importantes do momento. O comezo de "Union of the Snake", canción do terceiro disco Seven and the Ragged Tiger, publicado a finais do ano 1983 ten algúns trazos que lembran a Bowie.

http://youtu.be/tyC3b_WG7N0

De "Let's Dance" tamén se sacaron samples moito máis recoñecibles, sobre todo por artistas de hip hop, coma Puff Duddy, que no álbum No Way Out (1997) incluíu este tema "Been Around the World", xunto con Notorious B.I.G e Mase baseado en "Let's Dance".

http://youtu.be/MCoAwpQagm0

O mesmo camiño seguiu Craig David en "Hot Stuff" no álbum Trust Me (2007).

http://youtu.be/LijjQi5l6bw

Tampouco ten maior historia a canción reggae de Collie Buddz "My Everything", de 2009, o sample só está ó comezo e quizais sexa o maior mérito da canción. Hai algunha máis, pero tampouco vale moito a pena mostralas. Con estas son suficientes.

http://youtu.be/XKqqGgeMmlg

mércores, 7 de marzo de 2012

Shape of My Heart

Tras conseguir a fama coa súa banda The Police, Gordon Sumner, máis coñecido polo seu alcume Sting, emprendeu unha carreira en solitario á altura do seu grupo. Unha década despois da disolución de The Police, este antigo mestre de matemáticas publicaba en 1993 o seu cuarto ábum Ten Summoner's Tales, título inspirado na colección de relatos do escritor medieval  Geoffrey Chaucer The Canterbury Tales. Nese álbum atópase a balada "Shape of My Heart".


Como non podía ser doutro xeito, deseguido se empezaron a facer versións, aínda que como dato curioso, pode dicirse que o hip-hop e o R&B se apropiaron totalmente dela, pois practicamente tódalas versións corren a cargo de artistas destes estilos, que ben  ou se limitaban a versionala ou ben a empregala como sample. Como a lista nos habería de quedar bastante ampla, imos pór dous exemplos. O primeiro, da cantante de Georgia Monica, que incluía no seu álbum de 1998 The Boy Is Mine a canción "Take Him Back".


O último exemplo que vos ofrecemos é quizais o que máis repercusión tivo, xa que contaba coa colaboración do propio Sting. Pertence o álbum de Craig David Slicker Than Your Average (2002) e trátase da canción "Rise & Fall".


martes, 5 de abril de 2011

One

"One" é unha das mellores cancións da década dos 90, incluída nun dos mellores álbums: Achtung, Baby (1991), que confirmaba á banda irlandesa U2 como a mellor do panorama rock nese momento, algo que xa se percibía cos anteriores traballos de Bono e compañía, como The Joshua Tree (1987) e Rattle and Hum (1988). Por iso non é de estrañar que dez anos despois, este clásico inspirase a outros artistas e grupos. E é que a canción producida por Brian Eno e Daniel Lanois é preciosa.


Case unha década máis tarde, en 2000, atopamos o primeiro cover deste tema nun traballo discográfico (R.E.M. xa tocara "One" en directo en 1993 xunto con Larry Mullen e Adam Clayton): no álbum acústico do formidable cantante country Johnny Cash  American III: Solitary Man.


Ese mesmo ano, Craig David debutaba co álbum Born To Do It, onde está recollida a canción "Walking Away", cuxos primeiros acordes son moi semellantes ó tema de U2.

  http://www.goear.com/listen/7aaffe3/walking-away-craig-david

Un ano despois, Lighthouse Family incorporaría o retrouso de "One" ó final da súa canción "(I Wish I Knew How It Would Feel To Be) Free" no seu álbum Whatever Gets You Through The Day.

 http://www.goear.com/listen/57d1f8d/free-lighthouse-family

En 2005, Mary J. Blige faría un cover de "One" no seu álbum The Breakthrough contando coa insestimable colaboración do propio Bono.

 http://www.goear.com/listen/25329f8/one-mary-j-blige-y-u2-

Para rematar, neste 2011 a última banda en inspirarse neste clásico de U2 é o grupo de Ohio, The National co seu tema "Think You Can Wait", banda sonora da película independente Win Win, que aínda que non é unha versión, conta con certas reminiscencias. Deixámosvos a ligazón a Youtube.

 http://www.youtube.com/watch?v=nVo7MkjReO8