Amosando publicacións coa etiqueta Pereza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pereza. Amosar todas as publicacións

mércores, 25 de febreiro de 2015

Los restos del naufragio

A relación de Bunbury coa música latinoamericana acentuouse co cuarto traballo do ex líder de Héroes del Silencio, El viaje a ninguna parte (2004), un dobre álbum marcado precisamente polas viaxes que Bunbury realizou ó Novo Continente, especialmente a México, onde o artista zaragozano se empapou dunha rica experiencia que quedaría reflectida en cada letra e que o habería de unir aínda máis ó público hispanoamericano, que xa o veneraba na súa etapa con Héroes. Unha das cancións máis fermosas do álbum é "Los restos del naufragio", unha oda na que Bunbury se acorda dalgúns colegas e amigos coma Spinetta, Tom Waits, Charly García, Loquillo, Calamaro e Julieta Venegas, entre outros, ós que menciona expresamente.


No disco de homenaxe Hechizo: tributo a Héroes del Silencio y Bunbury (2010), Pereza encárgase da versión de "Los restos del naufragio". No disco tributo, as versións están moi ben elaboradas por parte de tódolos artistas que participan, e seguramente, de vez en cando revisemos algunha outra, porque se trata dun álbum totalmente recomendable.


luns, 29 de decembro de 2014

Rock and Roll Star

Sabino Méndez e José María Sanz, máis coñecido como Loquillo, crearon un tándem que daría vida a unha das bandas de rock máis importantes de España desde os anos oitenta, Loquillo y los Trogloditas. A banda xurdiu tralos intentos anteriores dos dous de crear un grupo consolidado, logo de formar primeiro Teddy Loquillo y sus Amigos, no que tamén estaba Carlos Segarra, líder anos despois de Los Rebeldes, e Loquillo y los Intocables. Pero á terceira foi a vencida e o novo grupo empezou pronto a gañar popularidade, especialmente grazas á personalidade e carisma de Loquillo e as composicións de Sabino, letras que xa forman parte da historia musical española. Un dos primeiros singles que a banda editou foi "Rock and Roll Star" (1981), que trata sobre a vida típica que lle toca a unha estrela do rock.


No EP Mamá quiero ser una estrella del rock 'n' roll (2009) Pereza recollía unha versión do tema de Loquillo y los Trogloditas, malia que "Rock and Roll Star" non é das máis versionadas. Como moitos sinalan, a versión de Pereza non lle fai xustiza á orixinal, pero agradécese que os madrileños a recuperasen. Ademais, por unha vez, quen a interpreta é Rubén e non Leiva, que era a voz habitual de Pereza.

mércores, 17 de setembro de 2014

Lake Charles

A música country sempre se nutriu de excelentes cantautoras, grandes damas da canción que lograron perpetuar un xénero que para moitos recolle toda a esencia de Estados Unidos. Lucinda Williams é desde finais dos anos 70 unha delas, pois o seu estilo, composto de  folk, blues, country e rock levouna a ser unha das voces máis recoñecidas e aclamadas de todas, contando ademais co respecto de moitos músicos, que a teñen como unha referencia. En 1998 publicou o seu quinto disco, Car Wheels on a Gravel Road, onde o sexto corte é unha homenaxe ó seu lugar de nacemento, Lake Charles, no estado de Louisiana. Coa mesma factura coa que Lucinda Williams compón todas as cancións, "Lake Charles" convértese nun clásico na discografía desta cantautora.


Tras separarse de Rubén e dar por rematada a andaina de Pereza, Leiva editou Diciembre (2012), o primeiro disco en solitario. Unha das cancións estrela do álbum é "Nunca nadie", que garda un lixeiro parecido cos acordes de "Lake Charles".

mércores, 15 de xaneiro de 2014

Vicious

Unha das peores noticias do pasado ano de 2013 foi o falecemento de Lou Reed. A que fora unha das voces principais de The Velvet Underground e que logo sería un dos músicos máis influentes para toda unha nova xeración de artistas no mundo enteiro, soubera sobrepoñerse ó longo da vida á súa convivencia cos excesos, pero os problemas de saúde dos últimos tempos acabaron nun fatal desenlace. En calquera caso, o seu legado musical é enorme, e se xa con The Velvet Underground se fixera cun nome de peso, Lou Reed comezou unha carreira en solitario que dende o primeiro disco, deixaba ben claro que tiña moito por dicir. En 1972 publicou o segundo, Transformer, coa produción a cargo de David Bowie e Mick Ronson, onde se atopa a súa canción máis coñecida, "Walk on the Wild Side", pero o resto de cortes que compoñen o album non quedan atrás. "Vicious", co que se abre o disco, é tamén unha das grandes cancións de Lou Reed.


Os ecos de "Vicious" chegan ata un dos temas de Pereza presente no álbum Aproximaciones (2007). En "Grupis", a sombra de Lou Reed é alongada. Nesta canción, Rubén e Leiva contaron coa colaboración do guitarrista Mick Taylor.

luns, 8 de abril de 2013

Pienso en aquella tarde

Levaban xa uns cantos anos rodando polos escenarios das principais salas de concertos españolas cando o dúo madrileño Pereza acadou o éxito dun público masivo coa publicación do seu segundo disco Algo para Cantar (2003) que contén a canción que os lanzou definitivamente á fama. "Pienso en aquella tarde" fixo que os medios se empezasen a fixar no traballo de Rubén e de Leiva e mesmo se empregase nalgún anuncio. Unha canción chea de ritmo, dominada polas guitarras, que practicamente deixaba no esquecemento o primeiro disco destes rapaces.


O éxito de vendas foi tal que ese mesmo ano sacaron unha edición especial de Algo para cantar que contiña como principal sorpresa a versión en acústico da súa canción estrela. Reconvertida en balada e contando coa compaña de David Summers, líder de Hombres G, e de Dani Martín, líder de El Canto del Loco, tivo aínda máis popularidade que a versión orixinal.