mércores, 15 de xaneiro de 2014

Vicious

Unha das peores noticias do pasado ano de 2013 foi o falecemento de Lou Reed. A que fora unha das voces principais de The Velvet Underground e que logo sería un dos músicos máis influentes para toda unha nova xeración de artistas no mundo enteiro, soubera sobrepoñerse ó longo da vida á súa convivencia cos excesos, pero os problemas de saúde dos últimos tempos acabaron nun fatal desenlace. En calquera caso, o seu legado musical é enorme, e se xa con The Velvet Underground se fixera cun nome de peso, Lou Reed comezou unha carreira en solitario que dende o primeiro disco, deixaba ben claro que tiña moito por dicir. En 1972 publicou o segundo, Transformer, coa produción a cargo de David Bowie e Mick Ronson, onde se atopa a súa canción máis coñecida, "Walk on the Wild Side", pero o resto de cortes que compoñen o album non quedan atrás. "Vicious", co que se abre o disco, é tamén unha das grandes cancións de Lou Reed.


Os ecos de "Vicious" chegan ata un dos temas de Pereza presente no álbum Aproximaciones (2007). En "Grupis", a sombra de Lou Reed é alongada. Nesta canción, Rubén e Leiva contaron coa colaboración do guitarrista Mick Taylor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario