Un dos grandes compositores de música clásica do Reino Unido é Jeremiah Clarke, que ó redor de 1700, compuxo unha marcha dedicada ó príncipe Jorgen de Dinamarca, marido da raíña Anne de Gran Bretaña, que se convertería na súa peza máis coñecida e aprezada ó longo do tempo. Empregada especialmente en vodas, coma a de Lady Di co príncipe Charles que a puxeron de moda, "Prince of Denmark's March" é case un himno para os británicos, pero á vez tamén conseguiu deixar un pouso nunha serie de cancións contemporáneas, que en principio, non parecen ter nada que ver entre si.
Os primeiros en acudir ás notas da marcha do príncipe de Dinamarca foron, como non, os Beatles, na canción "It's All Too Much", que finalmente apareceu en Yellow Submarine (1969),a banda sonora da película do mesmo título, tras descartarse da lista de cancións do St. Peppers's. Composta por George Harrison, que tamén é o encargado de interpretala, nela empréganse trompetas cara ó final cuxa melodía trae o recordo da composición de Clarke.
Pero máis evidente é o caso do tema da Electric Light Orchestra "Boy Blue", do álbum Eldorado (1974), que comeza precisamente coa marcha.
Tamén a influencia desta marcha se pode apreciar na canción de Sting "All This Time", incluída no disco The Soul Cages (1991).
Finalmente, as trompetas volven a aparecer esta vez no tema de Chumbawamba, "Tubthumping", o seu maior éxito, pertencente ó album Tubhumper (1997).
Ningún comentario:
Publicar un comentario