Se no debut de The Corrs en 1995 predominaban os ritmos celtas por riba dos estilos máis comerciais, a tendencia que haberían de seguir os irmáns irlandeses tralo segundo disco pasaba por ir dándolle maior protagonismo ó pop sen renunciar ó son folk que os encumbrara ó alto das listas de vendas. Quizais por iso a presentación de Talk on Corners (1997) producíase co single "Only When I Sleep", aínda musicalmente moi apegado ós violíns e ás frautas, co que o éxito quedaba garantido trala primeira escoita, algo que ten en común cos demais singles dese disco, cuns cortes moi semellantes, pero coa melodía e a produción precisa que todo single de lanzamento debe ter.
Por cousas desas que tanto adoitan pasar no mundo da música, a finais dos anos 90 The Cult participou na banda sonora da película Gone in 60 Seconds (2000), protagonizada por Angelina Jolie e Nicolas Cage. A banda de Ian Astbury, que quince anos antes saboreara o mel das boas críticas con "She Sells Sanctuary", achegaba nesta incursión no cinema unha canción escrita por Diane Warren chamada "Painted in My Heart", pero nalgún momento da composición musical ou da produción, acabou por parecerse á de The Corrs. Misterio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario