luns, 27 de xaneiro de 2014

Radioaktivität

A canción que lle dá título ó quinto disco de Kraftwerk, editado en 1975, está composta por Emil Schult, Florian Schneider e Ralf Hütter e foi o single que se escolleu para presentalo. Ás poucas semanas confirmábase o éxito ó que estaba predestinado o single ó situarse nos primeiros postos das listas de vendas en toda Europa, especialmente en Francia, onde Kraftwerk acadaron un nivel de popularidade semellante ó que gozaban en Alemaña. Quizais a gravación de Radioaktivität supuxo un punto de inflexión, xa que a marcha de Klaus Roeder, primeiro, e a súa substitución por Karl Bartos, despois, poderían afectar á estabilidade da banda negativamente, pero afortunadamente a boa acollida do álbum constatou que  a Kraftwerk aínda lle quedaba moito que dicir no mundo da música electrónica.


Coñecidos coma os Beatles da electrónica, a influencia de Kraftwerk esténdese ata os nosos días, pero o certo é que abondaba coa publicación dun traballo dos alemáns para que moitos artistas e grupos tentaran atrapar a esencia de Kraftwerk, que logo lles serviría para perfeccionar o seu propio son, pero sempre coa ollada nos mestres xermanos. No debut epónimo de OMD Orchestral Manoeuvres in the Dark (1979) atopamos "Electricity", o single co que se deron a coñecer, que contén resemblanzas da canción de Kraftwerk.

Ningún comentario:

Publicar un comentario