Unha das cousas boas da década dos 80 foi que a escena musical mundial tornou os seus ollos cara Australia e Nova Zelanda. Se no rock, AC/DC demostraran que non facía falta ir ós Estados Unidos e a Reino Unido para ser grandes, uns anos máis tarde toda unha fornada de bandas de pop/rock deses países lanzábanse a conquista-lo mundo e abofé que o lograron: INXS, Midnight Oil e tamén Crowded House deixaron ben claro que nos antípodas de Europa tamén se sabía facer moi boa música. A banda dos irmáns Finn, Crowded House, foi das que pronto se fixeron cun oco do corazón de milleiros de persoas, ó pouco de publicar o seu primeiro disco Crowded House (1986). Nel inclúese un dos grandes temas asinados por Neil Finn "Don't Dream, It's Over", que aínda hoxe é frecuente atopar nas radiofórmulas.
Hai excelentes versións de "Don't Dream, It's Over" en inglés e é difícil quedar con unha soa, porque de moitas mesmo se pode dicir que están a un nivel similar que a orixinal. Así que para variar pomos unha das primeiras versións que se fixeron noutro idioma, concretamente en italiano en 1991 na voz de Antonello Venditti no álbum Benvenuti in Paradiso. Cunha letra renovada que non garda relación coa da versión orixinal, "Alta Marea" chegou ós primeiros postos das listas italianas.
O rapeiro Classified acordouse da canción de Crowded House para incorporala ó seu tema "It Ain't Over" no álbum While You Were Sleeping (2007).
Pero se hai unha versión diferente en inglés é a dos irlandeses Dove, que en clave R&B, danlle un aire totalmente diferente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario