xoves, 9 de xaneiro de 2014

Theme from the Planets

A andaina de Dexter Wansel é hoxe máis lembrada polo seu labor de produtor, ó traballar con grandes figuras do funk e do R&B coma Patti LaBelle e The Jackson 5, pero o certo é que Wansel tamén se dedicou a traballar nas súas propias creacións. O primeiro froito foi o álbum conceptual Life On Mars (1976), que reproducía como ningún a querenza e a afección que había nos anos 70 polas historias de ciencia ficción e que se manisfestou de forma evidente no cinema coa saga de George Lucas "a Guerra das Galaxias". Nese ambiente, Dexter Wansel adáptase ofrecendo ó público unha excelente colección de cancións con títulos tan suxerentes coma "Rings of Saturn" e "Theme from the Planets" acompasados cunha combinación de ritmos de jazz, de soul e de funk que fan do álbum Life On Mars un dos máis interesantes do seu xénero. "Theme from the Planets" é unha das cancións máis recoñecidas, tanto por outros artistas coma polo público.


Case o menos que se podería esperar é que a batería de "Theme from the Planets" ía recuperarse nunha das cancións pop máis populares dos últimos anos. En 1999 a cantante irlandesa Dido debutaba co álbum No Angel, onde está incluída "Thank You", unha canción que ó ano seguinte ía ter un enorme éxito.


Un dos primeiros que se namorou desta canción ó escoitala foi o rapeiro Eminem, que dediciu tomar prestado o retrouso para incorporalo ó seu tema "Stan", do álbum The Marshall Matters LP (2000). O éxito apabullante que tivo "Stan" fixo que decontado aumentase o interese por Dido, e "Thank You" volveu ás listas de singles máis vendidos, polo que poucas veces se ve unha colaboración entre dous artistas con estilos tan distintos cunha rendibilidade semellante.


A simbiose entre a canción de Dido e a de Eminem plasmouse perfectamente no tema de The Game "My Life", no álbum LAX (2008). Non obstante, é unha mágoa que o son da canción de Dexter Wansel se fose perdendo polo camiño, aínda que ben pensado, ata é unha sorte.


O caso é que moito antes do éxito mundial de "Thank You", as mexicanas Flans fixeron unha versión en castelán co nome de "Gracias", que aparece no disco Hadas (1999).

Ningún comentario:

Publicar un comentario