Amosando publicacións coa etiqueta Siouxsie and the Banshees. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Siouxsie and the Banshees. Amosar todas as publicacións

xoves, 26 de febreiro de 2015

Dear Prudence

No sempre fantástico álbum branco de The Beatles, de 1968, é difícil quedar só cunha canción. Quizais por iso sexa un dos discos máis influíntes do cuarteto, algo que tampouco resulta unha gran novidade, pois a discografía dos Beatles é un manual de referencia desde o principio, se ben acentuouse de xeito notable cando deron un xiro psicodélico co Stg. Peppers. En calquera caso, a finais dos sesenta atopábanse nun excelente momento compositivo e non había trazas de que fose rematar pronto. Mesmo parecía que todos os problemas externos quedaban de lado no intre en que entraban nos estudios de Abbey Road para gravar; nin o tráxico final de Epstein, nin a tensión cada vez maior entre John Lennon e Paul McCartney, nin a crecente influencia de Yoko Ono... os traballos dos Beatles seguían reflectindo unha luminosidade que escurecía todo o demais. Outra das marabillosas  cancións de The White Album é "Dear Prudence", dedicada á irmá de Mia Farrow.


Siouxsie and the Banshees fixo unha das mellores versións de "Dear Prudence" que se recordan. Editárona como single independente en 1983.


Enigma tamén se inspirou no son orixinario de "Dear Prudence" para a canción "Out from the Deep", un dos temas de The Cross of Changes (1993), un dos discos máis exitosos do proxecto de Michael Cretu.

martes, 27 de agosto de 2013

This Town Ain't Big Enough for Both of Us

A banda americana Sparks acadou o estrelato co terceiro álbum que publicaron. Kimono My House (1974). Nel brilla a canción "This Town Ain't Big Enough for Both of Us", un dos grandes éxitos escritos por Ron Mael, que xunto co seu irmán Russell decidira emprender o proxecto musical de Sparks a finais dos anos 60. "This Town Ain't Big Enough for Both of Us" non pasa desapercibido co paso do tempo, xa que é un emblema do glam rock, que tan de moda estaba nese momento. Os arranxos orquestrais, a cargo de Tony Visconti, que colaborou co produtor do disco Muff Winwood, así como a melodía, fan desta canción unha xoia.


En 1997 Sparks gravaron novas versións das súas cancións máis representativas nun álbum que levaba o suxerente título de Plagiarism. Para "This Town Ain't Big Enough for Both of Us" contaron coa colaboración de Faith No More, que lle deu á canción un aire novo.


Aínda que unha das versións máis significativas que se realizaron deste éxito de Sparks é a de Siouxsie and the Banshees no álbum de versións Through the Looking Glass (1987).


xoves, 2 de maio de 2013

The Passenger

Para moitos críticos o ano 1977 foi decisivo na andaina de Iggy Pop, xa que tras deixa-la banda de toda a vida, os Stooges, Iggy editou tres discos en solitario memorables ese mesmo ano. Tralas boas sensacións do primeiro, The Idiot, que saíu en marzo, o mes seguinte alumbrou Lust for Life que continuaba a liña ascendente do seu predecesor. Co apoio incondicional de David Bowie tanto na produción coma nos coros dalgunhas das cancións, Iggy Pop converteuse nun referente do momento. Un dos grandes temas de Lust for Life é "The Passenger", inspirado nun poema do gran Jim Morrison.


Dez anos despois da súa publicación, gravouse unha das versións principais de "The Passenger" a cargo de Siouxsie and the Banshees no álbum de versións que a banda de Siouxsie Sioux publicou co título Though the Looking Glass que recollía unha coidada selección de cancións de artistas e grupos que marcaron a música contemporánea. 


Pero das versións máis rechamantes que se fixeron desta canción de Iggy Pop, destaca a da banda española  de métal Skizoo, que fixeron unha adaptación libre co título "Bla, Bla, Bla" no álbum 3 (2008).



luns, 16 de xullo de 2012

Mittageisen

Siouxsie Sioux e Steven Severin formaron a súa banda Siouxsie and teh Banshees en 1976 despois de que   Siouxsie e mailos seus compañeiros de formación se fixesen uns habituais nos concertos de Sex Pistols, que daquela irrumpiran na escena musical cun novo estilo totalmente provocador que moi pronto atopou adeptos. Seguindo polo tanto a estela de Sid Vicious e Johnny Rotten, Siouxsie and the Banshees foron facéndose un oco destacado no panorama punk ata que en 1978 viron realizado o seu soño de publicar un disco ó que titularon The Scream. Unha das cancións dese álbum, "Mittageisen", é un dos referentes desta banda.


Siouxsie and the Banshees enseguida se converteu nunha referencia para moitas bandas polo seu son ecléctico. Massive Attack, un dos grupos punteiros na música electrónica e experimental das últimas décadas baseáronse en "Mittageisen" para o seu tema "Superpredators", da banda sonora "The Jackal".