Amosando publicacións coa etiqueta Isaac Hayes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Isaac Hayes. Amosar todas as publicacións

xoves, 17 de setembro de 2015

By the Time I Get to Phoenix

Outro músico estadounidense que dende os anos cincuenta contribuíu ó espallamento do rock and roll e outros estilos afíns é Johnny Rivers. Este cantante nacido en Nova York hai 72 anos, combinou durante a súa carreira as cancións propias e outras que lle ofreceron varios compositores xunto con versións de temas moi coñecidos. No terceiro álbum, Changes (1966), incluíu unha balada escrita por Jimmy Webb titulada "By the Time I Get to Phoenix", que sacara como single un ano antes, ó tempo que a gravaba o cantante country Glen Campbell, cuxa versión saíu uns meses despois. Malia que ambas versións son moi semellantes entre si e apenas se diferencian, a de Glen Campbell tivo maior repercusión.


Pero a gran versión que se fixo de "By the Time I Get to Phoenix" correspóndelle a Isaac Hayes, no álbum Hot Buttered Soul (1969). O ritmo da cancións adáptase á perfección ó estilo sobrio de Hayes, quen a alonga ata os 18:42 de duración. Neste caso, optamos por ofrecervos unha versión reducida.


Que a versión de Hayes é desas que eclipsa mesmo á orixinal é algo que se aprecia na influencia que exerce nalgúns grupos de R&B. A canción de Tony! Toni! Toné! "Anniversary", do álbum Sons of Soul (1993), sen ser un remedo de "By the Time I Get to Phoenix", inspírase na versión de Hayes ó tentar reproducir algúns dos efectos desta.


Xa remitíndose claramente ó "By the Time I Get to Phoenix" de Hayes, a canción pop de Brídín Brennan "You Can't Hurt Me", do álbum Eyes of Innocence (2005), si colle directamente algúns elementos do tema escrito por Webb.

xoves, 26 de marzo de 2015

Walk on By

Non cabe dúbida de que a parella de compositores formada por Burt Bacharach e Hal David é das máis prolíficas da historia da música, e ademais, boa parte desas composicións acadaron un éxito masivo en voces de distintos artistas, que logo eran versionadas por outros co mesmo resultado. En resume, pódese asegurar que gravar unha canción asinada por eles é practicamente unha garantía de éxito, sempre que elementos tan importantes como a produción e a interpretación estean minimamente coidados. Un exemplo típico é "Walk on By", unha das que ten máis versións, xa que desde que Dionne Warwick a editase no álbum Make Way for Dionne Warwick (1964) non se deixaron de facer novas versións. Imos ver unhas poucas, empezando pola de Dionne Warwick.


Un dos grandes mestres do soul dos sesenta como Isaac Hayes non ía deixar escapar a ocasión de gravala ó seu xeito. A súa sensacional versión, de máis de dez minutos de duración,  publicouse no álbum Hot Buttered Soul (1969).


Pero non tódalas versións se circunscriben ó ámbito soul. Unha das máis rompedoras, en clave punk rock, é a de The Stranglers no álbum Black and White (1978).


Máis clásica pode considerarse a versión de Gabrielle no seu álbum epónimo publicado en 1996.


E para rematar, a canción de Alicia Keys "If I Were Your Woman/Walk on By", que como indica no título, é un medley composto coa canción composta por Burt Bacharad e Hal David e outra que cantaron Gladys Knight & The Pips. Pertence ó segundo álbum de Alicia Keys The Diary of Alicia Keys (2003).

https://youtu.be/hKcpZ1_GB8A

martes, 16 de setembro de 2014

Don't Let Me Be Lonely Tonight

Cando se fala do folk-rock dos anos 70 en Estados Unidos é invitable que non acuda á mente o nome, entre outros, de James Taylor. Este cantautor de voz cálida é un dos compositores máis prolíficos que, ademais de nutrir a súa propia carreira de boas cancións, tamén contribuíu ó crecemento da de outros artistas, que recorrían á cretividade de Taylor como garante de éxito. No cuarto disco, One Man Dog (1972), aparece unha das súas composicións máis aclamadas, "Don't Let Me Be Lonely Tonight", que cativou tanto ós seguidores máis fieis coma a todo tipo de artistas, que se encargaron de facer algunhas versións certamente moi boas.


Das mellores versións que se fixeron de "Don't Let Me Be Lonely Tonight", sen dúbida a de Isaac Hayes ocupa un lugar privilexiado. En clave funk, pero sen renunciar ó mesmo estilo pausado co que James Taylor a gravou en primeiro lugar, a nova versión de Hayes comeza cunha introdución instrumental que a fai única. Aparece no álbum For the Shake of Love (1978).


A famosa introdución da versión de Hayes empregouse en cancións de nova factura. Unha das primeiras foi na de Mona Lisa "You Keep Leading Me On", de 11-20-79 (1996).

martes, 11 de febreiro de 2014

Ike's Rap 2

Como músico e actor, Isaac Hayes tivo unha carreira intensa sobre todo desde finais dos anos 60 sen que unha ocupación lle roubase talento á outra. De feito, como músico, Isaac Hayes é unha referente destacado para centos de artistas que viron no seu traballo musical unha fonte de inspiración case sen límites. Por exemplo en Black Moses (1971), un dos discos máis persoais de Hayes, atópase un dos temas preferidos nos anos 90 por algúns músicos que se sentiron atraídos por "Ike's Rap 2". O caso é que "Ike's Rap 2" nin sequera é dos temas máis destacados dese dobre álbum; aparece  na cara 2 como primeira parte dun medley que completa "Help Me Love". Ámbalas dúas pezas entrelázanse perfectamente como unha soa, pero tamén permite diferencialas claramente. A continuación ofrecémosvos a peza completa para que o comprobedes. Velaquí tal como aparece no disco "Medley: Ike's Rap 2/ Help Me Love".

http://youtu.be/pHa9OHwxuLI

O certo é que concretamente a parte "Ike's Rap 2" gozou dunha ampla popularidade nos anos 90. Non se sabe se por acción dos astros ou por unha sorprendente casualidade, no ano 1994 aparecía o debut discográfico de Portishead Dummy, moi aplaudido pola crítica, grazas sobre todo a un tema que non pasou desapercibido para as axencias de publicidade. Trátase de "Glory Box", un dos trallazos do álbum xunto con "Sour Times". "Glory Box" ten a particularidade de ser a primeira dunha serie de cancións que ían ir aparecendo derivadas da de Isaac Hayes.

http://youtu.be/yF-GvT8Clnk

A segunda corresponde a Tricky, que debutaba en 1995 co álbum Maxinquaye e ó igual que Portishead un ano antes, Tricky buscou a inspiración no tema de Hayes para un propio, neste caso "Hell Is Round the Corner".

http://youtu.be/E3R_3h6zQEs

Pero se hai unha banda que ten a "Ike's Rap 2" coma un verdadeiro emblema, eses son os brasileiros Racionais MC's. En 1997 publicaban o cuarto disco Sobrevivendo no Inferno, que se abre con "Jorge da Capadócia" e péchase con "Salve", onde senllas cancións están baseadas na canción de Isaac Hayes, quen ademais tamén está presente no álbum con outra canción, pero iso deixámolo para outro día. Agora quedamos con "Jorfe da Capadócia" en primeiro lugar e logo con "Salve".

http://youtu.be/1sKjtwSn5UU

http://youtu.be/Fpyk4633_Pw

xoves, 14 de novembro de 2013

Summer in the City

"Summer in the City" é talvez a canción máis recordada de The Lovin'  Spoonful. Pertence ó terceiro disco da banda formada por John Sebastian, Hums of the Lovin' Spoonful (1966). Naquel momento, John Sebastian atopábase nunha fase creativa que se vería refletida en gran medida nos traballos de The Lovin' Spoonful, como proba Hums of the Lovin' Spoonful onde participou na composición de tódolos temas, se ben "Summer in the City" tamén levan a sinatura de Mark Sebastian e Steve Boone, os outros dous compoñentes da banda que tamén adoitaban escribir algunhas das cancións. 


A forza das guitarras de "Summer in the City" callou moi pronto noutras bandas. Cream, que no momento da publicación do disco de The Lovin' Spoonful estaba preparando o seu segundo traballo Disraeli Gearse  e que editaría ó cabo dun ano, inspirouse no son de "Summer in the City" para a canción "Tales of Brave Ulysses". E iso que Eric Clapton tamén tiña na mente a camción "Suzanne" de Leonard Cohen que vimos hai uns días.


O éxito de "Summer in the City" radica sobre todo no éxito que tiveron ó longo do tempo as distintas versións doutros artistas que se decidiron a gravala. A última, a de Joe Cocker en 1993, fixo que seguise de actualidade, pero imos destacar unha das que cobraron unha entidade propia, cun estilo diferente onde se aprecia a pegada do seu creador. Trátase da do gran Quincy Jones no álbum You've Got It Bad Girl (1973).

http://youtu.be/jcSUi1VP00M

Massive Attack sampleou a versión de Quincy Jones xunto coa versión de Isaac Hayes da canción  "Our Day Will Come" na canción "Exchange", do álbum Mezzanine (1998).

http://youtu.be/MVMXP3T3mTQ

Por certo, para que non nos quede atrás, velaquí a canción de Isaac Hayes que forma parte de "Exchange", do álbum ...To Be Continued editado en 1970. A versión orixinal deste tema é de 1963 e gravouna a formación de R&B Ruby & The Romantics. Recentemente apareceu unha versión de "Our Day Will Come" no álbum póstumo de Amy Winehouse Lioness: Hidden Treasures (2011).

venres, 1 de marzo de 2013

Smiling Faces Sometimes

Nos anos 60 e 70 a Tamla Motown podía sentirse orgullosa de contar cunha nómina de compositores envexable que conseguía que case calquera canción se convertise nun éxito nalgún dos artistas desta mítica discográfica. Unha desas estrelas da pluma era Norman Whitfield, autor dun sinfín de cancións que hoxe forman a historia da música. Xunto con Barret Strong, formou un tándem que deu á música algún dos seus mellores momentos. "Smiling Faces Sometimes" é unha desas composicións clásicas da Motown, gravada por primeira vez en 1971 por The Temptations, un dos buques insignia da discográfica.


A pesar da excelente interpretación dos Temptations, a versión non acabou de convencer a Whitfield, que tamén era o produtor habitual, e ese mesmo ano aparecía no mercado unha nova versión, esta vez coas voces de The Undisputed Truth nun disco epónimo.


Unha das versións posteriores máis destacadas é a que gravou Joan Osborne coa colaboración de Isaac Hayes no seu álbum de versións How Swett It Is (2002).


Pero volvendo unha vez máis ás primeiras versións editadas pola Motown, o seu son non pasou desapercibido e un ano despois, en 1972 The O'Jays publicaban "Back Stabbers", cuns arranxos moi semellantes ó tema de Whitfield. Incluído no álbum Back Stabbers, tamén se converteu en todo un referente.


A principal versión da canción dos O'Jays é a de Tina Turner no álbum Love Explosion (1979).


"Back Stabbers" foi sampleada nunhas cantas ocasións. Quizais a mellor canción na que se empregou como sample sexa a do trío TLC no tema "Case of the Fake People", do seu aclamado disco Crazy, Sexy, Cool (1995).