Amosando publicacións coa etiqueta Uriah Heep. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Uriah Heep. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de xaneiro de 2016

Rain

A choiva sempre foi unha fonte de inspiración constante para os músicos e ó longo de toda a historia da música contemporánea cóntanse por milleiros as cancións que se escribiron sobre este fenómeno meteorolóxico. Polo tanto, vai sendo hora de dedicarlle unha serie monográfica ás cancións que xiran en torno á choiva, que contará con varias entregas que iremos vendo ó longo de todo o ano. E comezamos, como non, coa canción quizais máis fermosa sobre a chuvia que se ten feito ata o día de hoxe. Trátase de "Have You Ever Seen the Rain?", do álbum da Creedence Clearwater Revival Pendulum (1970) e que xa de por si, merecería unha entrada propia, pola enorme cantidade de versións que conta. Esta non foi a primeira canción que John Fogerty lle dedicou á choiva, pois no álbum anterior editado apenas uns meses antes, Cosmo's Factory (1970), xa aparecía a canción "Who'll Stop the Rain?", da cal falamos nunha entrada anterior.

Ese mesmo ano, Eric Clapton editaba o seu álbum epónimo que se pecha coa canción "Let It Rain", outro título habitual na historia da música.


Co título máis xeral de "Rain" e o seu equivalente noutras linguas hai unha manchea de cancións. Desta volta quedamos só cunhas poucas, como a que Uriah Heep ten no album The Magician's Birthday (1972).


Status Quo tamén teñen o seu propio "Rain" no álbum Blue for You (1976).


Dez anos antes os Beatles sacaran un single con ese título con tintes psicodélicos.


The Cult tamén incluíron unha canción co título "Rain" no álbum Love (1985).

venres, 28 de agosto de 2015

Dream

Os soños tamén son unha constante nos contidos das cancións ó longo do tempo e en tódolos estilos musicais posibles. É raro que na discografía de cada artista e de cada banda non exista un tema relacionado cos soños, así que velaquí vai unha selección monográfica con seis cancións co título "Dreams". Obviamos, iso si, dúas cancións con este título que xa pasaron polo blog, que son a de Fleetwood Mac e a de Gabrielle. Sen máis, arrancamos coa de Uriah Heep que pecha o álbum Wonderworld (1974).


Totalmente diferente é o "Dreams" de Enya pertencente á banda sonora de The Frog Prince (1985), unha tranquila balada da que nos ten acostumados a irlandesa, ideal para un momento de descanso.


E de volta ó rock, esta vez co "Dreams" de Van Halen, que se inclúe no álbum 5150 (1986).


Das máis coñecidas é a canción de The Cranberries que se atopa no debut dos irlandeses Everybody Else Is Doing It, So Why Can't We? (1993) e que tanto éxito lle reportou á banda de Dolores O'Riordan, xunto co single "Linger".


Nótase que os soños están presentes case sempre nos discos cos que as bandas comezan a súa andaina na música. Ó igual que The Cranberries, TV on the Radio acollían no seu debut Desperate Youth, Blood Thristy Babes (2004) unha canción chamada "Dreams".


Pero non só os debutantes viven de soños, os consagrados tamén. A Uriah Heep e a Van Halen, que incluíran as súas respectivas cancións cando xa levaban varios discos ás súas costas, haille que sumar Beck, que este mesmo ano editou un single co nome de "Dreams", do que moitos fans esperan que sexa un anticipo dun próximo álbum do californiano.

martes, 30 de setembro de 2014

Lady in Black

Uriah Heep, unha das bandas de referencia do rock progresivo de finais dos 60, pode presumir de contar na súa discografía cunha canción como "Lady in Black", unha das máis versionadas en diferentes idiomas, detalle que non é moi habitual atopar en cancións folk. Non obstante, esta canción pertencente ó segundo álbum dos londinienses, Salisbury (1971), ten un engado diferente que fixo que bandas de diferentes países a adaptasen ás súas respectivas linguas, en vez de simplemente gravar unha versión en inglés. Con letras algunhas máis fieis ca outras á orixinal, case todas trataron de respectar a historia que Uriah Heep canta nesta balada. Vexamos algunhas delas.

http://youtu.be/59QNYzMOyjM

Unha das primeiras versións que se fixeron foi a dos fineses Lemon en 1972 baixo o título de "Nainen tummissa". A versión é totalmente calcada á orixinal, salvo pola lingua empregada.

http://youtu.be/FLGyALwTdOI

Ese mesmo ano a italiana Caterina Caselli cantouna en italiano co título "L'uomo del paraíso", con son máis eléctrico.

http://youtu.be/GpIyHSB6Bs8

"Lady in Black" soa en checo como "Slecna závist" grazas a Arakain que a versionaron en 1995.

http://youtu.be/AQGDtTWWHxg

Os serbios Kraljevski Apartman grávarona co título "Slike" no álbum Izgubljen u vremenu (2000).

http://youtu.be/HpaVgqhCAtk

Iris trasladouna ó romanés co título "Doamna in negru" nunha versión na que colaboraron os membros de Uriah Heep Mick Box e Bernie Shaw, que manteñen a parte que lles toca cantar en inglés.

http://youtu.be/FRFD24tRXhQ

En 2004 no álbum de versións Belfast, Mägo de Oz traduciuna ó castelán como "Dama oscura".

http://youtu.be/bueLy3HHGs8

En 2005 apareceu unha nova versión en italiano que pouco ten que ver coa de Caterina Caselli. Abiogenesi está máis en consonancia na letra coa orixinal e chamárona " Di nero vestita", tema do álbum Io sono il vampiro.

http://youtu.be/DLJMJ0WK7WY