xoves, 14 de xaneiro de 2016

Rain

A choiva sempre foi unha fonte de inspiración constante para os músicos e ó longo de toda a historia da música contemporánea cóntanse por milleiros as cancións que se escribiron sobre este fenómeno meteorolóxico. Polo tanto, vai sendo hora de dedicarlle unha serie monográfica ás cancións que xiran en torno á choiva, que contará con varias entregas que iremos vendo ó longo de todo o ano. E comezamos, como non, coa canción quizais máis fermosa sobre a chuvia que se ten feito ata o día de hoxe. Trátase de "Have You Ever Seen the Rain?", do álbum da Creedence Clearwater Revival Pendulum (1970) e que xa de por si, merecería unha entrada propia, pola enorme cantidade de versións que conta. Esta non foi a primeira canción que John Fogerty lle dedicou á choiva, pois no álbum anterior editado apenas uns meses antes, Cosmo's Factory (1970), xa aparecía a canción "Who'll Stop the Rain?", da cal falamos nunha entrada anterior.

Ese mesmo ano, Eric Clapton editaba o seu álbum epónimo que se pecha coa canción "Let It Rain", outro título habitual na historia da música.


Co título máis xeral de "Rain" e o seu equivalente noutras linguas hai unha manchea de cancións. Desta volta quedamos só cunhas poucas, como a que Uriah Heep ten no album The Magician's Birthday (1972).


Status Quo tamén teñen o seu propio "Rain" no álbum Blue for You (1976).


Dez anos antes os Beatles sacaran un single con ese título con tintes psicodélicos.


The Cult tamén incluíron unha canción co título "Rain" no álbum Love (1985).

Ningún comentario:

Publicar un comentario