martes, 5 de xaneiro de 2016

Respect

Acompañado da banda de Steve Cropper, Booker T. & the M.G's e coa produción de Isaac Hayes, entre outros, Otis Redding presentaba Otis Blue/Otis Redding Sings Soul (1965), o seu aclamado terceiro traballo, onde xunto con versións de grandes músicos do soul, Redding firmaba varios temas propios, que axiña se converteron en clásicos como os que el mesmo interpretaba nese álbum doutros artistas. Unha desas cancións é "Respect", que logo moitos colectivos o adoptarían como un himno para as súas reivindicacións, sobre todo, trala versión de Aretha Franklin, quen popularizou se cabe aínda máis a composición de Otis Redding.


E é que a raíña do soul realizou unha versión formidable da canción de Otis Redding no álbum I Need Loved a Man the Way I Love You (1967). A versión de "Respect", ademais de ser a canción coa que se abre o disco, foi o primeiro single, disparando a sona de Aretha Franklin como unha das mellores voces femininas do soul.


Sempre se dixo que os  Beatles, grandes admiradores dos músicos de soul americanos, se inspiraron moitas veces nas súas cancións para compoñer algúns dos seus éxitos. Os primeirísimos acordes de "Drive My Car", unha das cancións de Rubber Soul (1965), remiten claramente a "Respect", aínda que logo o resto da canción non teña nada que ver nin na forma nin no fondo co clásico de Otis Redding.



Ningún comentario:

Publicar un comentario