Amosando publicacións coa etiqueta Elvis Presley. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Elvis Presley. Amosar todas as publicacións

xoves, 29 de outubro de 2015

Mystery Train

Junior Parker foi un músico de blues cuxo maior éxito foi "Mystery Train", single que editou en 1953 co seu grupo Little Junior's Blue Flames. A letra está tomada dunha famosa canción do grupo de folk tradicional Cartel Family titulada "Worried Man Blues", que á vez baséase nunha antiga balada céltica. Xa pouco antes de editar "Mystery Train" Junior Parker lograra triunfar co anterior single "Feeling Good", pero sería a partir de "Mystery Train", e sobre todo trala versión que Elvis Presley fixo dous anos despois, cando a carreira de Junior Parker empezou a ter maior visibilidade. Outras grandes cancións polas que é recordado son "Next Time You See Me", da súa autoría, e as versións que fixo dalgúns clásicos do blues, que se atopan entre as mellor realizadas.


"Love Me Baby" foi a cara B de "Mystery Train" e tamén tivo un gran recoñecemento.


Elvis Presley gravou unha versión de "Mystery Train" en clave rockabilly en 1955 co que o tema de Junior Parker acadou unha maior notoriedade. Ademais a versión de Elvis Presley incorpora o riff da guitarra de "Love Me Baby", o que lle dá maior presenza á música de Junior Parker.


Outra gran versión das moitas que se teñen feito de "Mystery Train" é a de The Band, incluída no álbum Moondog Matinee (1973). Robbie Robertson engadiulle novos versos á esta nova versión. 


venres, 30 de xaneiro de 2015

Always on My Mind

Johnny Christopher, Wayne Carson e Mark James escribiron unha canción inmortal que, curiosamente, malia estar concibida como un tema country, habería triunfar como balada e despois, como canción de música electrónica. O caso é que a comezos dos setenta, estes compositores tiñan unha execelente canción que lle ofreceron a dúas cantantes con estilos bastante dispares: a Brenda Lee, máis próxima ó pop, ó country e o rockabilly; e a Gwen McCrae, cuxa carreira estaba máis orientada cara ó soul e o R&B, pero a ambas a canción encantoulles e publicaron cadansúa versión en 1972. A de Brenda Lee tivo máis algo máis de éxito nas listas country e finalmente aparecería no álbum epónimo da artista publicado en 1973. 

http://youtu.be/ywZcPC9Uwho

A de Gwen McCrae tivo un éxito máis discreto, pero ó igual que a de Brenda Lee, foi das primeiras en gravar esta canción uns meses antes de que aparecese a versión de Elvis Presley, coa que "Always on My Mind" acadaría a máxima popularidade.

http://youtu.be/hj90zb8CAJQ

Porque ademais de Brenda Lee e Gwen McCrae, en 1972 a canción tamén lle chegou a Elvis Presley, que a gravou pouco despois de separarse de Priscilla, pero non se editou ata o mes de novembro. Con esta versión Elvis volveu a ocupar os primeiros postos das listas.

http://youtu.be/u9sRJ-eOHnc

Xa nos oitenta, a versión de Pet Shop Boys con son electrónico, devolvería a "Always on My Mind" á primiera liña de actualidade. Aparece en Introspective (1988), terceiro disco do dúo británico.

martes, 25 de marzo de 2014

Plaisir d'amour

A partir dun poema do escritor romántico Jean-Pierre Claris de Florian, Jean-Paul Égide Martini compuxo unha canción á que titulou "Plaisir d'amour", nun momento en que a corrente do Romanticismo dominaba tódolos xéneros artísticos en Europa. A composición de Martini non tardou en triunfar en Francia, e a comezos dos século XIX "Plaisir d'amour" era practicamente un clásico que as principais voces da ópera non se resistínan a interpretar. Pero tamén fóra dos círculos clásicos, "Plaisir d'amour" tamén tivo unha excelente acollida que se estende ata a actualidade.


Un dos principais motivos polo que a popularidade de "Plaisir d'amour" se espallou alén dos anos 60 ante o gran público débese a canción que Elvis Presley interpretou coa base de "Plaisir d'amour", a célebre "Can't Help Falling in Love", que é practicamente unha versión nova cunha letra diferente, pero mantendo a mesma melodía. Pertence o álbum Blue Hawaii (1961).


Tamén Aphrodite's Child fixo unha nova adaptación de "Plaisir d'amour" na canción "I Want to Live" en 1969, single que finalmente no incluíron en ningún dos poucos discos que publicaron.

http://youtu.be/UlPd5C2r3Og

Coa enorme popularidade que collían tódalas cancións de Elvis Presley, "Can't Help Falling in Love" conta cunha estensa lista de versións, pero a que máis repercusión tivo nas últimas décadas foi a dos irlandeses UB40 en clave reggae, nun dos seus discos máis exitosos Promises and Lies (1993).


Unha das versións en castelán máis sorprendentes é a de Mägo de Oz no álbum Belfast (2004), á que titularon "Todo irá bien". 


Ese mesmo ano The Who publicaban unha compilación de grandes éxitos chamada Then and Now (2004), onde a banda de Pete Townshend incluía un tema inédito baseado en "Can't Help Falling in Love", que servía de homenaxe a Elvis Presley. Trátase de "Real Good Looking Boy".

martes, 17 de decembro de 2013

O Sole Mio

Non poucas veces os xéneros tradicionais de factura clásica logran atopar un amplo eco na música pop cun resultado satisfactorio respecto á adaptación. A canzone napoletana, non obstante, foi sobre todo nos anos 50 e 60 un dos xéneros favoritos dos artistas, que non dubidaron en rescatalas e darlles un certo aire actual, feito que incidía aínda máis no carácter atemporal destas composicións. Unha das máis famosas é "O Sole Mio", con letra de Giovanni Capurro e música de Eduardo di Capua, en 1898. As interpretacións máis célebres de "O Sole Mio" e que a fixeron mundialmente coñecida son as do tenor Enrico Caruso, ó que aínda se lle relaciona con esta canzone.

http://youtu.be/u1QJwHWvgP8

"O Sole Mio" foi a base de dúas cancións pop dos anos 50. Unha delas é "There's No Tomorrow", escrita por Al Hoffman, Leo Corday e Leon Carr, que se converteu nun éxito na voz de Tony Martin en 1950.

http://youtu.be/e3Qmg9vZFdo

A outra, tamén moi coñecida é "It's Now or Never", un dos singles que Elvis Presley editou en 1960. Neste caso, a sinatura da letra corresponde a Wally Gold e a Aaron Schroeder.

http://youtu.be/qmjdxxAnsB4

venres, 9 de novembro de 2012

Suspicious Minds

As obrigas como cidadán americano non liberaron a Elvis Presley de facer o servizo militar cando estaba no cumio da súa carreira e xa rexentaba o título indiscutible de rey do rock. A chamada a filas podía considerarse como un contratempo para os seus seguidores, ávidos de novas cancións de rock and roll, pero o seu mánager Colonel Tom Parker aproveitou para ensalzar aínda máis a imaxe do seu protexido; mesmo algúen tan importante como Elvis non renunciaba ó cumprimento do deber. Iso ocorreu en 1958 e cando Elvis volveu da mili uns anos despois, a música xa non xiraba en torno á figura do Rey. Así que en 1968 Elvis Presley instalouse en Las Vegas onde lle garantiron actuacións case diarias mentres tentaba remontar a súa carreira, que xa afastada do rockabilly, orientouse cara o pop e o soul. En 1969, sacou un dos singles máis impactantes que se lle recordan, unha fermosa balada chamada "Suspicious Minds", escrita por Mark James.


A principal versión que existe de "Suspicious Minds" débese ó grupo de Birmingham Fine Young Cannibals, que a incluíron no seu disco epónimo de 1986.