Amosando publicacións coa etiqueta Luz Casal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Luz Casal. Amosar todas as publicacións

xoves, 19 de febreiro de 2015

Boig per tu

Raramente as cancións en calquera outra das linguas peninsulares que non sexa o castelán adoita ter unha gran trascendencia comercial, pero cando isto se produce pasa a formar parte da memoria colectiva como unha máis. "Boig per tu" dos cataláns Sau, pertencente a Quina Nit (1990) obtivo unha tremenda popularidade en Cataluña debido tanto á sensibilidade da letra como a fermosa melodía. É un tema que está dedicado á lúa, que consegue emocionar dun xeito sentido. Converteuse nun himno, na consagración de Sau no panorama rock catalán, sobre todo cando Luz Casal o versionou. Isto supuña novos azos para todos aqueles grupos que cantaban nunha lingua distinta do castelán. Un dos últimos herdeiros de Sau son Manel, que cantando integramente en catalán, foron un fenómeno supervendas en toda España hai tan só uns poucos anos.

http://youtu.be/g_wJtyNSWz4

Pero foi coa versión en castelán de Luz Casal, "Es por ti", incluído en A Contraluz (1992) cando o éxito se disparou. Deulle visibilidade á versión orixinal, pois nalgúns concertos de Sau, Luz apareceu como invitada, cantando con eles en catalán.

http://youtu.be/vmNXO9WuFfs

"Boig per tu" tampouco se librou de ser sampleada. Jack Lucien deulle tal reviravolta neste "Be with You", que a desvirtúa totalmente. Mágoa que o resultado sexa tan malo.

http://youtu.be/0yMOMrX6agc

A última versión é a que Shakira fixo no álbum epónimo publicado en 2014.

http://youtu.be/kogPuS-DUHY

martes, 16 de outubro de 2012

No Me Importa Nada

Luz Casal comezou a súa carreira como rockeira, unha distinción que a converteu nunha das mellores intérpretes deste xénero en España, pero iso non foi impedimento para que triunfase no mundo da música con outros estilos que van dende o pop ó bolero sen deixar de lado a súa faceta rock. Esta versatilidade de estilos fixo que Luz sexa unha das artistas máis internacionais, xa que soubo chegar a un público con gustos moi diversos. En 1989 publicou un dos seus discos máis aclamados Luz V onde destaca entre outras "No Me Impota Nada", unha  canción de corte pop que leva a sinatura de Pancho Varona, un dos compositores máis prolíficos no panorama musical español.


En 1995, Pancho Varona, como moitos outros compositores, publicou un disco homónimo coas cancións que lle compuxo a outros artistas, no que inclúe "No Me Importa Nada". De momento, é o único álbum de Varona, pero as composicións que creou dende entón dan para alomenos outro par de discos.


A última versión que se realizou de "No Me Importa Nada" corre a cargo dos mexicanos Byte, que lle imprimiron ó tema de Varona un son electro no seu único disco publicado ata agora Byte (2005).