Amosando publicacións coa etiqueta Death Cab for Cutie. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Death Cab for Cutie. Amosar todas as publicacións

xoves, 10 de xullo de 2014

Purdie Shuffle

Bernard Purdie é un batería que traballou como músico de sesión para discográficas tan importantes coma EMI e Capitol, o que lle deu a oportunidade de participar na gravación de álbums dalgúns dos mellores artistas e grupos da talla de James Brown, Aretha Franklin, Miles Davis e Joe Cocker, entre outros. Gran coñecedor do blues e do jazz, Purdie tamén asinou unha fructífera carreira en solitario desde os anos 60 cun son que algúns cualifican de protofunk. Pero a Bernard Purdie recórdase sobre todo pola variación que creou á batería, unha maneira moi particular que lle valeu o recoñecemento de músicos e que se coñece como Purdie shuffle en honor ó seu creador. Algunhas cancións moi coñecidas empregan esta técnica na súa execución. Antes de dedicarnos a elas, vexamos en que consiste o Purdie shuffle da man do propio autor.

http://youtu.be/6FX_84iWPLU

Un dos primeiros grupos en utilizar esta técnica foi Steely Dan na canción "Home at Last", no álbum Aja (1977). Bernard Purdie traballara con eles no disco anterior, The Royal Scam (1976) e volveu repetir en Aja, polo que era natural que nalgunha canción aparecese o famoso Purdie shuffle.

http://youtu.be/sea3lnVgyrY

Esa non sería a última vez que Steely Dan recorrese o Purdie shuffle; no seguinte álbum, Gaucho (1980) empregárono de novo na canción "Babylon Sisters". http://youtu.be/pAuPMJlK92s

En 1979, Led Zeppelin, sempre tan atentos ás innovacións que afectasen ó rock, usárono en "Fool in the Rain", tema do álbum In Through the Out Door.

http://youtu.be/c6hpI4_Sm-8

Aínda o Purdie shuffle pode escoitarse en cancións relativamente recentes coma a de Death Cab for Cutie "Grapevines Fires", pertencente ó disco Narrow Stairs (2008).

http://youtu.be/Yu4qQKlyF7s

Pero sen dúbida a canción con esta técnica que máis éxito tivo foi a de Toto "Rosanna", que aparece no álbum Toto IV (1982).

http://youtu.be/11f4BgJKxJc

A sona desta canción de Toto serviulle a Art of Noise para elaborar "Beat Box", unha das cancións máis destacadas que se atopan no álbum Who's Afraid of the Art of Noise? (1984) e que anteriormente aparecera no EP Into Battle with Art of Noise (1983).

http://youtu.be/gFzfRUn1QVo

venres, 9 de maio de 2014

Tennis Court

Que sorpresa supuxo o ano pasado a aparición de Lorde no panorama internacional! Esta rapariga de Nova Zelandia deixou coa boca aberta a todos co seu primeiro álbum de longa duración Pure Heroine (2013), que contén unha colección de dez cancións cunha factura maxistral que o situaron como un dos mellores traballos discográficos do pasado ano na voz dunha debutante. Lorde xa anticipara parte do potencial co que nos habería sorprender en Pure Heroine con dous EPs que apareceran meses antes da publicación do álbum, pero non sería ata a aparición deste cando os focos mediáticos se viraron cara ela, demostrando unha vez máis que non é necesario amosar cacha para triunfar no mundo da música, algo que por desgraza, non parecen aprender outras artistas pop. "Tennis Court", canción que abre Pure Heroine e segundo single extraído tras "Royals", está influenciada por dúas cancións segundo os críticos, que agora veremos.

http://youtu.be/D8Ymd-OCucs

A primeira que sinalou a crítica emparéntaa con "The District Sleeps Alone Tonight", unha das cancións que se atopan no único álbum publicado de The Postal Service, o efímero grupo paralelo de Ben Gibbard á marxe de Death Cab for Cutie. Desde logo parece evidente a influencia de The Postal Service, malia que as similitudes entre ámbalas dúas cancións son un tanto subxectivas. Quizais onde máis preto está a canción de Lorde da de The Postal Service sexa na segunda parte desta última, onde o ritmo se acelera, achegándoa ó ritmo da de Lorde.

http://youtu.be/0FqmJy8HzQI

Máis parecido si parece ter coa canción de The XX "Together", que gravaron para a banda sonora da nova película de The Great Gatsby (2013), sobre todo no que respecta na base, pero en calquera caso hai que subliñar que non se trata nada máis que dunha coincidencia, xa que tanto a canción de Lorde coma a de The XX se editaron practicamente nas mesmas datas, con tan só un mes de diferenza

http://youtu.be/yoj2I6ZJLx8

luns, 21 de outubro de 2013

Such Great Heights

Nos últimos anos é moi habitual que os líderes dunhas determinadas bandas con certa sona decidan emprender novos proxectos paralelos que lles permitan adentrarse en experimentos que nos grupos orixinais serían moi difíciles de levar a cabo. Vímolo xa con Animal Collective e Panda Bear, así que hoxe traemos outro exemplo semellante. Ben Gibbard, que levou ó máis alto do rock alternativo a Death Cab for Cutie desde finais dos anos 90, animouse a probar sorte no electropop xunto con outros músicos doutras bandas. O resultado foi The Postal Service, unha especie de supergrupo como o os que xurdían habitualmente nos anos 70. Así cun son totalmente diferente ó de Death Cab for Cutie, The Postal Service debutaban en 2003 co álbum Give Up, cuxo primeiro single "Such Great Heights" é tan bo como calquera das cancións que Ben Gibbard nos ofrece con Death Cab for Cutie.


Para ter editado tan só un disco, The Postal Service convertiuse nun dos novos paladíns do electropop da última década, como ben proba as boas críticas que colleitou, así como que moitos artistas non dubiden de vez en cando en facer algunha versión dese traballo. E non só iso, Owl City, que nos últimos anos se convertiu nun referente da música electrónica, tamén se deixou engaiolar pola calidade de Give Up e esa influencia é notable na canción "Shooting Star", pertencente ó album The Midsummer Station (2012).




martes, 7 de agosto de 2012

Losing My Religion

"Losing My Religion", o primeiro single do sétimo álbum de REM Out of Time (1991) marcou un punto de inflexión na banda de Michael Stipe que ata ese momento apenas se apartou dos circuitos indies de Estados Unidos, malia contar tamén cun público fiel en Europa e en Australia. A súa popularidade acadou unhas cotas tan altas que de súpeto, a banda de Atlanta foi recoñecida mundialmente e moita xente comezou a descubrilos dende entón. Non é para menos, dende a década dos 70 non se vía nas listas de vendas unha canción na que aparecese unha mandolina. Peter Buck cambiaba a guitarra por ese instrumento, dándolle unha maxia única a "Losing My Religion", expresión sureña que significa perde-la paciencia.


Co éxito que colleitaron e xa na primeira liña da escena musical, comezaron a sucederse as versións e tamén unha certa influencia desta canción noutros grupos. Quizais a máis evidente é a de Death Cab for Cutie, a banda de Ben Gibbard que toma o nome dunha canción dos 60, que no álbum Plans (2005) incluía "Souls Meets Body".

http://www.goear.com/listen/eb906d1/soul-meets-body-death-cab-for-cutie