Amosando publicacións coa etiqueta The Jam. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta The Jam. Amosar todas as publicacións

venres, 24 de xullo de 2015

All Around the World

Certo é que "All Around the World" non é o título máis orixinal para unha canción, polo que nos dá para facer un monográfico con cancións que se chaman así, cancións que fan xirar todo arredor do mundo. Comezamos coa de Little Richard, que apareceu na cara B de "The Girl Can't Help It" (1956).

https://youtu.be/5PurMspDDJA

The Jam tamén editou un single no verán de 1977 con ese título, que é unha boa mostra de punk.

https://youtu.be/GPktB0NHwDY

Unha das cancións máis fermosas das que se titulan "All Around the World" é a de Lisa Stansfield, no álbum Affection (1989).

https://youtu.be/xbEkjsGevss

Hai que dicir en descargo dos irmáns Gallagher, con sona dabondo de "apropiarse" e remodelar melodías alleas, que o seu "All Around the World", pertencente a Be Here Now (1997), é unha composición totalmente orixinal. Incluso para a crítica é unha das mellores cancións de Oasis e a única homenaxe que se lle pode achacar está no videoclip, inspirado no "Yellow Submarine" dos Beatles. 

https://youtu.be/bdT8ixdxPX4

Pero ás veces pasan cousas raras, sobre todo cando un artista consagrado se xunta con produtores especializados en remixes. Que llo pregunten a Lionel Richie cando se puxo en mans de Bob Sinclair para remesturar o seu "All Around the World", pertencente a Coming Home (2006), que só serviu para acentuar as críticas negativas a esta canción.

https://youtu.be/AxZww3SjdoY

Por certo, esta é a orixinal de Lionel Richie.

https://youtu.be/lm5NcvSDZig

martes, 30 de decembro de 2014

Amsterdam (2)

E como xa comentamos na entrada anterior sobre as cancións dedicadas á capital neerlandesa, nas últimas dúas décadas incrementáronse de forma notoria os temas sobre "Amsterdam", especialmente en grupos e artistas que nin sequera son orixinarios dos Países Baixos. No entanto, algo deberon de atoparlle os músicos a esta cidade para falar dela nas súas composicións, ou canto menos, para bautizala  cun título tan suxestivo como o dunha das cidades máis fermosas de Europa. A lista é bastante ampla, así que para non aburrirvos demasiado, escollemos nesta quenda tan só oito, que amosan á perfección ese gusto por Amsterdam. A primeira, a de Coldplay, que pecha o segundo álbum dos británicos, A Rush of Blood to the Head (2002).


Cambiando de estilo e de continente, a banda procedente de Boston, Guster, cantáballe a Amsterdam no álbum Keep It Together (2003).


En agosto de 2006 publicábase cadanseu álbum de dúas das bandas suecas indies máis emerxentes do momento, Mando Diao e Peter, Bjorn and John. Nos dous hai senllas cancións sobre Ámsterdam. O disco de Mando Diao é Ode to Ochrasy (2006).


Peter, Bjorn and John, que se fixeron moi famosos por outro tema do mesmo álbum, "Young Folks", tamén lle cantaron á capital neerlandesa en Writer's Block (2006).


Pero o interese por Ámsterdam non só embriagou a bandas da escena indie, senón que bandas consagradas coma Crowded House e músicos coma Paul Weller caeron rendidos ó seu encanto. Este último titulou a súa canción, "In Amsterdam", no álbum Wake Up the Nation (2010).

http://youtu.be/MraGyjvh4Ds

Ese mesmo ano publicábase o último disco ata o momento da banda de Neil Finn, Crowded House, Intriguer (2010), que tamén contén a súa particular "Amsterdam".

http://youtu.be/73BUuICE6LE

Imagine Dragons é outra das bandas que non pode faltar neste repaso. O marabilloso Night Visions (2012) tamén ten unha canción sobre Ámsterdam.

http://youtu.be/TKtPXO5iEnA

Rematamos esta entrada co "Amsterdam" de Daughter, unha das mellores cancións que contén o debut desta banda inglesa, If You Leave (2013).

http://youtu.be/Y0VaZ5A2QyU

xoves, 9 de outubro de 2014

Ain't No Love in the Heart of the City

Bobby Bland tivo unha carreira discográfica prolífica que abarcou desde o blues dos primeiros tempos ata un elegante soul co que foi modelando o seu estilo ata facer del un músico cun dos rexistros máis variados. Desde os comezos nos anos 50 ata ben entrados os 90, Bobby Bland non deixou de entrar nos estudios de gravación, pero en 1974 ía producirse un momento significativo na súa carreira. Coincidiu coa súa fichaxe pola discográfica Dunhill e como sempre que se trata dun estreno, había que coidar moito a preparación do novo álbum. As cancións escollidas para formar Dreamer (1974) seleccionáronse con esmero, de aí que o disco sexa un dos mellores. Nel está "Ain't No Love in the Heart of the City", fermosísima canción soul, pola que aínda hoxe Bobby Bland permanece na memoria, tanto de artistas,  de crítica coma de público.


En 1978 faise a primeira versión de "Ain't No Love in the Heart of the City". Lévana a cabo os debutantes Whitesnake, unha banda con inclinación ó rock metal con toques de glam que na década seguinte se convertiría nunha das grandes bandas do rock comercial. A súa versión, entre o blues e o rock, marcou o despegue da súa carreira e pertence o EP Snakebite (1978).


A versión de Whitesnake igualou a sona da orixinal de Bobby Bland, o que ocasionou que os artistas que se decidiron a versionar "Ain't No Love in the Heart of the City" se dividisen en facela en clave soul ou en clave rock. Unha das mellores rock é a de Paul Weller en 1998.


En clave soul non está nada mal a de Lukas Graham, aínda que lle variou un pouco a letra. De feito, a súa versión titúlase "Daddy, Now That You're Gone (Ain't No Love)" é está no álbum epónimo co que debutou en 2012.


Outros artistas, en cambio, en vez de facer versións prefiren empregar samples nas súas propias composicións. Un deles é GRIZ en "Where's the Love", que comeza coa canción de Bobby Bland. "Where's the Love" pertence a Mad Liberation (2012).


mércores, 26 de febreiro de 2014

Wild Wood

Tras dar por rematada a aventura de The Jam, unha das bandas británicas de cabeceira para boa parte dos grupos de britpop, Paul Weller emprendeu unha nova etapa en que demostraba que aínda lle quedaban moitas cousas que dicir e moito que achegar aínda ó mundo da música. Non obstante, antes de que os discos de Weller fosen asinados exclusivamente co nome do músico, formou unha nova banda, The Style Council, co que experimentar con novos sons e estilos diferentes do que adoitaba facer con The Jam. Con todo e a pesar das boas críticas colleitadas, The Style Council non chegou a ter unha década de vida e despois duns anos intentando emerxer cunha nova banda, Weller empezou unha carreira en solitario un tanto irregular, pero sempre dun altísimo nivel. En 1995 aparecía o segundo disco Wild Wood, e a canción que lle dá título é unha das máis fermosas.


No álbum Always (2007), Gabrielle incluíu unha canción baseada en "Wild Wood". Trátase de "Why" e na que o propio Paul Weller participa nos coros, deixando claro así que a idea non lle parecía mal.

                                                                                                  

martes, 2 de abril de 2013

Showdown

Unha das grandes bandas de rock sinfónico que apareceron a comezos dos anos 70 é a Electric Light Orchestra. Os ingleses Roy Wood e Jeff Lynne souberon imprimirlle ó seu grupo un son propio moi recoñecible ó longo do tempo. En 1973 editaban o seu terceiro disco On the Third Day despois dunha serie de problemas internos que acabaron na saída da banda de Roy Wood. A parte positiva foi a colaboración de Marc Bolan nalgunhas das cancións do álbum, onde toca a guitarra. Na versión americana do disco, a Electric Light Orchestra incluíu "Showdown", un dos seus maiores éxitos.


A Electric Light Orchestra dérase a coñecer en todo o mundo co single "10538 Overture" onde xa mostraban as liñas principais que ían definir o seu son. Incluíuse no álbum epónimo da banda, co que debutaron a finais de 1971 e como a maioría das cancións da ELO, está asinada por Jeff Lyne.


Estas dúas cancións da Electric Light Orchestra foron imprescindibles para Paul Weller á hora de crear "The Changingman", unha das cancións do seu álbum en solitario Stanley Road (1995). O líder de The Jam combina as dúas cancións para crear unha nova canción no seu terceiro disco.

xoves, 20 de decembro de 2012

Taxman

Revolver, o segundo álbum que os Beatles publicaron en 1966 tras Yesterday and Today ábrese con "Taxman", unha das cancións que escapan do binomio Lennon-McCartney xa que foi composta integramente por George Harrison, quen en moitos momentos viviu á sombra de John e de Paul. E iso que  as cancións de George Harrison nos Beatles están á altura dos seus compositores habituais, pero é que precisamente o feito de que xunto con Ringo fosen todos uns xenios fixeron que The Beatles sexan hoxe considerados os mellores.


The Jam, a banda que catapultou a Paul Weller á fama e unha das referencias do punk máis temperá, así como da New Wave, homenaxeou a George Harrison no tema "Start!", do álbum Sound Affects (1980) ó introducir os riffs de guitarra e de baixo de "Taxman".