Amosando publicacións coa etiqueta Art of Noise. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Art of Noise. Amosar todas as publicacións

martes, 25 de novembro de 2014

Dragnet

Xa indicamos máis dunha vez que as músicas intrumentais das series e das películas, así como dos programas de radio ou televisión raramente teñen  maior transcendencia máis aló do formato para o que foron concebidos. Pero sempre hai excepcións. Nos anos cincuenta do pasado século foi moi popular en Estados Unidos un programa de radio chamado "Dragnet", que logo pasou a emitirse en televisión. Mais parte do éxito do programa estaba baseado na súa banda sonora, que co tempo tamén formou parte de series televisivas e de películas. Compúxoo Walter Shumann e desde logo, é preciso sinalar que máis dun programa de radio, parece sacado dunha película de ciencia ficción, desas nas que saen extraterrestres intentando conquistar a Terra. 


Con certas modificacións que a afastaban do son de big band coa que triunfou, outros artistas animáronse a versionar "Dragnet". Quizais a versión máis coñecida foi a que Art of Noise gravou para unha película en 1987 chamada precisamente "Dragnet".


Tampouco hai que esquecerse do aceno que Eric Burdon e a súa banda The Animals lle fixo a "Dragnet" no comezo de "San Franciscan Nights", de Winds of Change (1967), onde comezan cunha parodia de "Dragnet".


O grupo feminino First Choice tamén comezou a súa canción "Armed and Extremely Dangerous" cos acordes de "Dragnet", que logo se van repetindo en distintos lances do tema. A canción pertnence ó álbum Armed and Extremely Dangerous (1973).

xoves, 10 de xullo de 2014

Purdie Shuffle

Bernard Purdie é un batería que traballou como músico de sesión para discográficas tan importantes coma EMI e Capitol, o que lle deu a oportunidade de participar na gravación de álbums dalgúns dos mellores artistas e grupos da talla de James Brown, Aretha Franklin, Miles Davis e Joe Cocker, entre outros. Gran coñecedor do blues e do jazz, Purdie tamén asinou unha fructífera carreira en solitario desde os anos 60 cun son que algúns cualifican de protofunk. Pero a Bernard Purdie recórdase sobre todo pola variación que creou á batería, unha maneira moi particular que lle valeu o recoñecemento de músicos e que se coñece como Purdie shuffle en honor ó seu creador. Algunhas cancións moi coñecidas empregan esta técnica na súa execución. Antes de dedicarnos a elas, vexamos en que consiste o Purdie shuffle da man do propio autor.

http://youtu.be/6FX_84iWPLU

Un dos primeiros grupos en utilizar esta técnica foi Steely Dan na canción "Home at Last", no álbum Aja (1977). Bernard Purdie traballara con eles no disco anterior, The Royal Scam (1976) e volveu repetir en Aja, polo que era natural que nalgunha canción aparecese o famoso Purdie shuffle.

http://youtu.be/sea3lnVgyrY

Esa non sería a última vez que Steely Dan recorrese o Purdie shuffle; no seguinte álbum, Gaucho (1980) empregárono de novo na canción "Babylon Sisters". http://youtu.be/pAuPMJlK92s

En 1979, Led Zeppelin, sempre tan atentos ás innovacións que afectasen ó rock, usárono en "Fool in the Rain", tema do álbum In Through the Out Door.

http://youtu.be/c6hpI4_Sm-8

Aínda o Purdie shuffle pode escoitarse en cancións relativamente recentes coma a de Death Cab for Cutie "Grapevines Fires", pertencente ó disco Narrow Stairs (2008).

http://youtu.be/Yu4qQKlyF7s

Pero sen dúbida a canción con esta técnica que máis éxito tivo foi a de Toto "Rosanna", que aparece no álbum Toto IV (1982).

http://youtu.be/11f4BgJKxJc

A sona desta canción de Toto serviulle a Art of Noise para elaborar "Beat Box", unha das cancións máis destacadas que se atopan no álbum Who's Afraid of the Art of Noise? (1984) e que anteriormente aparecera no EP Into Battle with Art of Noise (1983).

http://youtu.be/gFzfRUn1QVo

mércores, 19 de marzo de 2014

Leave It

Sen tempo para reporse da repercusión que tivo o primeiro single que Yes editou do álbum 90125 (1983), o famosísimo "Owner of a Loneliness Heart", saía o segundo single "Leave It". Despois do enorme éxito que collera o single predecesor, era evidente que "Leave It" non ía chegar tan lonxe, pero para entón o álbum xa estaba o suficientemente amortizado e os novos singles tamén mostraban unha calidade excepcional. Ó igual que "Owner of a Loneliness Heart", na elaboración de  "Leave It" participou o produtor do disco, Trevor Horn, que daquela xa empezaba a despuntar como un dos produtores e autores con máis sona e dos máis solicitados. Nalgunhas edicións do single, "Leave It" vai a continuación de "Cinema", que lle serve de precedente tamén no álbum.

http://youtu.be/f4_l8PXtXw0

Apenas medio ano despois da publicación do disco de Yes, aparecía no mercado o primeiro disco de longa duración de Art of Noise Who's Afraid of the Art of Noise? (1984) en cuxas cancións tivo un papel decisivo Trevor Horn, que colaborou na súa creación. Talvez por iso non estrañe atopar en "Close (to the Edit)" algún rastro pertencente a "Leave It".

http://youtu.be/KxidefcsjDc

venres, 24 de xaneiro de 2014

The Rockafeller Skank

Norman Cook é un dos músicos con menos acougo do Reino Unido, pois durante a súa carreira, que comezou a comezos dos anos 80, levou a cabo proxectos musicais de todo tipo. A maioría da xente recórdao sobre todo por The Housemartins, unha bandas que nos anos 80 triunfou con cancións como  a versión  a capella de "Caravan of Love". Tampouco hai que esquecer a Freak Power, banda de brevísima traxectoria, pero do máis interesante, que a mediados dos 90 engalanou os oídos dos melómanos con "Turn On, Turn In, Cup Out", que estaba no únido disco editado Drive-Thru Booty (1994). Pois ben, a penúltima aventura de Norman Cook, Fatboy Slim, tivo un éxito comparable ou incluso superior á de The Housemartins. A popularidade de Fatboy Slim disparouse sobre todo coa publicación do single "The Rockafeller Skank", un compendio de distintos samples como veremos a continuación, pertencente ó album You've Come a Long Way, Baby (1998). De momento, con The Brighton Port Authority aínda non deu coa tecla do éxito masivo que tivo con Fatboy Slim.


Unha das cancións empregadas por Norman Cook e tamén a que máis se evidencia en "The Rockafeller Skank" é a instrumental de Just Brothers "Sliced Tomatoes" do ano 1972.


A letra do retrouso, e que se repite a cada momento está sacada da canción de Lord Finesse "Vynil Dog Vibe". A canción comeza con esa frase para acabar sendo un tema instrumental.


Tamén está presente a famosa versión de Bobby Fuller de  "I Fought the Law (and the Law Won)" en 1965.


E tamén se pode apreciar a canción de Art of the Noise "Peter Gunn", do álbum In Visible Silence (1984), no que participa Duane Eddy.